CANGAS: COMUNICADO de LUITA VERDE sobre as OBRAS de MASSÓ

foto403.jpg

Luita Verde rexeita as obras que en Cangas está promovendo a empresa Puentes y Calzadas a traveso da empresa subcontratada EXCONGAL S.L. de remodelación do antigo peirao de Punta Balea, no que antigamente era o complexo conserveiro da empresa Hnos. Massó, xa que significan o comezo da construción do porto deportivo proxectado dende o ano 2004, e agora baixo prorroga do “lobbie” inmobiliario Residencial Marina Atlántica onde a parte de Puentes y Calzadas tamén están integradas Caixanova e o empresario vigués Ubaldino Rodríguez Bello.

Luita Verde lembra que ese porto deportivo oficialmente abrangue unha ocupación de 62.897´41 m2 de superficie en terra e 212.318´19 m2 de lámina de auga para 28.723 m2 de dique e 11.746´23 m2 de plataformas en forma novos recheos, e 599,5 metros de lonxitude de dique (312 metros de alineación sur e 287´5 metros de alineación este) para 420 puntos de amarre. Contemplaría dragados dos fondos con fraccionamento de rochedo submarino, impactando moi negativa e irreversiblemente no medio natural e na biodinámica litoral, afectando directamente ás praias próximas do Salgueirón e por derivación á urbana de Rodeira, coa máis que probable perda de parte do seu areeiro; e a unha reserva de pesca e marisco con fondos de maërl, ricos en biodiversidade, onde ademáis existen distintas autorizacións marisqueiras e de extracción de algas para traballadores/as do mar de Cangas e do resto da ría. Trátase dunha das zonas mariñas mellor conservadas, coa presenza de 261 especies distintas de fauna e flora mariña. Tamén provocaría a máis que probable eutrofización das súas augas, incidindo aínda máis negativamente na calidade das mesmas e por derivación da vida nas comunidades de flora e fauna mariña existentes.
Así mesmo suporía unha nova e grave agresión á ría de Vigo e, o que é peor, nunha das súas entradas, estreitándoa máis, co que incidiría aínda máis na alteración das correntes mariñas, sedimentación e contaminación do fondo da ría pola perda de regulación natural e renovación das súas augas.
Luita Verde denuncia que as obras son ilegais posto que a pesar de que conten cunha autorización e baixo prórrogas da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), esta aínda non ten aprobado un Plan de Utilización dos Espazos Portuarios (PUEP) nin un Plan Especial para a zona de Massó, dentro das súas competencias, polo que invalida totalmente tal autorización.
Tamén denuncia que o concello ten competencias para intervir e paralizar totalmente as obras, xa que estas non conteñen licenza municipal de obra e ademais o antedito PUEP e Plan especial da APV na zona teñen que ter en conta obrigatoriamente os informes técnicos e a aprobación da corporación municipal, polo que reproba e rexeita sen ambaxes a actitude da alcaldesa do BNG, Clara Millán, de non facer uso das súas plenas competencias e responsabilidade ao non paralizar totalmente as obras en Punta Balea.
Por ende denuncia ademais a orde do subdelegado do goberno na provincia, Delfín Álvarez, de manter a presenza da Garda Civil para “protexer” unhas obras ilegais, feito que está a acontecer en toda regra desde comezos desta semana, día tras día, e onde se está identificando e denunciando ás persoas que en particular ou como membros de distintos colectivos integrados no Foro Social de Cangas, entre eles o noso colectivo, estamos en contra destas obras e defendendo a legalidade. O luns unha retroescavadora da empresa subcontratada Excongal S.L., empresa denunciada e multada por varios atentados contra o medio natural e o patrimonio cultural na comarca, comezou a remover pedras no antigo peirao e dentro da ribeira do mar sin barreiras. Este feito se denunciou ao SEPRONA do que non nos consta que fixeran acto de presenza e atestado. Denunciouse tamén ao seguinte día que operarios estaban furando rochas na ribeira do mar para a colocación das barreiras e o SEPRONA tampouco quixo intervir, a pesar de ser asunto da súa plena competencia, delegando finalmente nos seus compoñeir@s do Corpo da Garda Civil presentes no lugar, ou sexa, “@s mesm@s que están a protexer estas obras ilegais”.
Ademais de todo iso temos que salientar que o lugar dos feitos está dentro de solo rústico de protección de espazos naturais e a obra non conta coa autorización da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. Tampouco teñen autorización de Costas e sen embargo obraron e están a utilizar ao seu antoxo os 6 metros de servidume pública para o paso de maquinaria pesada na zona da Congorza, atrancando e poñendo en perigo o paso das persoas, feito que ademáis chega xa ao colmo coa instalación do valado metálico na zona portuaria de diante do antigo peirao. onde onte pola tarde ao estar pechado a cal e a canto con cadeas, provocou que ante a arribada do Rainbow Warrior de Greenpeace á zona, veciñ@s, representantes de colectivos, mariñeiros e periodistas tivesen que acceder á punta do peirao polo medio das pedras dentro da ribeira do mar.
Tamén queremos aclarar que non sirven de xustificación os postos de emprego que utiliza Puentes y Calzadas para esas obras, que a parte de ilegais, só darían emprego temporalmente a un reducido número de traballadores, e pola contra irían en detrimento dos maioritarios empregos directos e indirectos do sector pesqueiro-marisqueiro, a costa do negativo impacto ambiental que producirían as devanditas obras e a construción posterior da totalidade do porto deportivo no medio mariño.
Por último Luita Verde denuncia que a especulación urbanística volta a facer acto de presenza en Cangas con estas obras, xusto cando ao mesmo tempo se puxo a exposición pública o avance do novo PXOM.
Lembramos que no fallido PXOM do 2005 o citado lobbie inmobiliario de Residencial Marina Atlántica xa promovía baixo convenio unha operación de auténtico pelotazo urbanístico, co citado porto deportivo en lámina de auga máis a urbanización anexa de arredor de 1000 vivendas con hoteis e apartamentos en bloques de edificios de varias alturas dentro dunha área de 200.000 m2 dentro da zona coñecida como o Salgueirón e de solo actualmente catalogado na súa maioría como industrial. A operación pasaría de 20 millóns pola compra dos terreos a máis de 100 millóns de euros pola amortización e venta das vivendas e apartamentos de elite en primeira liña de costa. Este proxecto deseñado polo “gabinete técnico” do arquitecto Norman Foster se apropiaba de terreos de dominio público marítimo-terrestre, esnaquizaba antigas fábricas de arredor de 100 anos como a salazón da Congorza, eliminaba zonas verdes existentes e privatizaba gran parte dos terreos. O feito de agora a promotora presione outra vez coa construción do ilegal porto deportivo entendemos que conduce a que no máis inmediato futuro (na seguinte fase mesma de aprobación inicial do citado PXOM, onde poderían ter cabida os convenios urbanísticos) sexa de máis factible xustificación a recualificación dos terreos en solo urbanizable residencial.
Temos que resaltar que na actualidade gran parte das antigas edificacións de Massó están catalogadas como patrimonio arquitectónico industrial polo Estado e conta cun dos meirandes e biodiverso parque botánico da comarca do Morrazo (o bosque de Don Paco) e que na súa totalidade pasa por ser a auténtica zona verde que necesita o maltratado centro do municipio, debido á súa enorme condensación urbanística.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s