NOVOS RECHEOS AMEAZAN Á RÍA

A cobiza Portuaria pretende aterrar 230.000 m2, en distintos lugares da Ría de Vigo, 23 hectáreas nas que caberían 46 campos de fútbol, o que seria un atentado ecolóxico de nefastas consecuencias.

foto-camisolas-recheios-color-baixo-chus.JPG

 

PORQUÉ NON SE DEBEN FACER MÁIS RECHEOS NA RÍA?

 

1-A Ría é riqueza. A Ría é un dos ecosistemas mariños con maior productividade biolóxica do mundo, debido ao fenómeno do afloramento costeiro. Dela viven millares de familias adicadas á pesca, marisqueo, acuicultura, e bateas, que forman o núcleo dun conxunto que abarca a todos os sectores da economía tradicional: construción naval, reparación, comercialización, transporte, hostalaría e turismo.

2-Impacto ambiental. Os recheos ocasionan un forte e complexo impacto ambiental, pois a Ría constitúe unha sucesión de hábitats interdependentes, e funciona física e bioloxicamente como unha unidade, polo que as perturbacións producidas nun punto, repercuten no seu conxunto. A Ría é un ecosistema único, fráxil e que está xa moi degradado.

Os recheos afectan á dinámica de correntes, polo que prexudican aos bancos marisqueiros, ás praias, á depuración natural da Ría, e en xeral a todo a vida mariña.

3-Agresión a espazos protexidos. Algunhas ampliacións portuarias están proxectadas dentro da enseada de San Simón, e para colmo no estreito de Rande, polo que o impacto sobre este fráxil espacio protexido é moi prexudicial ao fechar máis a boca da enseada.

4-Efeito acumulativo. Os recheos feitos ao longo da Ría nas últimas décadas produciron continuas modificacións do litoral respecto ao seu perfil orixinal. Isto provocou sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen en outras novas, co conseguinte impacto sobre a vida mariña. Este efecto acumulativo, engadido á magnitude dos actuais proxectos de ampliación, ocasionarán consecuencias moi graves, xa que a área afectada é toda a Ría.

5-Impacto social. No Porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidadanía. Utilizan os recursos naturais de dominio público, para negocio privado das grandes empresas, que teñen como único fin obter o maior lucro posibel, e que marcharán para outro pais cando conveña aos seus intereses, deixando atrás só miseria e destrución.

Lembremos que en Bouzas sepultaron o banco de ameixa máis produtivo da Ría, que pasou de producir 940 toneladas no 1967 a só 1 no 1985.

Cando falan de crear postos de traballo nunca cuantifican os postos de traballo que destrúen, ao atentar contra a Ría, que son moi numerosos.

6-Impacto paisaxístico. A paisaxe é un recurso natural que hai que protexer e que produce beneficios económicos e inmateriais.

Nas últimas décadas o crecemento do porto e o exceso de construcións sen planificación teñen deixado a súa pegada sobre a paisaxe despersonalizándoa e estragando o seu valor, mais de levarse a cabo as ampliacións previstas este impacto se multiplicaría.

7-Ficticios balances económicos do Porto. O porto de Vigo presenta sempre uns balances económicos moi positivos, mais non se corresponden coa realidade porque nunca cuantifican o valor do que destrúen. Se o fixeran non daría mais que perdas. Por que: Canto custa unha praia? Canto custa un banco marisqueiro? Canto custa unha ría viva? Canto custan os postos de traballo relacionados coa pesca e marisqueo que destrúen? Canto custa unha paisaxe?…

8-Mala xestión do Porto. A terminal de contedores de Leixões, en Portugal, coa metade de superficie que a de Vigo move o dobre de contedores. O porto de Saint Nazaire, en Francia, especializado no tráfico de vehículos, non ten superficie para o seu almacenamento e funciona perfectamente.

9-Arelas construtivas. As políticas da Autoridade Portuaria parecen ter a actividade construtora como unha finalidade en si mesma, aínda que para nada é a actividade para a que foi creada esta institución. Constrúen polígonos industriais, centros comerciais, edificios de oficinas e queren construír hoteis, restaurantes de comida rápida, piscinas… É esta a actividade portuaria?

Estase utilizando o espazo portuario para actividades especulativas máis propias dunha axencia inmobiliaria que dun porto. Así é normal que nunca lles chegue o espazo.

10-Necesidades futuras do porto baseadas en meras especulacións. Nada pode asegurar que algunhas tendencias e factores que se desenvolveron nos últimos anos continúen desenvolvéndose no futuro, nin que aparezan novos sectores e demandas de tráfico. E máis agora coa crise xeral, e en especial nos sectores da automoción e enerxético.

11-Silos. Ademais falan de construír en Bouzas uns silos de tres pisos de altura que, nunha primeira fase, ocuparían un área de 9.040 m2. Serían utilizados para almacenar vehículos. Isto provocaría unha barreira visual que estragaría aínda máis a deteriorada paisaxe desde todos os miradoiros sobre a Ría.

ALTERNATIVAS: O porto debería aproveitar ben o espazo que xa ten, en moitos casos infrautilizado, e retirar todas as naves e industrias que non están relacionadas coa actividade portuaria, cuxas concesións incumpren o artigo 32.1 da Lei de Costas. Tamén deberían almacenar os vehículos en outro lugar, no interior, como se fai en outros portos europeos, xa que os vehículos só precisan estar no Porto no momento do embarco ou desembarco. O Porto debe ser un lugar de paso de mercadorías, non un almacén

De ser verdade que precisan novas rampas para embarcar vehículos éstas pódense facer levantando parte do recheo, e non aterrando máis.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s