Arquivada a causa contra o noso compañeiro Xulio Saiáns, vítima dunha vil montaxe policial e dunha brutal criminalización mediática

Dende a rede GNSV queremos expresar a nosa grande ledicia ao ser arquivada na Audiencia Nacional a causa contra o noso compañeiro Xulio Saiáns.

A propia Fiscalía da Audiencia Nacional non atopou ningún indicio dos supostos delictos dos que acusaban a Xulio: “financiación de organización terrorista” e “integración en organización terrorista”, polos que se solicitaba unha pena de 20 anos de cadea.

A noite do 29 de Outubro de 2012 a policía entrou violentamente no fogar de Xulio Saiáns e Silvia Casal e, aplicándolles a lexislación de excepción antiterrorista, procedeu á súa detención, xunto co seu meniño de oito meses de idade. Xulio e Silvia foron incomunicados e levados a Madrid, e a crianza lactante foi separada da súa nai. En Madrid Silvia foi posta en liberdade, e Xulio ingresou na prisión de Soto del Real en réxime de illamento, a mais de 600 km da súa família. Alí pasou 41 dias até que puido saír en liberdade despois de pagar unha fianza de 6.000 €, sendo obrigado a presentarse no xulgado cada 15 dias desde entón ata que se arquivou a causa.

carcel

Os dias posteriores á detención a práctica totalidade dos medios de difusión subvencionados, facendo caso omiso da presunción de inocencia, criminalizaron a Xulio e Silvia, chegando incluso a ilustrar a nova da súa detención con fotografías de artefactos explosivos inexistentes, cando o propio Ministerio do Interior declarara que se requisaron unicamente “axendas, material informático e numerosa documentación”. Ademais cometeron a indignidade de citar a Xulio como Julio, alias Xulio, utilizando o seu xenuino nome galego como alias, desprezando e criminalizando tamén, consciente e intencionadamente, a nosa lingua.

O 1 de Novembro de 2012 dende a rede GNSV demos difusión a un comunicadodenunciando estes feitos, e agora a realidade dános a razón, é dicir, que todo foi dunha torpe e cruel montaxe policial e unha vil campaña de criminalización dunha persoa honorable polo único feito de ter un forte compromiso coa nosa terra.

A Silvia e Xulio non os defendeu este estado cada vez máis impropiamente chamado de dereito, senón que os condenou a priori,a pesar dunha clamorosa falta de probas acusatorias.

Mentres banqueiros empresarios, aristócratas e políticos corruptos mófanse das leis e burlan a cadea sen devolver un can, moitas persoas inocentes sufren a inxusta aplicación da lei antiterrorista, como os galegos e galegas que son levados á Audiencia Nacional e retidos ata catro anos en prisión preventiva, sen xuizo e lonxe da súa terra, para despois seren xulgados sen as máis minimas garantías democráticas.

Ou, como no caso de Xulio, sen que se chegue a celebrar o xuizo, debido á evidente falsidade das acusacións, e se arquive a causa.

E todo isto causando un prexuizo moral, económico, social e laboral irreparable, do que mañá podemos ser vítimas calquera de nós, sen que o estado recoñezaa montaxe urdida nin o erro cometido.

Antes estes inaceptables feitos, Galiza Non Se Vende esixe:

  • Que os organizadores desta vil montaxe policial e, no seu caso, os órganos xudiciais cooperadores, declaren publicamente a honorabilidade de Xulio e Sivia, e pidan perdón publicamente polo seu secuestro de facto, pola brutal separación do seu meniño de oito meses, polo trato humillante inflixido, pola tortura psicolóxica ocasionada, pola angustia provocada, polo tempo de vida furtado, e polos danos causados á súa honra e á súa situación social, laboral e económica.

  • Que os medios de difusión implicados na criminalización de Xulio e Silvia declaren publicamente a súa honorabilidade e pidan perdón polas calumnias verquidas e polos danos inxustamente causados.

  • Que tanto os responsables da montaxe policial como os medios de difusión implicados na criminalización de Xulio e Silvia enfronten a responsabilidade penal e civil que a lei lles demande e que, alén da ineludible devolución da fianza por parte do órgano xudicial, asuman a debida reparación económica que en xustiza corresponda.

Parabéns, Xulio e Silvia, e unha forte aperta.

Goberne quen goberne,

GALIZA NON SE VENDE! 

Deixar un comentario