MANIFESTO DE GNSV EN DEFENSA DA LINGUA

Galiza Non Se Vende

GOBERNE QUEN GOBERNE, A LINGUA NON SE VENDE

 

Dende Galiza Non Se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto do galego no ensinodo PP, pois constitúe un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia. 

 

Non podemos admitir un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruir unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade. 

 

O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura, por parte de quen nos goberna.

 

A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega. 

 

Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a él pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construimos o noso pensamento, e a máis valiosa aportación de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexítimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruida. 

 

Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade culturalque permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua. 

 

Terra, cultura e lingua van da man. Destruir a nosa terra é destruir a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruir a nosa terra é destruir a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela guarda e lembra. Destruir a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, valeira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida. 

 

Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua. 

 

Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza linguística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable o estricto incumprimentodeste malfadado decreto do galego no ensino. 

 

Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio ámanifestación en reinvindicación dun ensino en galegoque, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 21 de Xaneiro, e partirá ás 12:00 h da Alameda de Compostela. 

 

 

Goberne quen goberne,

A LINGUA NON SE VENDE!

Galiza Non Se Vende

Terra viva e vida digna para tod@s

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s