O PXOM DE MOAÑA

NOTA DE PRENSA DE “A RÍA NON SE VENDE”

A RÍA NON SE VENDE PRESENTARÁ RECURSO
CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO CONTRA O PXOM DE MOAÑA

foto591.jpg

A Ría Non Se Vende é totalmente contraria á aprobación provisional do novo PXOM de Moaña, elaborado pola empresa Arteplan e aprobado o pasado 14 de agosto en pleno municipal cos votos a favor de BNG, PSOE, InMo e PP, xa que:

Este novo PXOM aprobado provisionalmente non foi exposto a unha nova información pública a pesares das modificacións substanciais realizadas. O 6 de maio de 2008 mediante resolución a Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Transporte (CPTOPT) denegáballe ó concello de Moaña a aprobación definitiva do PXOM aprobado inicialmente o 29 de setembro do 2005 e ordenáballe corrixilo.

Non contou unha vez máis coa participación democrática efectiva e real da cidadanía na súa elaboración, non cumpre coas necesidades reais do municipio e d@s seus veciñ@s e menos aínda coa protección e conservación do medio ambiente e os seus recursos.

Está baseado nun modelo de desenvolvemento insostible e na especulación urbanística, onde están interesadas grandes empresas do sector como FADESA, PROMALAR,…., baseado en competir en máis edificabilidade cos concellos limítrofes da comarca e da beira da ría, co que os danos son colaterais e de maior ámbito no territorio pois todos compiten polo mesmo modelo claramente insostible. Casos salientables son a recualificación da zona rústica de Albariños dentro dos 500 metros de litoral, na parroquia de Tirán, que voltan a intentar recualificala de chan de protección agrícola a edificable, agora peor pois pasa como de solo urbanizable non delimitado da proposta anterior a directamente delimitado, tras unha serie de algaradas veciñais alentadas polo PP; ou a construción de torres de edificios na Finca do Real e de bloques na de Concepción Arenal, únicos pulmóns verdes e zonas patrimoniais dentro dunha zona masificada urbanísticamente no núcleo do municipio.

Segue recualificando grandes superficies de solo rústico de protección de espazos naturais, forestal e agropecuaria a urbanizable. Segue afectando a espazos naturais de interese e protexidos como os Montes do Morrazo e tamén ó patrimonio cultural e histórico-artístico.

Foi aprobado sen ter os informes de Costas e tendo en conta que se quere dar como urbanizable varias zonas do litoral dentro do dominio público marítimo-terrestre sen respectar a Lei de Costas.

As arredor de 4.000 vivendas agora proxectadas a dez anos vista seguen sendo demasiadas xa que na actualidade hai máis dun milleiro de vivendas baleiras e non se corresponden co crecemento vexetativo de poboación, case nulo para un pobo de 19.000 habitantes e no que se prevé con estatísticas máis reais que non medre en pouco máis de medio milleiro na próxima década .

É un PXOM ideado para a vivenda de segunda residencia e de verán, que provocaría a conversión de Moaña nun “pobo dormitorio de Vigo”, facéndoa depender máis da cidade e perdendo autonomía municipal e comarcal, identidade cultural e socio-económica; prevéndose ademais, no caso de levarse a cabo, unha perda importante do poder adquisitivo actual.

Segue promovendo xunto cos empresarios de Moaña un parque industrial de 450.000 m2 na zona da Cruz da Maceira, dentro do espazo natural Montes do Morrazo catalogado como de solo rústico de protección de espazos naturais, enriba dun dos nacementos do río da Fraga; en terreo de grandes desniveis e onde se está a utilizar fraudulentamente monte comunal como parte da operación recualificadora especulativa.

•Nun concello costeiro onde nas últimas décadas os parques públicos se ubicaron en recheos enriba da ría, o PXOM agora provoca unha merma de zonas verdes nos núcleos urbanos, optando a cambio polas ribeiras dos ríos e as zonas máis altas e alonxadas dos montes, cando esas son áreas naturais de protección de cauces, forestal e de espazos naturais.

Incrementará os problemas: de subministro eléctrico, de auga, de recollida e tratamento do lixo, saneamento e depuración das augas residuais, aínda non resoltos na actualidade e con serias deficiencias; afectando no futuro de xeito irreversible ó medio natural e socio-económico tanto en terra como na propia ría, impactando de cheo sobre sectores primarios fundamentais como o da pesca e o marisqueo.

O crecemento previsto tampouco ven acompañado de solucións ao transporte. Os esquemas actuais priorizan o transporte en automovil por estrada, o que podería levar á construción de impactantes viais, e ao proxectado desdobre da vía rápida do Morrazo en autovía, co seu impacto territorial e o incremento dos problemas de aparcamentos e colapsos no conxunto da rede viaria.

Incumpre a Lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Incumpre o RDL 1/2008, de 11 de xaneiro polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental.O RDL 1/2008 é aplicable ao PXOM de Moaña por tres motivos: Transformación de máis de 100 Ha de cuberta arbustiva (anexo I, grupo 6.a); estradas e vías rápidas de novo trazado (anexo I, grupo 9.a); zonas industriais (anexo II, grupo 7.a).

Incumpre a Lei 9/2006 de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.A Declaración de Inviabilidade do sometemento do PXOM a Avaliación Ambiental Estratéxica resolta o seu favor o 30 de novembro do 2007 pola CPTOPT, segundo a D.T. 1ª da Lei 9/2006, non ten base técnica nin xurídica:
• A LOUG ten obxectivos ambientais. Por tal motivo, require un Estudio de Sustentabilidade Ambiental e Impacto Territorial e Paisaxístico (ESAITP), que non ten ningún tipo de exención.
• A LOUG non define as características do ESAITP.
• O único procedemento de avaliación de plans que reúne todos os principios técnicos e legais precisos (boa práctica, eficacia, proporcionalidade e legalidade) para cumprir cos obxectivos ambientais da LOUG é a AAE.

Incumpre a Lei 6/2007 de 11 de maio de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia. A Lei 6/2007 é específicamente aplicable ao PXOM de Moaña: Art. 5.b e Anexo.c. Esta lei introduce a AAE (Capítulo II, art. 5 a 8) e derroga o ESAITP da LOUG (Disposición derrogatoria única-1). Pero a derrogación do ESAITP, que é obrigatorio, en favor da AAE, non é compatible coa inviabilidade desta última.

Incumpre a Lei 7/2008 de 7 de xullo de Protección da Paisaxe de Galicia.

En consecuencia, esiximos a inmediata paralización e retirada deste documento. No caso de que a Xunta o aprobara definitivamente A Ría Non Se Vende presentará un Recurso Contencioso-Administrativo contra este ilegal e insustentable PXOM de Moaña.

Ría de Vigo, 28 de agosto de 2009
A RÍA NON SE VENDE

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s