A Ría Non Se Vende é unha das organizacións asinantes dentro do ámbito social, cultural e ambiental a nivel local, comarcal e da contorna da ría que se opón á pretensión do Concello de Moaña de construir un sxatepark no monte do Carrachal, espazo de interese paisaxístico e ambiental, supervivinte coa súa carballeira á febre construtora e urbanística que na proximidade destrozou a ribeira baixa do rego do Pontillón, entre O Rosal e As Barxas, entre finais do século pasado e principio deste.
O monte Carrachal, cultural e natural
Repentinamente o pasado martes 2 de marzo, o goberno municipal de Moaña convocaba unha reunión con asociacións veciñais da zona das Barxas e barrios limítrofes, para presentarnos a ocorrencia de instalar un Skatepark na parcela municipal natural do monte Carrachal, e así mesmo, demandar a nosa resposta ante esta iniciativa no prazo exprés de unha semana. Só unha semana de debate e sen falar de exposición pública do proxecto, un prazo e un método inauditos para o debate colectivo e veciñal, polo menos para as persoas e colectivos que acreditamos na formula da democracia participada. Dende logo máis alá do debate en si mesmo, podemos afirmar que as présas non son boas compañeiras e as decisións importantes deben meditarse con tempo.
A ubicación orixinal e considerada realmente correcta polo goberno municipal para a instalación do Skatepark tratábase doutra parcela ben distinta e clasificada para desenrolar urbanísticamente dentro do PXOM de Moaña, na zona das Raíñas. Ao parecer un grupo de veciños desa zona protestaron con argumentos bastante prexuízosos, en base á criminalización do movemento skater e da mocidade. O goberno municipal cedeu ante esta situación, coa ocorrencia de rebote e á toda presa de propoñer a instalación do Skatepark no que o goberno municipal entende como plan B, é dicir, cementar na carballeira do monte Carrachal, o que suporía un perigoso precedente para a xestión e posta en valor das zonas naturais do municipio.
Neste punto, dicir que as persoas e colectivos que asinamos este comunicado solidarizámonos ante todo e totalmente coa demanda histórica do movemento skater moañés, pois está claro que este colectivo ben merece un espazo digno e apropiado para desfrutar desta modalidade deportiva ao aire libre. Nós apoiamos a súa demanda e por iso reclamamos que se abandonen as ocorrencias e presas de última hora, e que se leve a cabo o que ata agora non se fixo. Establezamos un debate amplío e con tempo, para buscar entre todos e todas a mellor e máis sólida alternativa de Skatepark para Moaña, que debe ser e dentro dun ambiente cívico e de convivencia, nunha parcela céntrica e urbana, xa desenvolvida ou a desenvolver nun futuro próximo, como sole suceder na maioría dos sitios con infraestruturas deste tipo, e que o goberno municipal adquira o compromiso en firme de traballar para materializar esa instalación.
Mais por outra banda sobre todo destacar que o Monte Carrachal, que ao contrario do que algúns por descoñecemento intúen, recibe o seu nome pola planta do Carrasco, Erica cinerea, unha fermosa planta de flor lila típica da matogueira galega. Que esta vexetación era dominante na zona en tempos pasados, cando este outeiro propiedade naquel tempo do señorío do Rosal, conformaba xunto cos vales dos ríos Rialdarca e Pontillón e toda a zona do Rosal, unhas terras dunha excelente produción agraria, vinculadas sempre a riqueza natural e etnográfica dos ríos coas súas ribeiras e da zona húmida da Xunqueira. E que xa naquela altura este outeiro era unha zona típica para a celebracións de festas e seráns da veciñanza pois cando chegaba a coresma e a Igrexa prohibía as celebracións, as xentes e mocidades da zona facían unha moneca de trapo que satiricamente chamaban Santa Carrachala, contrataban a gaiteiros e facían o festexo popular xusto no Carrachal.
Máis adiante chegou o mal chamado “desarrollo” e “progreso”, e toda a zona do Rosal foi mercada e transformada vertixinosamente con ducias de construcións en plena burbulla inmobiliaria e foi xusto este outeiro, practicamente o único anaco de espazo natural que quedou en pé en toda a zona das Barxas. Co tempo este espazo evolucionou nunha fermosa carballeira chea de vida e ambientalmente conectado co val fluvial de Rialdarca. E a día de hoxe o Carrachal constitúe en si mesmo un miradoiro natural privilexiado cunhas excelentes vistas panorámicas de toda a zona das Barxas e da praia e espazo intermareal da Xunqueira ata Meira, un remanso de paz a carón do centro urbano de Moaña, e forma parte dunha das poucas carballeiras que nos quedan na vila e que alberga unha importante diversidade vexetal e animal, e que debemos respectar e conservar.
Algunhas voces alegan na actualidade que esta zona está infrautilizada e que hai que darlle máis “uso”, de feito sen ir máis lonxe ata fai uns catro anos esta carballeira pública municipal carecía dos máis mínimos coidados e atopábase nun estado de abandono por parte da administración local. Pois ben, dentro do equilibro dun mantemento avanzado e sustentable das zonas naturais, adiante, démoslle uso como teñen reivindicado ducias de activistas veciñais e ambientais, e comprometámosnos decididamente a poñer en valor estes espazos naturais, porque ata agora tampouco se apostou decididamente por esta vía.
Para comezar esta carballeira e miradoiro está anexionada ambientalmente á senda das ribeiras do río de Rialdarca, unha senda natural, cultural e peonil dentro dun corredor ecolóxico de alto uso, a cal necesita unha posta en valor urxente e de xeito sustentable, polo que cómpre que levemos adiante as estratexias de recuperación e posta en valor de toda a senda do río de Rialdarca, como así mesmo e de xeito inseparable, do monte Carrachal. E aquí tocános lembrar que o propio Concello de Moaña comprometeuse publicamente en apoiar estas estratexias de recuperación de Rialdarca.
Como carballeira municipal chea de paisaxe, sombra, aire fresco e fontes naturais, o espazo ofrece múltiples alternativas. Poderíanse organizar actividades culturais e ambientais de todo tipo, festas veciñais, seráns e concertos ao aire libre, obras de teatro e contacontos, actividades lúdicas coa rapazada dos institutos ou do ximnasio municipal, exposicións ao ar libre, etc.
A carballeira do Monte Carrachal presenta un importante valor natural que se vería afectado polo skatepark, pero ademais tratase dun espazo especialmente inadecuado para este tipo de instalacións. O proxecto presentado, que conta teoricamente con non cortar ningunha das árbores do Carrachal, atoparíase co risco de que as propias raíces destas árbores puideran deformar e romper os pavimentos que se instalen, podendo quedar partes inutilizables nun prazo curto. Ou por outra banda os pavimentos probablemente poderían asfixiar as raíces destas árbores, provocando nelas danos ou enfermidade ou a súa morte a medio prazo.
Os gastos de mantemento e limpeza tamén serán máis altos polas mesmas follas das árbores e pola necesidade de iluminación para garantir a seguridade no recinto e en todo o seu acceso. Por último, as súas características de lugar elevado e afastado é unha eiva para o seu uso intensivo e seguro por parte dos skaters e outros colectivos. Precisamente ó instalarse nun lugar apartado, correría risco de converterse nun espazo descoidado e inseguro, o cal queren evitar tanto a veciñanza, que xa se manifestou neste senso, como o Concello, que tería que encargarse da súa vixilancia e limpeza, como os skaters, que non teñen porqué sufrir os danos e atrancos doutras persoas incívicas que fagan mal uso da zona, aproveitándose da situación de afastamento da zona.
En contraposición ao Monte Carrachal, existen no concello de Moaña outras varias zonas verdes públicas de titularidade municipal, ou tamén parcelas urbanas xa desenvolvidas ou a desenvolver. Estas áreas serían máis adecuadas para un uso intensivo como o dun skatepark: están máis preto, mellor conectadas, xa iluminadas, teñen máis servizos, son máis seguras e a súa vixilancia e limpeza sería máis doada e realista.