A RÍA DE VIGO, A DESTRUCIÓN QUE NON CESA

010ii11.jpg

011ii1.jpg

A RÍA DE VIGO, A DESTRUCIÓN QUE NON CESA

A Rede A Ría Non Se Vende, composta por 16 colectivos, vense de reunir por terceira vez co presidente da autoridade portuaria de Vigo, Xesús Paz, esta vez para recibir explicacións sobre as propostas realizadas por dúas consultoras externas ao porto sobre zonificación de usos e posibles ampliacións do porto.

En xuntanza anterior, a Rede xa presentara as súas suxerencias destinadas á redacción do tan agardado Plan de Usos, e un informe detallando 14 puntos negros medioambientais da ría, tanto na xurisdición da APV como en outras xurisdicións.

Parte de estas novas propostas xa se coñecían pola prensa, a cal, alomenos a máis oficialista, parece empeñada en imaxinarse un amplo consenso ao redor delas, cando a realidade é que as informacións que corren son incompletas, non chegan a grande parte dos sectores con actividade económica dependente do estado ambiental da ría nin á poboación de a pé, e insisten na aburrida perorata de crecemento, progreso, etc..

A realidade, a pesares da aparente boa intención do actual presidente da APV, é que continuamos a asistir ao espolio e destrución da riqueza natural, de recursos e paisaxística dunha ría que, aparte dos postos de traballo que dependan da actividade portuaria, da sustento a 15.000 empregos directos, 9.991 na pesca, 1.124 no marisqueo, 2.373 na acuicultura e 2.109 nas actividades directamente relacionadas en terra.

Recoñecen o uso dos espazos portuarios para actividades que se poderían realizar en outras localizacións e deseñan un plan no tempo para retirar algunhas destas empresas, pero están atados por unha xestión nefasta ate o momento e estes traslados presentan grandes dificultades. O porto de Vigo é o único dos 28 pertencentes a Puertos de Estado que non ten aprobado un Plan de Usos, plan que xa era obrigatorio no ano 1993. E o caos continúa sen efectuar a intervención radical que se precisa.

Moi ao contrario, se prescinde de facer o análise global que a ría precisa e as propostas céntranse en contentar a intereses concretos, consolidando exemplos de corrupción e ilegalidade como o porto deportivo de Punta Lagoa, na Guía, de 350 amarres, que destruíu bancos marisqueiros e arrasou o hábitat do cabaliño de mar, e que ten resolucións de derrubo e xa catro sentenzas xudiciais que confirman as súas múltiples ilegalidades. E “premiando” ao seu promotor, o presidente de Pescanova, con 5.000 m2 de recheos e 30.000 m3 de dragados nas instalacións da súa empresa en Chapela, lindantes con Rede Natura. Tamén aparecen 21.000 m2 de novo recheo en Punta Chapelisa, lindantes con Pescanova, xa dentro da propia Rede.

Citroen, unha firma que non ten nin un só metro cadrado de concesión portuaria, nin estes espazos aparecen asignados a ningún outro operador, beneficiase dunha ampliación da súa superficie dedicada a aparcadoiro mediante a realización de silos en altura e, a maiores, máis de 80.000 m2 de recheo extra en Bouzas. As oficinas de Zona Franca, un campo de fútbol e múltiples naves industriais permanecen no lucrativo (para o porto) recheo, situado enriba do que fora o banco marisqueiro máis produtivo da ría.

Abel Caballero utilizou seu paso pola APV como trampolín para a alcaldía de Vigo, convocando un concurso para remodelar o área central do porto, con unhas bases incongruentes coa lexislación de portos, e que se adxudicou a Jean Nouvel. As actuais propostas deixan o espazo en branco para ese proxecto, imposible de realizar segundo a lexislación vixente, pero que terían o suporte económico garantido coa creación de unhas 1.150 prazas de amarre no pleno centro da cidade. A privatización da ría sempre foi lucrativa para alguén. No Salgueirón, en Cangas, se xoga cos mesmos ingredientes, ilegalidade, arquitecto de luxo, privatización e porto deportivo para proxectar 420 amarres nunha zona de gran riqueza natural. E os contenciosos que os paguen os afectados.

Na zona de Rande, en plena Rede Natura, se presentan dúas novas propostas de recheo, a antes citada de Punta Chapelisa, e 32.000 m2 máis ampliando a terminal de granito, terreo de almacenaxe barato. Na xuntanza mantida, e preguntado polo tema, Xesús Paz se defende argumentando que a Rede Natura permite certos tipos de actividades dentro da súa xurisdición. Nós nos preguntamos si non falaría xa con Manuel Vázquez e este lle asegurou que recheos e nocivas actividades portuarias si poderán estar permitidas no PRUX, PORN ou Plan de Conservación do LIC Enseada de San Simón!. Non parece que tales minucias ou ningún principio de precaución sexan capaces de apartar a estas xentes dos seus obxectivos de beneficio.

Algo así nos tiñamos que imaxinar cando xa no 2005 a Fundación Provigo pechou o Observatorio Medioambiental da Ría de Vigo, ao parecer por non poder asumir os 70.000 euros do seu custe anual. Podería crerse esa razón se non fora porque dita fundación está formada entre outros polo Consorcio da Zona Franca, Caixanova, Deputación provincial, Citröen, a Cámara de Comercio ou o Club Financeiro de Vigo.

E non é so a APV a que ten un comportamento voraz coa ría, tamén a Xunta pretende promover nas instalacións da antiga ETEA, en Teis, un porto deportivo con 1.076 amarres, dentro dun plan director de portos deportivos que pretende crear máis de 4.000 novos amarres na ría; e o desastroso estado da rede de depuración fai rebosar todos os aliviadoiros do litoral con precipitacións absolutamente normais, producindo, xunto ao deficiente funcionamento das depuradoras, enormes concentracións de coliformes que se suman ás xa altas concentracións de metais pesados, clorobifenilos e hidrocarburos para afectar á calidade e o prezo dos produtos da ría e comprometer o seu futuro. Ao mesmo tempo, o paso do AVE e de dúas autovías proxectadas perto da Enseada de San Simón poden supoñer un gravisimo impacto ambiental e de afección ao medio rural. E a consellería de medio ambiente ignora a avaliación ambiental dos plans xerais de Vigo e Moaña, que proxectan duplicar o número de vivendas… Imos ben cara a algún tipo de progreso?. Se opinas que non, acude o día 25 de maio, as doce, á Praza da Estrela de Vigo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s