Un concerto autorizado nas Illas Cíes (Parque Nacional) trasládase a Illa de San Simón (Rede Natura 2000)

O desleixo das nosas autoridades, o seu desprezo pola natureza e a súa visión do territorio como simple recurso económico ou como simple soporte dun lecer indiscriminado provocan dous efectos perversos:

  • Por unha parte, a Rede Galega de Espazos Naturais protexidos ten unhas dimensións ridículas. A pesar dos convenios internacionais e das directivas europeas, Galicia só protexe o 11,6% do seu territorio, e isto sitúa ao noso País no último lugar do Estado (Media estatal: 27%; Asturias: 35 %; Madrid: 40%).
  • Por outra parte, o retraso na elaboración dos Plans de Ordenación, Uso e Xestión dos espazos naturais, e o propio modo de xestionar estes espazos, provocan que a exigua Rede Galega de Espazos Naturais careza dunha protección eficaz.

 Este desgraciado contexto é propicio a noticias como a que nos ocupa. Alguén decidiu, non sabemos con qué grado de inconsciencia, organizar un concerto nas Illas Cíes… nun Parque Nacional!. Un concerto non precisamente de suave e íntima música de cámara, diante dun público non precisamente reducido, calado e apacible, e nun horario non precisamente diurno. E alguén decidiu, ése sí, con plena consciencia, outougar o permiso.

 

Por se isto non abondase, ante a inmediata reacción das asociacións ecoloxistas os organizadores decidiron trasladar o concerto, e as autoridades decidiron trasladar o permiso, á illa de San Simón… no medio e medio dun Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Zona Especial de Conservación (ZEC) da Rede Natura

Nun contexto así de mísero é necesario falar do obvio, é dicir, do sentido común e da legalidade: 

  • O sentido común e o principio de cautela dictan que un espazo natural non é lugar para concertos. Unha actividade así é unha agresión inasumible en calquera espazo natural, e isto é tanto máis intolerable nun espazo protexido. A música, o ruido e a luz; os residuos; o  comportamento vehemente e o movemento incontrolado de 500 ou 1000 asistentes dende as 22 h da noite ata as 4 – 6 h da mañá; todo isto supón unha grave perturbación das especies animais, é un grave perigo para especies vexetais delicadas e únicas (algunhas teñen por único e fráxil soporte a area das dunas), e supón unha forte degradación física do solo.
  • A lei, en concecuencia, non permite desenvolver unha actividade así nun espazo natural protexido, sexa Parque Nacional ou Rede Natura. En consecuencia, o permiso outorgado non é conforme á lei. Por outra parte, ainda que a actividade fose (que non o é) permitida pola lei, tería  que ser sometida a Avaliación Ambiental para recibir a licencia. E non nos consta que se realizase Avaliación Ambiental ningunha. Tampouco nos consta que o concerto fose declarado actividade de interese público. 

Consideramos irracional, irreponsable e contratrio á lei que a Dirección do Parque Nacional e a autoridade competente no caso da Rede Natura outorgasen as respectivas licencias deste concerto. 

Consideramos antidemocrático e contrario ao Convenio de Aarhus que un asunto de implicacións ambientais coma éste se levase adiante cunha falla total de transparencia e de participación pública. 

Consideramos necesario cortar en seco esta actitude das administracións, por dúas razóns: porque é un precedente perigoso, e porque existe unha forte presión pola mercantilización dos espazos naturais. Isto obsérvase claramente na superación cotiá da cuota de visitantes establecida. Mentras o Parque Nacional ameaza con multas as navieras por exceder a cuota de visitantes, permite a invasión de 500 persoas para a celebración dun concerto. Se o negocio do  transporte marítimo e dos servizos se impulsase engadindo ofertas de lecer como a que nos ocupa, o futuro das Illas Atlánticas e da Rede Natura como espazos protexidos estaría en perigo. 

En consecuencia, A Ria non se vende vai denunciar se celebre o concerto ou non, a direcciön do parque nacional pola autorizaciön ilegal outorgada para o evento que nos ocupa.

Anexo: Lexislación

O outorgamento do permiso para o concerto en espazos naturais protexidos conculca a seguinte lexislación:

  • Directiva 92/437CE, de hábitats.
  • Lei 15/2002, de declaración do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
  • Lei 5/2007, da Rede de Parques Nacionais.
  • Ley 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
  • RD 1/2008 – Lei de Avaliación de Impacto Ambiental.
Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s