A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicita a retirada do proxecto de conversión en autovía do corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo diante da consulta a información en relación a decisión de avaliación de impacto ambiental do proxecto de “conversión en autovía do corredor do Morrazo CG-4.1-Treito enlace de Rande-enlace de Cangas” por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitou máis alá da decisión de avaliación de impacto ambiental, que evidentemente pedimos, o informe desfavorable e a retirada do citado proxecto pola súa tramitación ilegal e polos gravísimos, irreversibles e críticos efectos que podería ter as obras e o previsible e insustentable incremento do tráfico rodado e motorizado sobre o medio ambiente, patrimonio cultural e o medio socioeconómico, a máis dos xa coñecidos e producidos pola construcción e posta en funcionamento da vía rápida.

Baseouse en:

  1. O proxecto non ten a correspondente cobertura legal xerárquica, xa que o Plan Director de Estradas de Galicia e o Plan MOVE, onde ten que estar integrada a obra están sin aprobar e tampouco se realizou a correspondente Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), segundo a Lei 9/2006 de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

  2. O proxecto carece da obrigatoria Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) por pertencer o Anexo I do R.D. 1/2008 e por afectar de xeito apreciable a un LIC de Rede Natura ( Enseada de San Simón).

  3. Non é aplicable a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) dun estudo informativo realizado no 2001 na que esa DIA foi incumprida, xa que foi en base á construcción dunha vía rápida e non dun corredor, foron ignoradas as propostas alternativas, e agora pretende incumprirse de novo pretendendo eximir da correspondente AIA o proxecto actual.

  4. Resulta ilegal que o proxecto sobre o que se pide información e sen ter realizado a AIA estea simultaneamente a exposición pública dentro do Plan Viario do Morrazo.

  5. Suporía tamén unha maior afección de camiños, pistas forestais, traídas de auga, cultivos agrícolas e forestais

  6. Suporía o risco potencial de incendio forestal pola proxectada construción dunha área de servizo de combustible para o tráfico rodado nas proximidades do Alto do Caeiro, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

  7. É unha obra que está deseñada para dar cobertura insustentablemente a un novo incremento do parque automobilístico que non solucionaría os problemas viarios senón que os agravaría nunha trampa sen saída de efecto funil, trasladando e incrementando unha vez máis a problemática do tráfico e os aparcamentos cara a estradas menores, zonas periurbanas, rurais e os espazos naturais protexidos da costa.

  8. Está directamente ligada á especulación urbanística e planificacións municipais carentes da máis mínima sustentablidade con índices de edificabilidade residencial e industrial fóra da realidade que afectan dende a costa ata os montes a solo rústico de especial protección, baseado na estacionalidade e terciarización da economía cara aos meses do verán, na segunda vivenda e na función de suburbio para as cidades de Vigo e Pontevedra.

  9. Suporía un novo lastre económico (61,10 millóns en total si se conta, impacto a maiores, a suma coa seguinte fase prevista de desdobramento enlace de 3,80 quilómetros Cangas-Alto da Portela) e un malgasto de fondos públicos para un proxecto que faría practicamente imposible a consecución doutras alternativas máis sustentables baseadas no desenvolvemento e transporte de proximidades máis na potenciación do transporte

  10. A construción da vía rápida xa provocou impactos críticos ou severos sobre a atmosfera, as augas, o chan, a vexetación, a fauna, a paisaxe, o patrimonio cultural, os espazos naturais e protexidos, as rutas ecolóxicas, as vías de comunicación, o rural e o medio socioeconómico locais.

  11. Entre os novos impactos que suporía 11,4 novos kilómetros cun presuposto de 41,29 millóns de euros coa proxección de novos desmontes, recheos, taludes e viadutos estarían afectarían a:

    • Aos espazos naturais Montes do Morrazo e Carballeira de Coiro, protexidos como solo rústico de protección de espazos naturais polas NN. CC. e SS. de Planeamento da provincia de Pontevedra.

    • Ao leito e a área de ribeira dos regos Miñouva, Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga e do Inferno.

    • Ao hábitat natural prioritario de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae das ribeiras do río da Fraga.

    • Ao Sobreiral do castro de Montealegre.

    • Aos sendeiros sinalizados municipais dos ríos Miñouva e Freixa, do río da Fraga e o sendeiro ecolóxico de grande percorrido do Morrazo GR-59.

    • Á contorna natural, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica da Poza da Moura, Outeiro do Aviador e A Borna.

    • Ao Lugar de Interese Comunitario Enseada de San Simón, onde desembocarían máis de 10 cursos de auga alterados pola obra.

    • Aos bancos e concesións marisqueiras, parques de cultivo e polígonos de bateas que puideran verse afectados polas alteracións introducidas nos 26 cursos de auga que afectaría a obra.

    • No ámbito cultural e patrimonial:

  • Afección severa (destrución) da área integral de protección dos xacementos arqueolóxicos catalogados de O Regueiriño (neolítico), castro e gravados de Montealegre , Devesa de Abaixo (Calcolítico-Idade do Bronce), castro das Cidades, Montenegro (neolítico). O presente proxecto deseña, incumprindo a DIA que di cumprir, un novo túnel atravesando o Castro de Montalegre, a unha cota na que en vez de túnel sería unha trincheira a ceo aberto, e que esnaquizaría totalmente unha franxa de máis de 30 m. da zona central do castro, catalogado como BIC, coa mesma protección coa que conta a propia catedral de Santiago.

  • Afección crítica á área de protección dos xacementos da Idade do Bronce de petroglifos da Borna , Outeiro do Aviador (Calcolítico-Idade do Bronce), petroglifos 1 e 2 da Xesteira , petroglifo da Escada , petroglifo do Viveiro , petroglifo de Pozo Garrido e o petroglifo da Devesa do Rei.

  • A maior parte dos xacementos xa foron afectados nas súas áreas de protección na fase de construción da vía rápida, o petroglifo do Viveiro foi trasladado seriamente afectado do lugar orixinal e depositado a súa sorte perto da estrada despois das obras, e o petróglifo da Devesa do Rei, que foi esnaquizado durante as obras, foi trasladado en anacos ata as proximidades dunha das rotondas de enlace de Meira de Arriba, onde posteriormente foi sepultado por vertidos de terras pola empresa Excongal, xacendo no mesmo estado ata a actualidade.

  • A esta afección habería que engadirlle a da proximidade do xacemento moderno do Castelo de Punta Corveiro fronte a Rande e a etnográfica e civil de calzadas, pontes, canles e muíños hidráulicos nas proximidades dos ríos afectados.

    Como alternativa a esta obra solicitouse que se destinen íntegramente os orzamentos presupostados para esta 1ª fase enlace de Rande-enlace de Cangas (41,29 millóns de euros) máis os presupostados para a 2ª fase enlace de Cangas-Alto da Portela, (19,80 millóns de euros), 61,10 millóns de euros en total, acompañado dun plan viario comarcal real e sustentable, á:

  • Mellora, vertebración e humanización da rede viaria comarcal existente (PO-313, PO-315 e PO-551 máis as estradas secundarias), coa ampliación dun terceiro carril para vehículos pesados, espazo para máis paradas de buses ou tranvía, beiravías, beirarrúas, pasos a nivel, semaforización intelixente.

  • Execución de circunvalacións urbanas respectuosas co medio ambiente, rural e socioeconómico.

  • Campaña de desincentivación e uso responsable do automóbil privado.

  • Potenciación do transporte público colectivo terrestre, marítimo e ferroviario de proximidades con conexión de barcos de pasaxe, buses, minibuses e tranvías con enlace a tódolos núcleos de poboación, urbana e rural, a nivel comarcal.

  • Potenciación dos carrís bici e humanizacións peonís por toda a rede viaria.

  • Redución da necesidade de desprazarse por estrada fóra da comarca, e de dependencia das cidades de Vigo e Pontevedra, dotando aos municipios e á comarca dos servizos administrativos, sanitarios, educativos, culturais e deportivos correspondentes e necesarias para unha poboación cercana aos 100.000 habitantes, cunha das máis densidades maís altas de poboación de Galiza e de Europa.

  • Unha planificación urbanística axustada coa realidade demográfica e urbanística, baseada no decrecemento global e no desenvolvemento sustentable a nivel local nas proximidades dos núcleos de poboación e produtivos respetuoso co medio rural e fóra de espazos naturais e protexidos, na desestacionalización e desterciarización da economía, na potenciación dos sectores primarios da pesca, agricultura e gandería tradicionais e ecolóxica, no comercio local, na autosuficiencia alimentaria e no aforro e a eficiencia enerxéticas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s