A Audiencia Nacional suspende cautelarmente a modificación da liña de costa na Xunqueira do Lagares.

A legalidade do proxecto da nova EDAR queda en suspenso, e as obras iniciadas son ilegais

 A rede de colectivos A Ría Non Se Vende informa do Auto ditado pola Audiencia Nacional de 27/02/2012, polo que se estima o recurso de reposición interposto pola Asociación de Veciños de Coruxo solicitando a suspensión cautelar da execución da Orde Ministerial de 19-10-2010 que aprobaba o establecemento dunha nova liña de ribeira do mar no tramo comprendido entre os vértices M-328 a M-428 do deslinde de bens de dominio público marítimo terrestre.

 O Auto ditado pola Audiencia Nacional declara:

–  Que é necesaria a protección urxente da zona, alegando que se poden producir danos irreparables ao dominio público marítimo terrestre.

–  Que é evidente que a Administración está a permitir que se consolide unha alteración “non natural” da ribeira do mar, para lexitimar a implantación de infraestruturas que vulneran tal réxime de protección.

–  Que a Orden Ministerial impugnada modifica a liña de ribeira do mar co obxeto de lexitimar a previa implantación do paseo marítimo e da EDAR do Lagares nuns terreos que, sen esa modificación do deslinde, estarían dentro da ribeira do mar, no caso do paseo, e dentro dos primeiros 20 metros de servidume de protección, no caso da EDAR.

–  Que, segundo os artigos 44.5 e 44.6 da Lei de Costas, ambas infraestruturas son consideradas como usos prohibidos en tales ámbitos, polo que deben emprazarse fora da ribeira do mar.

Este auto estima as razóns dos colectivos que repetidamente veñen denunciando a ilegalidade tanto da actual EDAR como do novo proxecto de macrodepuradora, porque ambos infrinxen a Lei de Costas.

 Inicio ilegal dos traballos previos á construcción da nova EDAR

Nestes días, a Xunqueira do Lagares está sufrindo graves impactos nos seus ecosistemas por unha realización moi agresiva dos traballos previos á construcción da nova macrodepuradora. Estas obras son ilegais por catro motivos:

–  Primeiro: O anteproxecto da nova EDAR foi tramitado no ano 2009. Pero o proxecto da nova EDAR non foi publicado, nin se realizou a súa tramitación (que comprende a exposición pública do proxecto e da súa avaliación ambiental). Polo tanto, o proxecto da nova EDAR non existe legalmente.

–  Segundo: En ausenza de proxecto, o Concello non pode outorgar a necesaria licenza de obras.

–  Terceiro: Os traballos previos están a realizarse sen as medidas ambientais preventivas e correctoras que establece o anteproxecto.

–  Cuarto, e máis importante:  A suspensión cautelar do establecemento dun novo deslinde deixa en suspenso a legalidade da obra da nova EDAR, e de toda obra que o pretendido novo deslinde ampare, ata que non se dicte sentencia firme.

En consecuencia, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia deben paralizar de inmediato os traballos previos á construción da macrodepuradora.

 O valor ambiental da Xunqueira do Lagares

A Xunqueira acubilla unha extraordinaria riqueza ecolóxica, e constitúe un humedal único no sur do País. Conta con 5 hábitats de interese comunitario e 1 hábitat de interese comunitario prioritario, segundo a Directiva de Hábitats da Unión Europea. Estes hábitats son escasos no contexto xeográfico do País, por estar vinculados a ambientes acuáticos de extensión reducida como son os marismáns, lagunares e pantanosos.

Por estas razóns, a Xunqueira do Lagares non é un lugar adecuado para unha EDAR. A Xunqueira e os seus valores naturais – así como os valores culturais e etnográficos que tamén posúe – son de obrigada conservación.

Ésta foi a primeira causa das alegacións en contra do anteproxecto de construción da nova EDAR. Pero as alegacións non foron tidas en conta, nin sequera foron respondidas con argumentos.

 A irracionalidade e ineficacia da nova EDAR proxectada

Ésta foi a segunda causa das alegacións. A nova EDAR mantén os erros de planificación e de diseño da EDAR actual, e non soluciona os problemas de fondo do saneamento de Vigo:

–  A inexistencia dunha rede separativa de augas pluviais e residuais urbanas, o que provoca que con cada episodio de choiva intensa a EDAR non poida asumilas e, as augas fecais e pluviais mixturadas sexan evacuadas sen depurar á Ría.

–  A inexistencia de depuración e control de augas residuais industriais en orixe, polo que as augas residuais urbanas e industriais chegan á EDAR mixturadas. A planta non dispón, ni pode dispor, de ningún proceso de separación destas augas, nin dunha depuración eficaz para a cantidade e diversidade de aguas industriais que a ela chegan. O resultado e a alteración continua e a avaría frecuente do proceso de depuración. Isto provoca a evacuación recorrente de augas residuais urbanas e industriais sen depurar á ría.

–  A imposibilidade de reutilizar os lodos producto da depuración como abono orgánico, dado que están contaminados con metais pesados e sustancias industriais de elevada toxicidade.

–  A grave contaminación provocada polo emisario submarino da EDAR na ría debido as causas anteditas, e que é agravada polo feito de que as correntes impulsan o verquido ata o fondo da ría, onde o seu período de residencia é moi longo.

–  A ausenza dunha planificación racional do saneamento, que conduciría a unha rede de pequenas depuradoras, debidamente interconectadas, distribuidas segundo as concas fluviais naturais do municipio.

–  A ausenza dunha planificación racional da reutilización da auga depurada para rego, limpeza, uso industrial e, non seu caso, para reincorporala aos leitos fluviais.

–  A ausenza dunha planificación racional do ciclo da auga, que conduciría a unha redución responsable no seu consumo e a unha meirande eficacia na súa utilización.

Todos estes problemas carecen de solución no anteproxecto da nova EDAR, cuxo Estudo de Impacto Ambiental non contén unha verdadeira avaliación de alternativas razoables sobre o modelo de saneamento, nin sobre os posibles –neste caso necesarios- emprazamentos alternativos.

 Os efectos sociais do proxecto

Esta obra faraónica, ineficaz e irracional conleva un procedemento expropiatorio por vía de urxencia que desposúe á veciñanza das súas casas e terreos, causándolles graves problemas vitais, persoais, familiares, económicos e de saúde.

 A irracionalidade das decisións políticas

O proxecto de construcción dunha nova EDAR é o resultado dunha decisión política, oportunista e irracional, que elude enfrontar os problemas de fondo do saneamento de Vigo e darlles solución racional. Temos que denunciar o proceder da clase política responsable das administracións implicadas ao longo dos anos, malgastando tempo e recursos públicos en beneficiar intereses políticos e económicos privados en lugar de darlle solución racional aos problemas reais; ignorando ou desprezando os valores ambientais e patrimoniais da nosa terra; conculcando a legalidade e permanecendo insensibles ante as consecuencias sociais e ambientais das súas decisións.

 A ría de Vigo está en grave peligro de perder definitivamente a súa riqueza biolóxica debido á contaminación crecente e aos incesantes recheos que sofre dende hai moitos anos.

A Xunqueira do Lagares está en perigo de desparecer definitivamente como espazo natural.

En consecuencia, esiximos:

– Que se paralicen as obras de construción da nova, ineficaz e faraónica EDAR do Lagares

– Que se deseñe, planifique e acometa un sistema de depuración racional, segundo os criterios xa descritos (separación de augas pluviais e residuais, depuración de augas industriais en orixe, rede de pequenas depuradoras interconectadas, reutilización da auga depurada e xestión racional do ciclo da auga), de todas as augas urbanas e industriais xeradas nas vilas, cidades e asentamentos das riberias da Ría de Vigo

– Que, de forma coordinada, se desmantele progresivamente a EDAR actual.

– Que, simultáneamente, se proceda a recuperación progresiva da Xunqueira do Lagares, comezando polo amial remanente, que debe recuperar a súa extensión natural, nos terreos ocupados pola actual EDAR.

– Que sexan definitivamente respectados os espazos naturais, así como os dereitos, a dignidade e a saúde do veciños.

 A Ría Non Se Vende

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s