A RÍA NON SE VENDE convoca para este luns día 1 de setembro, unha reunión de representantes de colectivos de todo tipo (asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas, sociais, etc.) para tratar sobre o Plan Vigo Íntegra e valorar a posibilidade de actuacións conxuntas contra ese disparate.
Convidamos a todos os colectivos interesados.
Día: luns, 1 de setembro
Hora: 20:00
Lugar: Asociación de Veciños de Coruxo. Avda. Ricardo Mella
(Na antiga estación do tranvía)
O Plan Vigo Íntegra afecta, ademais da propia cidade, ás comarcas do Morrazo, Val Miñor, Rosal, Baixo Miño, Condado-Paradanta, Redondela e área de Pontevedra.
Promove a construción de 243,8 quilómetros de autovías e 82.4 quilómetros de estradas de circunvalación, variantes e carreteiras de conexión con vías de alta capacidade.
Estas actuacións provocarían un enorme e irreversible impacto ambiental no seu ámbito de actuación, tanto dentro da propia cidade como por toda a área de influencia antes citada. Erosión do solo, fragmentación do territorio, efecto barreira que racha e divide vilas e parroquias, fenda xeolóxica, recheo de vales e leitos fluviais, perda de biodiversidade, ocupación de solo rústico, afectación do patrimonio cultural e arqueolóxico, expropiación de leiras e vivendas, etc.
Baseado nun modelo obsoleto de mobilidade, este plan esquece totalmente o transporte público, estimulando aínda máis a utilización do vehículo privado e o movemento de mercadorías por estrada, xerando máis contaminación (atmosférica e acústica) e aumentando aínda máis a nosa xa grande dependencia do petróleo.
A Xunta de Galicia, promotora do disparate, segue así un modelo de transporte errático, erróneo, extemporáneo e caduco hipotecando o futuro e enterrando en asfalto centos de millóns de euros.