A Continuación editamos unha carta dirixida aos políticos titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Medo Rural, Medo Ambiente e Vivenda da Xunta, polo novo colectivo activista antipolígono de Mos-Redondela, nado recentemente na parróquia redondelá de Saxamonde, que se opón a un de tantos polígonos industriais que proliferan na contorna da cidade de Vigo, e da man do Plan Vigo Íntegra. O chan industrial, situaríase nun lugar conocido polo topónimo Chan das Pipas (Saxamonde) donde ocuparía 16 hectareas de monte comunal, pero tamén afecta a veciña parroquia de Vilar de Infesta e ao mosense, lugar de Arrufana (Loureiro-Mos). Podedes copiala carta e presentala ó voso nome no rexistro en calquera edificio administrativo da Xunta ou administración local pública (Casa do Concello) dotada do famoso portelo único. Máis información:
http://nonopoligono.blogspot.com/
Estimado Señor,
O meu nome é Xabier XXXXX XXXXX , co DNI XXXXXXXXXXX e vivo na parroquia de Saxamonde (Redondela). Con certeza que non sabe moi ben onde queda, pero aquí pretende construír un Polígono Industrial que lle chama de Mos-Redondela. Aínda é un proxecto polo que quixera, nesta breve carta, realizar unha pequena reflexión e estender un convite.
Nos seus discursos vostede sempre fala de grandes números. Menciona os km de estradas, autovías ou AVE; os m² de chan industrial. Son números que coloca como garante do benestar dos galegos/as. Desde Santiago son dados a falar de macrocifras e esquecer que en cada número, detrás de cada m², baixo cada km hai persoas.
O benestar das persoas non se mide en cifras ou m². Benestar é ter como veciños outros veciños que viven en casas e non naves industriais que, todos sabemos, non son habitables. É que as noites sexan noites e non permanentes focos de luz, e cando cante o cuco non se escoite só ruído de industrias. Benestar é saber que no día de mañá os nosos fillos recibirán un mundo algo mellor que o que nós recollemos. O benestar é un sentimento de tranquilidade. E non podemos estar tranquilos sabendo que as decisións que se toman non contan co máis importante que ten este país, os seus habitantes.
Convídolle sinceramente que veña á extrema entre Mos e Redondela. Pase un domingo pola tarde coa súa familia pola área recreativa do Chan das Pipas, pasee polo Camiño de Santiago, a Vía Romana ou o recén restaurado Camiño da Auga. Se quere, pode participar do próximo magosto-serán que organizan os veciños de Saxamonde. Veña e camiñe, como agora se pode, pola estrada que vai de Os Valos a Guizán e fale cos veciños, vexa como vivimos. Pódese asomar ata o Coto do Gran e apreciar en toda a súa extensión o Val do Maceiras. Todo antes de que se aprobe o proxecto do Polígono Industrial, claro!
Os proxectos non se poden redactar desde os despachos. Hai que pisar a terra que se pretende ocupar. Hai que falar cos veciños que se pretenden ordenar. Para facer país, para progresar, hai que saber e coñecer os nomes dos lugares e das persoas que viven neles. O progreso e a construción do país non se poden facer de costas á cidadanía.
Se finalmente vostede se acerca a este lugar, verá que é un territorio poboado, con proxectos de vida realizándose e outros por realizar. Verá que o noso monte non está desordenado, é o Polígono quen desordena, ou se prefire, desestrutura o territorio. Encaixonado entre tres parroquias, lindando con múltiples vivendas con persoas que as habitan, con accesos perigosos, coas afectacións nas augas de traída, o Polígono nin trae progreso, nin fai país. Este polígono condena esta zona e destrúe non só o entorno e a paisaxe, senón o que é máis importante, as vidas dos veciños.
Pásese por esta terra para comprobar que o benestar non se debuxa nos planos nin se mide en m², senón que se camiña no terreo e se valora cada día.
Reciba cordiais saúdos,
En Saxamonde, a 9 de novembro do 2.008