AO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA
Exmo. Sr. D. Alberto Núñez Feijoo
SOBRE OS DEPÓSITOS DE HIDROCARBUROS DE FERRAZO – RÍA DE AROUSA
A Rede de colectivos ecoloxistas, de defensa cultural e de acción Social A Ría Non Se Vende apoia á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa na súa loita pola defensa ambiental da Ría e polo cumprimento da legalidade e das sentenzas do TSXG e do TS no caso dos depósitos de Ferrazo. En consecuencia, subscribe a carta dirixida a vostede pola PDRArousa nos termos seguintes:
Dirixímonos a vostede diferentes colectivos da Ría de Arousa, o lugar onde vivimos e traballamos. Representamos a diferentes sectores produtivos da ría, aos traballadores, aos ecoloxistas, ás persoas sensibilizadas e preocupadas polo futuro produtivo e ecolóxico deste espazo tan singular, ao que queremos e que desexamos poida seguir sendo un lugar no que vivan, traballen e gocen os nosos fillos e fillas.
Dirixímonos a vostede porque queremos comunicarlle a nosa preocupación sobre unha cuestión de máxima importancia na Ría de Arousa. Desde hai uns meses, as Consellerías de Medio Ambiente e Industria da Xunta de Galicia, tramitan devagar, mais con paso firme, a Avaliación do Impacto Ambiental (AIA) do Parque de Almacenamento Loxístico de Hidrocarburos e produtos químicos que as empresas Finsa e Foresa posúen e teñen en funcionamento desde Xaneiro de 2000 -hai case doce anos!!- no peirao de Ferrazo, no porto de interese xeral de Vilagarcía de Arousa.
Como vostede sabe, a AIA é un procedemento cuxa filosofía é claramente preventiva e de precaución, para evitar que determinados proxectos poidan causar deterioro no medio ambiente e, dita avaliación realízase, como vostede seguro tamén coñece, ANTES de executar un proxecto. Esta é a súa lóxica: avaliar, antes de proceder á actuación sobre o entorno, as posibles consecuencias e alteracións, para poder prever e corrixir os efectos negativos.
Sen embargo, no caso dos depósitos de Ferrazo, a AIA non se fixo cando era preceptivo, é dicir, ANTES da instalación dos mesmos no fondo da ría, a pesar de ser coñecido o protocolo obrigatorio e de ser tamén reclamado o seu cumprimento por unha ampla maioría da poboación da Ría de Arousa. Poboación, que hoxe representamos neste escrito e que vímonos opoñendo, desde entón, á execución deste proxecto. O incumprimento da realización previa da AIA obrigounos, como cidadáns responsables e consecuentes, a trasladar aos Tribunais de Xustiza as nosas demandas.
As sentenzas do TSXG e do TS déronnos a razón, recoñecendo que os depósitos de hidrocarburos representan unha ameaza medioambiental constante para o conxunto da Ría de Arousa e da súa poboación e que debeu de realizarse unha AIA previa á realización do proxecto.
Estando en plena fase de execución estas sentenzas, a Administración galega, que vostede preside, tomou a decisión política de encetar un procedemento que pretende legalizar a situación claramente ilegal dunhas instalacións que supoñen a consolidación dunha actividade -o tráfico sistemático de petroleiros polo interior da ría-que é contraditoria co uso económico, produtivo e vivencial da ría por parte da maioría da poboación.
Lugares idóneos, onde poder instalar uns depósitos de hidrocarburos de aprox. 80.000 Tn, hai moitos, mais desde logo o lugar menos indicado -pensando no interese xeral do conxunto da cidadanía-é no fondo da ría de Arousa, coñecida por todo o mundo pola súa elevada capacidade produtiva de recursos do mar de primeira calidade, e coñecida tamén por ser un polo de atracción turístico e pola súa riqueza ecolóxica.
Queremos salientar ante vostede que a ría de Arousa é un patrimonio cun valor económico e ambiental seguro e sostible que xera moitos postos de traballo, directos e indirectos. Nos tempos de crise e cuestionamento do modelo económico no que estamos, entendemos que, desde a Xunta de Galicia, debería dárselles importancia aos valores seguros que representa a ría, como axente de produción renovable cunha economía social que revirte en distintas actividades e sectores de Galicia.
Por outra banda, a experiencia acumulada que posúe a cidadanía galega en relación aos accidentes marítimos con derrames de derivados petrolíferos é realmente importante, por non dicir dramática, e na nosa memoria colectiva gardamos lembranza activa de bastantes situacións -incluído o vertido dos depósitos de Finsa que chegou a Carril, importante banco produtor de ameixa!-onde se puxeron en perigo todos os nosos recursos: o noso mar, a nosa natureza, a nosa pesca e o noso marisco, o noso traballo e o noso futuro. Nosos referencialmente, porque seguro que tamén vostede sente que son seus, como o son de toda a cidadanía, e garda tamén a mesma lembranza activa ante pasados desastres ecolóxicos no mar galego.
Nós entendemos que a ría non pode asumir os riscos que esa actividade petrolífera conleva. Estamos comprometidos coa salvagarda da calidade integral da nosa ría, e defendendo o seu presente e o seu futuro, que é tamén o noso. Por este compromiso adquirido coa nosa terra, sentimos a necesidade de expresarlle, sr. Presidente, que se a Administración Pública galega legaliza os depósitos de hidrocarburos, fano co noso disentimento, coa nosa oposición.
Vostede, como Presidente da Xunta de Galicia represéntanos a toda a cidadanía galega e debería defender os intereses da maioría. Por iso nos diriximos a vostede, con sinceridade, con respecto, mais tamén coa firmeza necesaria, para que saiba que está na súa man intervir na decisión sobre o futuro da nosa ría. É a súa responsabilidade defender o interese xeral de Galicia e tamén o seu patrimonio natural, cuestións que neste caso, lonxe de seren contraditorias, están totalmente ligadas entre si. Agardamos o seu bo facer e a súa resposta satisfactoria as nosas demandas.
Na Ría de Arousa, a 14 de outubro de 2011