A RÍA NON SE VENDE E A AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

foto1161.jpg

20/11/07
REUNIÓN COAS CONSULTORAS CONTRATADAS
POLA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

Convocados por Beatríz Colunga, xefa de Planificación e Infraestructuras da Autoridade Portuaria de Vigo, representantes deA RÍA NON SE VENDE, rede de colectivos veciñais e ecoloxistas pola defensa medioambiental da ría de Vigo, acudemos o martes 20 de novembro ás oficinas da Autoridade Portuaria co obxectivo de darlle a coñecer a nosa visión ás empresas que estan a realizar un estudo consultivo sobre os usos portuarios .

Ao inicio da reunión, os representantes dos colectivos fixemos a nosa presentación, algo que tamén fixeron os representantes das empresas consultoras, que son PETRA e TTU. Para a nosa sorpresa, ningún dos representantes da APV foi quen de facer outro tanto. Por compañeiros que os coñecían sabemos que os autores da descortesía responden ós nomes de Luis Lara Rubido (Director da Autoridade Portuaria), José Luis de Luis (Xefe do Departamento de Xestión de Dominio Público)e a xa citada Beatriz Colunga. Tamén estaba alí unha secretaria (ou algo así) que tomaba notas.
Como é sabido, o anterior Plan de Usos posto a exposición pública o pasado setembro foi obxecto de numerosas alegacións que facían especial fincapé na total e absoluta conculcación da lexislación portuaria e medioambinetal vixentes a nivel estatal e europeo.
Os representantes de A RÍA NON SE VENDE manifestamos de entrada que é aí, nesas alegacións, onde dunha maneira máis completa e clara poden atopar as nosas posturas, reivindicacións e opinións.
Por parte das consultoras díxose que a convocatoria, auspiciada pola APV, se realizaba co fin de escoitar cantas propostas puidésenselles formular para elaborar un ditame que conducira á redacción dun novo Plan viable.
Recoñeceron o seu descoñecemento da real e auténtica problemática da situación á que se enfrontaban, pretendendo transmititir a súa imparcialidade e independencia dicindo que non consultaran as alegacións que se presentaron ao PUEPZSPV co fin -segundo eles- de emitir un xuízo xusto e non mediatizado.
Tomaron nota das diversas intervencións e recoñeceron que o ditame que eles puidesen emitir non era, de ningún xeito, vinculante e que descoñecian incluso se se ía facer público.
Por parte dos representantes de A RÍA NON SE VENDE púxose de manifesto, sobre todo, a obrigación da APV de respectar as estipulacións das vixentes Leis 27/1992, de Portos do Estado e da Mariña Mercante, a 48/2003, de réxime ecónomico e de prestación de servizos dos portos de interese xeral e, consecuentemente, do contemplado nas mesmas no referente á imprescindible e ineludible avaliación do impacto ambiental de todas e cada unha das obras a proxectar e realizar no ámbito portuario, e da obrigatoria avaliación estratéxica que precisará o propio Plan de Usos, tal como esixe a lei 9/2006.
Chamouse a atención sobre a necesaria visión da Ría como un conxunto no que non só se realizan actividades portuarias, senón que representa un complexo ecosistema natural no que teñen lugar diferentes actividades sociais, deportivas, turísticas, extractivas e productivas, dando emprego directo a máis de 7.000 persoas que traballan na acuicultura, a pesca e o marisqueo. Un ecosistema exposto á intensa presión da numerosa poboación das súas ribeiras.
Púxose de manifesto a reiterada conculcación da lexislación portuaria vixente nos casos da enseada de San Simón (Rede Natura 2000), da zona de Teis, da zona central do porto de Vigo (o inexistente, nunca tramitado e nunca aprobado “Abrir Vigo ao mar”, o ilegal concurso de transformación da área central do porto), a barbaridade do “Recheo de Bouzas”, e sobre todo, a constatación da ocupación espuria do 90% do territorio portuario por empresas e entidades que de ningún xeito poden xustificar a súa localización no mesmo.
Resaltouse o paradigmático feito de que unha empresa multinacional presuma de ocupar 250.000 m2, reclame necesitar 130.000 m2 máis, (atrevéndose a condicionar a tramitación do PUEP e a esixir a ampliación da liña de atraque en Bouzas) e que ademais se lle constrúan silos para o almacenamento dos seus produtos, cando non é concesionaria de un só metro cadrado portuario e, consecuentemente, non paga nin un céntimo de euro por iso.
Ante a reiterada conculcación da legalidade manifestouse que, de forma inmediata, procederemos a solicitar a execución de derriba do edificio onde se sitúan as oficinas da Xunta de Galicia, e máis á inmediata presentación dun procedemento contencioso-administrativo contra o edificio de “A Laxe” promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo; anunciamos tamén outro procedemento contencioso-administrativo contra a APV pola apropiación indebida dos terreos malfadadamente aterrados polo Concello de Vigo, en Bouzas.

No referente a Bouzas tamén se falou de retirar os pantaláns da darsena, algúns deles de clara situación ilegal por estar a menos de 200 m dunha praia, de retirar as naves de oficinas da Zona Franca e de retirar esa parte do recheo para recuperar medioambientalmente a zona e o banco marisqueiro alí soterrado.

Tamén se fixo referencia ao necesario control que a Autoridade Portuaria, como administración responsable, ten que exercer sobre as empresas concesionarias, tanto no seu uso adecuado do dominio público como do necesario respecto medioambiental, falándose en concreto de determinadas malas prácticas dos asteleiros que deberan ser suprimidas.

Deixóuselles como documentación un resume da anterior entrevista co Presidente do Porto, Xesús Paz, un escrito co resume dos puntos que consideramos que hai que ter ineludiblemente en conta na redacción dun Plan de Usos, as alegacións presentadas no seu día polos colectivos e un estudio de 15 puntos negros medioambientais na ría, tanto da xurisdicción da Autoridade Portuaria como non.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s