A Ría Non Se Vende súmase á declaración de solidariedade de Galiza Non Se Vende
cos mariscadores procesados por defender a Ría de Ferrol, nos termos seguintes:
Desde a ría de Vigo, as asociación e colectivos que integramos a rede A Ría Non Se Vende queremos mostrar a nosa plena solidariedade cos oito mariscadores da comarca de Ferrol, que están sendo xulgados polos feitos ocurridos en maio de 2007, data na que, actuando con lexitimidade, responsabilidade cívica e dignidade, formaron parte dun cordón de embarcacións que paralizou durante dous días a entrada ilegal do primeiro gaseiro con destino á planta de gas de Mugardos. O gaseiro acabou atracando escoltado pola Guardia Civil, e coa Policía Estatal cercando a lonxa.
Esta mobilización, na que participaron centos de persoas, foi convocada polo “Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol” (C.C.E.) para protestar contra o emplazamento da planta de gas de REGANOSA dentro da ría.
Afirmamos que esta acción foi unha reacción cívica lexítima ante unha situación ilegal e aberrante, consentida por todas as administracións competentes, que pon en perigo a vida de miles de persoas, e que degrada os ecosistemas mariños, xa que a planta toma auga do mar e a devólve cun salto térmico de +6º C.
A planta de gas foi construida ilegalmente nun emplazamento inaceptabel para a seguridade da poboación e para a conservación ambiental da ría. Mais este emplazamento satisfixo os intereses especulativos de D. Roberto Tojeiro, propietario dos terreos, polos que recibiu case 5 millóns de euros, e fundador do Grupo Tojeiro, que agora posúe o 36,5% das accións de REGANOSA.
Esta regasificadora innecesaria, que traballa ao 33% da súa capacidade, foi promovida e construída coa participación da Xunta de Galicia (17% do capital), e apoiada polos tres partidos con representación no parlamento galego. A localización da planta e a súa infraestrutura de seguridade violan a normativa estatal e europea en materia de seguridade industrial, de seguridade civil (particularmente, a relativa a accidentes maiores) e de protección do medio ambiente.
A Fiscalía imputou primeiro a 60 persoas, logo rexeitou os escritos de autoinculpación que presentaron varios membros do C.C.E., e acabou concentrando a imputación sobre nove mariscadores, un deles xa tristemente falecido.
Consideramos que o seu procesamento non constitúe un acto de xustiza, senón de represión. Non ten outra calificación o feito de que se lles acuse de delictos de coacción e desobediencia grave, e que o fiscal pida para eles penas que chegan aos tres anos de cadea, por defender a ría, os seus postos de traballo e o seu medio de vida. O obxectivo real deste procesamento é evidente: O escarmento persoal e público dun colectivo molesto paras os accionistas da planta de gas.
O Comité Cidadán de Emerxencia (integrado, coma nós, na rede Galiza Non Se Vende) leva anos movilizándose contra a entrada de todos e cada un dos gaseiros que atracaron, ata hoxe, en Mugardos.
Hoxe, día 26 de marzo de 2012, data da segunda comparecencia dos imputados perante o Xulgado do Penal de Ferrol, A Ría Non Se Vende quere manifestar o seu apoio e solidariedade ás compañeiras e compañeiros do Comité Cidadán de Emerxencia na súa loita continua e incansabel.
Por todo o antedito, solicitamos:
-
A absolución dos mariscadores procesados.
-
O desmantelamento da planta de REGANOSA en Mugardos.
-
A rexeneración do solo ocupado, do dominio público marítimo terrestre, da lámina de auga e dos fondos mariños afectados, e o restablecemento á sua situación orixinal.