COMUNICADO DA RNSV SOBRE O TRANSPORTE COLECTIVO DA RIA

barco-moanha.JPGA rede de colectivos “A Ría Non Se Vende” califica a supresión da liña, os fins de semana, de transporte por ría entre Vigo e Moaña, como un lamentabel paso atrás no camiño cara unha mobilidade sustentabel entre as dúas beiras e esixe o seu restablecemento.

1. A Ría non se vende considera o transporte colectivo por ría como un servizo social de interese xeral polos beneficios sociais, económicos e ecolóxicos que implica; e para que prime o correcto e eficiente funcionamento do mesmo por riba do lucro privado, ten que ser financiado, ordeado e xestionado ó 100% pola administración pública (Estado, Xunta, Concellos).

2.O seu alto prezo no estimula a poboación a escoller este modelo de transporte. Os billetes deben ser máis asequibles á poboación e gratuíto para as persoas e sectores con poucos recursos.

3. O fomento e potenciación do transporte público por ría e o gravamen e desincentivo do uso do veículo privado, ten que ser un dos piares básicos en calquera política de mobilidade sustentable.

4. O transporte colectivo da ría debe ter como principal premisa estar ao servizo das persoas que vivimos os 365 días do ano nos sete concellos a ámbalas dúas bandas da ría (Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Arcade, Vilaboa, Moaña e Cangas) e nas comarcas de influencia (O Morrazo, Vigo, A Louriña, Condado-Paradanta, Val Miñor, O Rosal e Baixo Miño).

5. Os puntos de embarque, coas súas debidas condicións de seguridade e capacidade, non poden estar só nos núcleos urbanos actuais (Moaña, Cangas e Vigo) centralizando así o transbordo só no centro da cidade, senón que teñen que estenderse a outros núcleos e concellos á beira da ría, creando unha rede diversificada de proximidades ao longo dela, tanto sexa para ir aos postos de emprego, como asistir a centros sociais, culturais, educativos, étc. Os citados puntos de embarque terían que situarse en peiraos xa existentes ou en pantaláns de nova construción, desmontábeis e respectuosos co medio natural, que non interfiran na biodinámica litoral e deberían facilitar o adecuado acceso, eliminando barreiras ás persoas minusválidas. As embarcacións deben adaptar a súa construción a materiais non tóxicos e a súa motorización ás enerxías renovables.

6. O servicio ten que ser intermodal e estar directamente conectado cun servizo de transporte colectivo (tamén público ao 100%) terrestre (buses, microbuses) e ferroviario (tren de proximidade) que enlace coas redes viarias comarcais, municipais e parroquiais. Ademáis do transporte de persoas debería ter un espazo habilitado e gratuíto para o transporte de bicis.

7. Paralela e obrigatoriamente ten que ordenarse a paralización e prohibición indefinida da construción de máis autovías como as contempladas no Plan Vigo Íntegra e do AVE, por supor un enorme impacto social, ambiental e social e perpetuar un modelo de transporte insustentábel que promove o uso do automóbil e desincentiva o uso do transporte público colectivo, xerando máis emisións de gases de efecto invernadoiro que contribúen á mudanza climática, contaminación acústica, e inseguridade vial, agravando de forma paradoxal os problemas actuais. Na realización e mantemento destas grandes infraestruturas, estase a gastar enormes cantidades do diñeiro público que en cambio poderíase destinar a promoción, potenciación, ordenación e eficiente funcionamento do transporte público colectivo.

A evidencia de que as grandes infraestruturas de transporte, ademáis de insustentábles son totalmente incompatibles coa mellora e potenciación do transporte marítimo de ría é innegable . Proba disto foi o progresivo e paulatino esmorecemento do transporte por ría nas últimas tres décadas a medida que se ían construíndo autopistas, autovías e vías rápidas, que provocaban na poboación un uso e abuso do veículo privado, moitas das veces imposto pola dinámica de mercado e laboral.

Este modelo de transporte consumidor de recursos (enerxéticos, solo fértil, étc) e emisor de CO2, é unha das múltiples causas que nos levaron á grave crise económica e enerxética actual e constitúe un dos principais detonantes da mudanza climática a nivel planetario. Un modelo insustentable que está chegando ao seu fin, pois o petróleo e os recursos escasean e tarde ou temprano acabarase mudando o modelo sexa polas boas (por vontade propia) ou polas malas (porque a realidade imporá a súa lei).

O transporte colectivo é e será a única alternativa. E canto antes empecemos a traballar no seu fomento e adecuación, menos cartos e medios dilapidaremos, e menos hipotecaremos o futuro.

Esiximos dos nosos gobernantes que comecen xa a tomar medidas antes de que sexa demasiado tarde. Que non nos teñamos que arrepentir tanto nós coma, o que é pior, as xeracións vindeiras, das consecuencias que unha falta tan grave de visión de futuro terían para a ría e a súa contorna e, por engadido, para o planeta que nos da a vida.

MÁIS TRANSPORTE POR RÍA E MENOS AUTOVÍAS

TRANSPORTE COLECTIVO PÚBLICO E INTERMODAL SI

O TRANSPORTE PÚBLICO DEBE SER UN SERVICIO SOCIAL NON UN NEGOCIO PRIVADO.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s