CONTRA A DESTRUCIÓN DA RÍA DE VIGO: Manifesto de A RÍA NON SE VENDE

aria.jpg

Máis unha vez, desde o porto de Vigo dinnos que precisan de máis espazo, máis unha vez non lles chega o que teñen, e pretenden facer máis recheos, algún en espazos protexidos como a Enseada de San Simón. Queren aterrar no mar 23 Hectáreas. Din que é unha actuación respectuosa co medio ambiente, que ten o consenso de todos os sectores da cidade, que está baseada no diálogo e no respecto pola legalidade…. Máis unha vez mexan por nós e din que chove.
O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertela nun almacén de vehículos e nun polígono industrial.
Os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen. Canto costa unha praia?, e se son 15?, canto costa un banco marisqueiro?, canto costa unha Ría sen contaminación?, canto costa a fermosa paisaxe da Ría?, canto costa un solpor?, canto costa vivir sen o ruído, sen o po e a polución que orixina a actividade portuaria?…

Se desde o Porto de Vigo tiveran que pagar todo o que destruíron, e indemnizar polas molestias ocasionadas durante varias décadas, o seu balance económico sería un fiasco e nunca máis se lles pasaría pola cabeza facer recheos. Mais eles sempre gañan e a Ría cos seus seres vivos e a veciñanza sempre perdemos.
A ampliación portuaria non ten xustificación, o espazo de que dispoñen está infrautilizado, ocupado por empresas que non gardan relación coa actividade portuaria e por un enorme e esperpéntico almacén de vehículos, os cales só terían que estar no porto no momento de embarcar. Por se fora pouco, agora pretenden amorealos en plataformas de 10 m. de altura.
Utilizan tamén o espazo portuario para construír edificios como o da Xunta, centros comerciais como o da Laxe e incluso pretenden construír un Hotel no medio da Ría, como unha segunda torre de Toralla, eso si, proxectado por un arquitecto de fama mundial, que é a ridiculez que está de moda. Por non falar doutros proxectos moi anunciados na prensa como unha noria, locais de comida rápida, centros de talasoterápia, piscinas, restaurantes, cines, etc., todo moi relacionado coa actividade portuaria.
Alén diso o crecemento que vaticinan está baseado en meras especulacións, xa que o tráfico de mercadorías e fluctuante e pode aumentar ou diminuír, e de feito esta a diminuír a entrada e saída de moitas mercadorías. Desde o porto búscase un liderazgo infantil e andan a competir cos demais portos galegos, cando deberían repartirse o tráfico e coordinarse entre eles.
No porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidade e utilizan o espazo público para negocios privados e para a especulación urbanística. É hora de que o porto de Vigo aproveite o espazo que xa ten, levante os recheos que non están sendo utilizados en actividades portuarias e recupere as zonas degradadas.
Os efectos dos recheos son acumulativos, tanto nos feitos moito tempo atrás como nos recentes, ou nos que se fan en distintos puntos da Ría. O perfil orixinal do litoral da Ría foi totalmente modificado debido aos aterramentos, provocando sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen noutras novas, o que afecta ás praias, aos bancos marisqueiros, ás areas de posta e alevinaxe, á pesca de baixura, á biodiversidade e a toda a vida da Ría.
A Ría de Vigo constitúe un dos ecosistemas con maior producción biolóxica do mundo, é un ecosistema único, moi fráxil e que xa está moi degradado.
Dende a Xunta de Galiza e o Porto pretenden triplicar o número de amarres de embarcacións deportivas, querendo pasar de 2.800 a máis de 8.000. Eso sen contar o enorme porto deportivo que se construiría se ampliaran o peirao de cruceiros, o que supón o verdadeiro motivo desa ampliación, xa que a suposta necesidade de liña de atraque cando chegan mais de dous cruceiros a Vigo é só unha escusa, porque só sucede un par de veces ao ano, e nunca deixan de entrar cruceiros por ese motivo.
Outra aberración especulativa sería o Porto deportivo da ETEA con 1.084 amarres sobre a praia de Ríos, destruíndo un banco marisqueiro de ameixa fina e facendo da praia natural da Punta unha praia artificial.
Desde a Xunta din, sen vergoña ningunha, que pretenden captar embarcacións deportivas de Portugal e de outros países para que pasen aquí o inverno, ofrecendo baixos prezos, ou sexa que arruínen, e ocupen o noso litoral por unhas cantas moedas. Esta xente sería capaz de vender á súa nai, se é que non a venderon xa.
Construír portos deportivos significa estragar o litoral, privatizar lámina de auga e especular co dominio público para favorecer a unhas cantas empresas privadas.
Alén diso o Porto concedeu unha segunda prorroga para construír o elitista porto deportivo de Massó en Cangas, proxecto que conta coa oposición do pobo de Cangas e que está cheo de irregularidades xurídicas.<br />
Os amarres para embarcacións deportivas deben ser só para as embarcacións que saen a navegar a miúdo e deberíanse trasladar ás zonas que están mais degradadas. Para as embarcacións que só navegan un mes ao ano hai alternativas como as mariñas secas ou as cacharelas de San Xoán. Non vamos consentir que se privatice a Ría porque se pon de moda entre a xente podente ter un barquiño para fardar diante dos colegas.
Moitos de estes portos deportivos están vinculados a proxectos urbanísticos especulativos nas proximidades e en primeira liña de costa.<br />
O urbanismo salvaxe e a falta de planificación nos concellos bañados pola Ría é unha barbaridade. Os Planos Xerais de concellos como Vigo, Moaña ou Baiona, están baseados na especulación. Pretenden duplicar o número de vivendas sen previsión de saneamento, destrozando as parroquias do rural e do rural costeiro, incluso afectando ao solo rústico de protección agrícola forestal e de espacios naturais, onde se prevén urbanizacións elitistas. De continuar a marbellización do litoral perderíase a identidade dos barrios e vilas mariñeiras, a nosa identidade cultural e o patrimonio común, e iso non o vamos permitir.
Outro dos graves problemas que afectan á Ria de Vigo é o alto nivel de contaminación existente. As depuradoras actuais máis que mellorar están a degradar a calidade das augas, con niveis de coliformes setenta veces o permitido polas leis que os propios políticos fan. A actual depuradora do Lagares é o principal foco de contaminación, contribuíndo de maneira considerable a destrución do ecosistema mariño. A maiores provoca unha calidade de vida indigna para a veciñanza, con cheiros fedorentos e molestias permanentes. A alternativa a esta situación só pasa pola instalación de microdepuradoras illadas dos núcleos de poboación, na separación das augas fecais, pluviais e industriais, e no control dos polígonos industriais, que hoxe por hoxe provocan altos niveis de contaminación. O proxecto de construír a macrodepuradora de Vigo na Xunqueira do Lagares só é un parche que, de levarse a cabo, non vai solucionar o problema, senón que vai empeoralo, converténdose nunha grave agresión ao pobo de Coruxo. É a demostración da mentira permanente na que viven Bloque, PSOE e PP cos seus dirixente ao fronte, incumprindo os acordos que eles mesmos asinaron nos plenos municipais; e tanto Príncipe, Pérez, Castrillo, Porro, Domínguez ou Caballero, son o que son: os mesmos cans con distintos colares. Todas e todos, coa mirada posta no futuro deberiamos tomar nota.

Por se fora pouco, no Plan acuícola da Xunta, preténdese ampliar a piscifactoría de Oia, que afecta a solo rústico e protección de costas, e a da Punta dos Castros, en Cangas, que afecta a solo rústico de protección de espazos naturais. As piscifactorías contaminan moitísimo debido aos antibióticos que empregan e á grande cantidade de materia orgánica que verten ao mar, alén de privatizar e modificar o litoral.
NON MÁIS RECHEOS NA RÍA, É HORA DE LEVANTALOS
NON MÁIS PORTOS DEPORTIVOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DO LITORAL
NON Á VIOLENCIA URBANISTICA, NON Á ESPECULACIÓN

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s