Alegacións ao recheo para almacenamento de inertes da empresa EXCONGAL enriba do rego da Maceira

ALEGACIÓNS:
1. O Concello de Moaña fai constar no seu escrito de 26 de abril de 2012:
“Necesitamos precisar de xeito indubidable a posición das distintas actuacións solicitadas a
fin de que sean adecuadamente valoradas pola Xunta de Goberno Local, polo que débese
superpoñer aos distintos planos topográficos as coordenadas UTM nos vérticas e posicións
máis salientables”.
En base a isto, Augas de Galicia remite este informe a EXCONGAL o 7 de maio, mais non consta na presente información pública de solicitude de autorización ningún dos datos solicitados
anteriormente polo concello.
2. As áreas naturais de Outeiro da Carballosa e San Lourenzo están integradas dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, clasificado como solo rústico de protección forestal polas NN CC e SS de Planeamento da Provincia de Pontevedra, onde non están permitidos os recheos nin almacenamentos de inertes dentro dos seus usos.
3. A única evidencia de terreos que aporta a na memoria descriptiva dos traballos a realizar
expostos na información pública, están sitos en solo rústico de especial protección forestal e de ribeiras, canles e augas na parcela 922 do polígono 40, cunha superficie de 10.952 m2, na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, do Concello de Marín, perto do Alto da Maceira, que non se corresponde coa parcela 156 do polígono 54 nin cos 23.500 m2 propostos na presente información pública.
4. A parcela está enriba do nacemento do rego da Maceira, afluente do Loira, e con data
14/11/2011 existen senllos informes ténicos do enxeñeiro de camiños, canais e portos Alberto
Bosquet Herreros desfavorables á autorización solicitada ó existir dous regatos que constitúen dominio público hidráulico (artigo 2 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real Decreto 849/1986, do 11 de abril) ocupando as obras a zona de servidume dun dos regatos.
5. A intención por parte da empresa de efectualo recheo só pola marxe dereita do regato deixando libres os 5 metros da zona de servidume extraída do informe de comprobación sobre as obras de recheo e almacenamento de inertes realizado o 22-02-2012 polo guarda fluvial GE-36346, forma parte dunha longa serie de incongruencias e nalgunhas veces falsidades dentro do conxunto da tramitación desta solicitude de autorización, como se comproba no informe técnico elaborado o 14/11/2011 polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Alberto Bosquet Herreros, ou o do biólogo titulado superior ambiental do Servizo de Conservación da Natureza, Santiago Perez Poza, que o 21/05/2012 expón o seguinte:
“Con relación á solicitude das obras de referencia, unha vez inspeccionado o lugar e
revisada a documentación remitida, informámoslle que con data 3/05/2012, levouse a cabo
unha reunión con representantes da empresa solicitante, confirmándose que as actuacións
reflectidas na memoria non se corresponden coa obra que pretenden realizar, xa que
obsérvanse contradicións na situación das obras, que se sitúan primeiro no concello de
Moaña e despois no concello de Marín. Segundo a versión da empresa, as distintas
localizacións que se contemplan na memoria corresponden a antigos proxectos xa
descartados, e que as obras que se solicitan sitúanse nunha leira das que aparecen no anexo
fotográfico, pero que non se corresponden cos datos catastrais facilitados. Con tal motivo,
Ignacio Piñeiro, en representación da empresa EXCONGAL S.L. comunicou a súa decisión de
presentar unha nova solicitude corrixindo os erros, ante a imposibilidade de informar sobre
a presente petición”.
6. EXCONGAL, S.L. non é unha empresa que destaque polo respeto pola legalidade e o medio
ambiente e de feito con data 18-01-2008 o Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da
Consellería de Política Territorial remitiu Informe Proposta con no OT107A-2007/57-4 de inicio de expediente de Reposición da Legalidade Urbanística por movementos de terras e recheos en solo rústico de protección forestal sen autorización autonómica e sen licenza e inicio de expediente sancionador contra desta mesma empresa pola autoría de verquidos no Alto da Cruz da Maceira.
Eses verquidos sen autorización (onde non só se verqueron terras e pedraplén como agora di
pretender realizar senón que daquela tamén se verqueu entullos de obra como anacos de
pavimento asfaltado, formigon e cerámicas esmaltadas converténdose nun vertedeiro incontrolado, que aínda se pode observar na actualidade pola zona), son os que están anexos ao extremo oeste da parcela onde agora a empresa solicita a presente autorización de recheo para almacenamento de inertes, co que na realidade EXCONGAL SL pretende ampliar partindo dunha ilegalidade a superficie de verquido para maior impacto ambiental e paisaxístico.
A memoria descriptiva do proxecto, ocultando esta realidade, desvaloriza o medio de xeito
totalmente interesado e velaí parágrafos como “ trátase de monte baixo principalmente, pois a
parcela foi talada recientemente”, “a fauna da zona de estudo repoboará a parcela canto cese a actividade”, “dada a escasa entidade do proxecto, que a parcela encóntrase nunha zona xa alterada e que só e visible dende a estrada PO-313 pode considerarse que os traballos provocarán un impacto leve”, “esta liña de auga que percorre non ten capacidade incisiva para marcar un leito ben definido e só funciona como eixo de evacuación das augas pluviais” ou “o arroio da Maceira discorre cun caudal exíguo que os meses ou épocas de sequía desaparece e é a única corriente de auga que percorre a conca hidrográfica da área de estudo”.
E pretende obviar premeditadamente que estamos ante un proxecto que, en solo rústico de
especial protección forestal anexo a outro de especial protección de espazos naturais Montes do Morrazo, contempla recheos de ata 10 metros de altura nunha superficie de 23.500 m2 cun volume aproximado de 53.300 m3 na fonda conca de nacemento do rego da Maceira arredor dos 400
metros de altitude sobre o nivel do mar, onde existe xa un tupido bosque de ribeira de asociación ameneiro, salgueiro e bidueiro e augas sin apenas alteración nin contaminación ao non existir edificacións, industrias ou poboación humana residente, e que mais abaixo esas augas forman parte do fértil val de Miñán e Piñeiro, en plena zona de actividade rural e agrícola, antes de enlazar co rego principal do Loira.
5. O proxecto afecta tamén as áreas de protección e seguridade do tendido eléctrico de alta tensión Lourizán-Cangas e da PO-313 dentro de solo rústico de protección de infraestruturas.
Por todo o alegado,
SOLICITA:
O informe desfavorable e anulación da solicitude, con expediente de clave DH.W36.14902, de autorización para recheo e nivelación de terreo para almacenamento de inertes nos lugares de Alto da Cruz da Maceira, San Lourenzo e Outeiro da Carballosa por parte da empresa EXCONGAL, S.L.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s