Mesa Aberta: xoves 24 de abril, as 18:00 h, na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo, coa participación de Eliseo Fernández e Carlos Taibo

UNHA PROPOSTA PARA RENUNCIAR A FACER XIRAR A RODA HIDRÁULICA DUNHA CÍCLICA HISTORIA UNIVERSAL DA INFAMIA

 A CNT-AIT Vigo e A Ría Non Se Vende, rede de colectivos de acción social e defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da Ría de Vigo, únense para presentar conxuntamente unha mesa aberta con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e autor de Repensar la anarquía. Acción directa, autonomía, autogestión e, Eliseo Fernández, historiador e escritor ferrolán diplomado en biblioteconomía e documentación e especializado en anarquismo e movemento obreiro na Galiza.

Así, esta mesa aberta é un convite para realizarmos un paseo a través das ideas libertarias, retrotraernos no tempo e explorar a historia ácrata e obreira de Vigo: dende a fundación da propia Escola de Artes e Oficios, pasando por revistas e xornais como “La Propaganda” (1881) ou “Despertad!” (1928) até chegar a activistas incansables como o topógrafo Ricardo Mella, os carpinteiros José Villaverde e Eduardo Collado, o barbeiro Federico Sánchez ou o poeta Manoel Antonio. Mais, se ben cómpre coñecermos a historia, tamén é necesario enfrontarse ao presente e abordar as problemáticas actuais. De aí que, neste noso presente, optemos por defender o Ideario Libertario e o Decrecemento como única solución para lograr establecer unha relación de equilibrio entre as propias persoas e entre o ser humano e a natureza. Porque, en realidade, iso é o que busca o movemento libertario: a harmonía, liberdade e coherencia individual que leve ás persoas cara ao apoio mutuo, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza social e a preservación e uso racional dos recursos naturais.

“Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa. Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo…”

Modesta Proposición, Lois Pereiro

AcciónLibertaria2014WEB

Domingo 6 de outubro as 12:00 na Alameda de Santiago: “Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro”

O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, Olimpo Celta e monte sacro dos/as nosos/as antergos/as, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos/as milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética e a forestal que inzaron os nosos montes de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro mais outras como as acacias produto do descontrol na construción de infraestruturas e do propio abandono dos montes como recurso natural. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto…, e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais a nivel urbanístico e industrial, de quenes só lles interesa o lucro e non a terra, a súa bioloxía e os/as seus/suas habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos… buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, reunímonos este 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

1.- Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a ordenación e a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida verdadeiramente no protección socioeconómica, cultural e ambiental, na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.

2.- Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos/as habitantes, e a participación directa co seu medio natural fóra de monopolios gubernamentais e empresariais.

3.- Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os incentivos aos monocultivos de especies alóctonas, pirófitas, e de rápido crecemento e substituilos polo apoio e incentivación de plantacións de especies autóctonas, frondosas non pirófitas, de crecemento medio e madeiras nobles e outros aproveitamentos selvícolas, agrogandeiros e enerxéticos en monte baixo que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.

4.- Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa, concurso eólico,…) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.

5.- Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno máis en calquera outra iniciativa que afonde nunha maior autoxestión ou cooperación directa da poboación humana e rural tendo o medio como recurso.

6.- Que o produto explotado de forma sustentable dos recursos naturais sexa en beneficio das comunidades locais e dun mercado cunha mínima ou nula pegada ecolóxica fuxindo de globalizacións e transaccións multinacionais sobreexplotadoras e sin control.

7.- Que se protexa na realidade e non de nome dos espazos naturais protexidos existentes, procedendo á planificación e a ordeación efectiva e sustentable dos seus recursos naturais como dos seus usos, e que se proceda a súa ampliación en rede con máis espazos tendo en conta que na actualidade e desde hai tempo o territorio protexido non pasa do 12% na Galiza, estando por debaixo da media europea e ao rabo da media estatal.

8.- Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.

Este día o pobo galego está a falar, e di ben claro que non nos resignamos a ver como un goberno de “patufos/as desleigados/as”, de “pequenos/as mequetrefes sen raíces” fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.

CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL

Outubro2013

Sábado 1 de xuño: Xeira pola minaría romana do ouro na Groba.

O vindeiro sábado, 1 de xuño,  teremos unha xeira pola serra da Groba para ver a minaría romana na zona de Pinzás, así como o rico patrimonio inmaterial, arqueolóxico  e natural que atesoura a Groba nesta parte da cara leste da serra.

Coa ameaza da minaría destrutiva á vista, teremos ás 10 h. unha pequena charla introdutiva antes de pornos a camiñar. Despois, iremos vendo o rico patrimonio e a paisaxe que temos en terreos de Pinzas e Vilachán, en Tomiño, e achegaremonos ao punto onde se xuntan os concellos de Baiona, Gondomar, Oia e Tomiño, no Corno Ladredo, onde poderemos ver unha posible forma de explotar os recursos mineiros que non era tan destruitva coma a que agora nos ameaza. Veremos uns muíños naviculares de termo fixo, que probablemente estaban ligados ao aproveitamento de  algún tipo de mineral que aínda non temos constatado, pero que por analoxía podemos comparar con outros que si están comprobados, ligados a  explotación do ouro polos romanos en Pino del Oro, en Zamora. Si veremos, tamén, os Buratos dos Mouros, unha especie de Médulas que temos en Pinzás e Vilachán, con grandes movementos de terra e mineral para explotar ouro. Mámoas, regueiras e fontes, e a toponimia que nos informa do que é e/ou o que foi o territorio e nos fai ver de outro xeito todo o que nos rodea cando sabemos como se chama cada lugar, cada recuncho, cada outeiro, cada fonte. Información, as veces codificada, que aportaa moitos datos para a investigación científica en moitos campos, non só na arqueoloxía, bioloxía, xeoloxía e lingua.

Agardamos que o tempo acompañe e poidamos gozar durante todo o día dunha xornada de lecer, instrutiva e reivindicativa.

Animádemos e acudide con calzado e roupa axeitados, ganas de andar, xantar e bebida para o camiño.

Pinzás
Preme para ver o mapa para chegar a Casa do Pobo de Pinzás

Preme para baixar o díptico da xeira

MARCHA CONTRA CELULOSAS o día 1 de xuño

MARCHA CONTRA CELULOSAS o día 1 de xuño
SAÍDA AS 19:30H DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA

O día 1 de xuño farase nunha nova “MARCHA CONTRA CELULOSAS” para apoiar a esixencia do peche do complexo e contra a ampliación da concesión que recolle a nova lei de costas.

A súa vez informamos tamén que nace unha plataforma en Pontevedra baixo o nome “Plataforma 2018 contra a prórroga a ENCE”. Esta plataforma nace coa ideia de denunciar e traballar en prol de evitar que ENCE, coa modificación da lei de costas, poida estar na ría de Pontevedra máis aló do 2018.

Entre as primeiras actividades a desenvolver por esta plataforma está unha charla-coloquio, baixo o lema de “POR UN MODELO SUSTENTÁBEL PARA A COMARCA, CONTRA A PRÓRROGA A ENCE” , na Casa das Campás o día 29 de maio, ás 20:30h

ManiENCE2013

Domingo 19 de maio, 11:00 horas. Andaina polos montes de Cabral

Como non resultan suficientes os centros comerciais que hai na nosa cidade e arredores, o Concello de Vigo apoiado por capital estranxeiro planea levar a cabo un macro centro lúdico comercial e residencial nos montes de Cabral. Este levaría por diante toda unha grande área de importante valor ecolóxico e cultural, tanto polos seus vestixios arqueolóxicos coma pola súa vitalidade acuífera. Xa que logo, queren arrasar co monte alegando postos de traballo e maior riqueza e beneficio para á veciñanza en particular e a cidade en xeral.
 
Pois non! Non é certo! Imposible de crer!
 
A riqueza é termos un ecosistema vivo que sirva para alimentármonos. O beneficio debe vir do pequeno comercio, da empresa familiar que permita que todas as persoas teñan aceso a un prato de comida. E, finalmente, a parte lúdica non pode estar nun centro comercial. Cómpre que cativos e cativas aprendan a construír os seus propios xogos e xoguetes, as súas inquedanzas. Se non logramos que lean, soñen e constrúan de por si estaremos condeando á inopia ás vindeiras xeracións. Xa que estes, hoxe, só son pequenos autómatas que xamais darán en facer un carro de bólas!
 
As comunidades de montes, son unha herdanza que temos a obriga de manter para os nosos fillos e as fillas dos nosos fillos, como as herdamos dos nosas nais e dos pais das nosas nais. Podemos administrar os intereses, pero nunca desprendernos do capital. Eso sería unha traizón aos nosos ancestros que levan centos de anos defendendo o monte, e un roubo as nosas fillas e fillos, verdadeiros propietarios do monte.
 
Por iso, este domingo 19 de maio botámonos ao monte para revalorizalo e coñecelo!
Vén, acode e difunde!
 
 UNHA TERRA VIVA É UNHA VIDA DIGNA!
Roteiro-cabral

As obras da macrodepuradora do Lagares destrúen o amial da Carrasqueira

 AS OBRAS DA MACRODEPURADORA DO LAGARES
DESTRÚEN O AMIAL DA CARRASQUEIRA

Un Hábitat de Interese Comunitario considerado Prioritario

 Ata onte, a Xunqueira do Lagares aínda conservaba o último reducto dos seus bosques de ribeira pantanosos: o amial do lugar da Carrasqueira. Este bosque aluvial de amieiros Alnus glutinosa estaba catalogado como Hábitat de Interese Prioritario pola Directiva 43/92/CEE (cód. 91 E0), e foi o derradeiro bosque de ribeira costeiro do Concello de Vigo despois do brutal desenvovemento urbanístico vigués e das obras de construción da actual E.D.A.R. de Vigo a partires de 1995.

2

 O propio anteproxecto da nova EDAR do Lagares citaba a súa importancia: “Os bosques pantanosos teñen maior relevancia pola súa rareza e a súa consideración de Hábitat de Interese Prioritario, e eríxense nas formacións vexetais de maior interese na área de estudio”… “Son hábitats escasos no contexto xeográfico rexional, por estar vinculados a ambientes de extensión reducida como son os marismáns, lagunares e pantanosos”.

 Pois ben: As obras de construción da nova EDAR do Lagares están talando na súa totalidade este valioso espazo natural.

 O medio natural da contorna da ría de Vigo perde así un espazo representativo do que eran os antigos bosques aluviais galegos, hoxe en día practicamente desaparecidos pola destructiva actividade humana nesta bisbarra tan poboada, e tan irreflexiva e innecesariamente degradada nas últimas décadas.

 A afección biolóxica e paisaxística será enorme, e co amial desaparecerán moitas especies de flora e fauna autóctona a el asociadas, tal e como xa denunciaron no seu momento diversos colectivos veciñais e ecoloxistas nas alegacións presentadas perante Augas de Galicia, no período de información pública do anteproxecto para a ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares.

 E todo isto… para que?. Hai anos que vimos denunciando tres feitos:

  •  A Xunqueira do Lagares é (aínda agora) un humedal digno de formar parte da Rede Natura polos seus valores naturais, e polos valores culturais e antropolóxicos asociados ao ámbito rururbano (o auténticamente herdado do ámbito rural precedente), do seu contorno. Polo tanto, non é un lugar adecuado para unha depuradora, nin macro, nin media, nin micro.
  •  Unha Macrodepuradora non é a solución racional para o saneamento de Vigo ni para a preservación da calidade das augas da Ría, e non pode susbstitur a fiabilidade e capacidade de absorción de avarías e incidencias que ten unha rede de depuradoras de pequeno e medio tamaño interconectadas.
  •  A Macrodepuradora en construcción está abocada a sufrir os mesmos problemas que a depuradora actual (avarías e interrupcións recorrentes no proceso de depuración; alivio periódico de enormes cantidades de augas sin depurar no seo da ría) debido á ausenza de separación de augas residuais e pluviais, e dada a ausenza de depuración das augas residuais industriais en orixe.

 En consecuencia, a destrución da Xunqueira do Lagares non só é inaceptable (polo seu valor natural e antropolóxico) e innecesaria (porque hai alternativas), senón que é inútil (porque non vai a resolver o problema). Polo tanto, a destrución da Xunqueria do Lagares é irresponsable.

 Dende A Ría Non Se Vende lamentamos a pouca sensibilidade dos poderes públicos, que amosan día tras día a súa incompetencia na correcta solución dos problemas públicos e a súa insensibilidade á hora de preservar o noso medio natural.

A Foz do Miñor: Un paraíso… da contaminación

Ante os alarmantes niveis de contaminación microbiolóxica reflectidos nas analíticas realizadas polo INTECMAR na Foz do Miñor nos últimos anos, Salvemos Monteferro ven de interpoñer unha denuncia no comité de peticións do parlamento europeo que foi admitida a trámite, polo que a devandita comisión decidiu solicitar á Unión Europea que se abra unha investigación para dilucidar os distintos aspectos do problema.

Toda a información en http://www.salvemosmonteferro.org

Prema na imaxe para dar un paseo escatolóxico-virtual pola Foz do Miñor

A REDE DE COLECTIVOS GALIZA NON SE VENDE APOIA A MARCHA CONTRA CELULOSAS

Galiza Non Se Vende apoia a marcha que organiza a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra contra do complexo industrial ENCE-ELNOSA o vindeiro sábado 2 de xuño con saída ás 19:30 das alamedas de Pontevedra e Marín.

Despois de décadas de vertidos contaminantes, de actividades molestas, nocivas e insalubres para a saúde humana, e de invasión do dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, contravindo a propia Lei de Costas, opoñémonos a que este complexo industrial siga permanecendo na súa actual ubicación en Lourizán.

Denunciamos as dilacións e o compadreo político que, igual ou peor que gobernos anteriores, están ter os actuais gobernos do PP na Xunta e no Estado co lobbie empresarial, traballando a favor dunha nova Avaliación Ambiental Integrada, agora mesmo de moi difícil aprobación grazas a recente sentenza do Tribunal Supremo que anula a supramunicipalidade da industria decretada pola Xunta no ano 2003 e que obrigará a un informe urbanístico favorable do Concello de Pontevedra, e dunha posible permanencia máis aló do 2018 que estaría baseada nunha modificación á medida da Lei de Costas que Miguel Arias Cañete, ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente pretende realizar.

Porén, mais alá desta grave problemática tamén queremos denunciar que detrás desta actividade industrial está a invasión de eucalipto nos nosos montes e os lumes forestais de alto compoñente intencional que se suceden dende que a citada empresa se instalou na actual situación hai cinco décadas. Lumes que ano tras ano van desertizando os nosos montes, perdéndose o solo fértil, ficando a rocha nai descuberta e estragando para sempre os recursos naturais e a rica biodiversidade destes espazos.

Por engadido, despois de anos da aparición e espallamento do gurgullo parasito do eucalipto, Gonipterus scutellatus, a patronal pasteira ASPAPEL, onde está integrada ENCE, está promover actualmente unha fumigación aérea masiva cun produto químico, o flufenoxurón, que xa foi catalogado como nocivo para a saúde humana e o medio ambiente pola UE, estando xa prohibida a súa fabricación, a súa comercialización a partir do vindeiro 1 de agosto e a súa utilización a partir do 31 de decembro de 2012.

Estas fumigacións afectarían moi negativamente á vida das abellas, outros insectos, fauna insectívora, medio acuático e a propia saúde humana por inhalación ou a traveso da alimentación e mesmo da auga potable. Curiosamente, arruinaría tamén a loita biolóxica emprendida fai anos coa introdución da avespa australiana Anaphes nitens que parasita ó gurgullo e que tamén é  sensible ao flufenoxurón.Están proxectadas en gran parte do litoral galego con eucaliptal afectado, sen distinción de ser espazo protexido ou non, de afectar a cursos de auga ou a núcleos de poboación e pódense cualificar de crime contra o medio ambiente a biodiversidade e a saúde humana. Se finalmente chéganse a levar a cabo, dende Galiza Non Se Vende promoveremos a depuración penal dos responsábeis da súa autorización e execución.

A rede de colectivos Galiza Non Se Vende demanda o desmantelamento inmediato de ENCE-ELNOSA da súa actual ubicación no dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, a recuperación da ribeira do mar e da vida e produción mariña e litoral, a substitución do eucalipto por especies forestais e frondosas autóctonas, e unha reorganización da xestión forestal baseada na prevención, multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte, no seu uso social, colectivo e cultural, que solucione ó actual abandono e contribúa á xeración de postos de traballo.

Rede de colectivos Galiza Non Se Vende

Comunicado de solidariedade da rede “A Ría Non Se Vende” coa loita contra ENCE-ELNOSA, na ría de Pontevedra

DESDE A RÍA DE VIGO SOLIDARIZÁMONOS COA LOITA CONTRA O COMPLEXO ENCE-ELNOSA NA VECIÑA RÍA DE PONTEVEDRA.

A rede de colectivos “A Ría Non Se Vende” apoiamos e asistiremos á manifestación convocada pola “Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra”, para o venres 21 de Outubro, en contra da renovación das autorizacións ambientais e, esiximos o peche e o desmantelamento definitivo deste nocivo complexo industrial.

Recheo de ENCE-ELNOSA

Preme na foto

O complexo industrial ENCE-ELNOSA é un dos máis poluíntes da Europa. Desde hai máis de 40 anos leva contaminando a ría de Pontevedra e a atmosfera, afectando a todos os seres vivos que viven dentro e fóra da ría, prexudicando á saúde e calidade de vida das persoas, destruíndo os recursos naturais e afectando á economía local, sobre todo á pesca, ao marisqueo e ao turismo. Alén diso a produción de pasta de papel promove unha política forestal baseada no monocultivo do eucalipto e outras especies alóctonas invasoras que, ano tras ano, serven de propagación de incendios forestais por todo o territorio dado o seu carácter pirófito, desertizando os nosos montes e sedimentando por engadido os fondos mariños das nosas rías coas súas cinzas.

ENCE-ELNOSA viola sistematicamente a normativa medio ambiental galega, estatal e comunitaria.

O bipartito PSOE-BNG, permitiulles superar os límites fixados de contaminación pola Lei de Aguas Residuais Urbanas, en materia orgánica, metais pesados como cadmio e mercurio e organoclorados, por medio das chamadas AAI (Autorizacións Ambientais Integradas), e agora a Xunta do PP quere renovalas. Seguir lendo