CANGAS: Non pasarán

foto401.jpgA cidadanía de Cangas, agrupada no Foro Social desa vila do Morrazo, leva máis de dous anos resistindo pacífica pero firmemente, coa súa presencia diaria diante das máquinas, á construción do porto deportivo e a urbanización ilegal de Massó, no Salgueirón.

Dous anos tódolos días: é fácil dicilo pero o valor da súa constancia é difícil de medir.

Cando nas eleccións municipais do pasado maio foi derrotado o PP e substituído polo tripartito BNG, PSOE, ACE (opostos a tal actuación), moitos pensamos que a batalla rematara con ben.

Pero non.

A Promotora Residencial Marina Atlántica, que ten como principal accionista a Caixanova, está anunciando estes días mediante unha gran campaña publicitaria, que vai intentar comezar esas obras ilegais. O novo proxecto que ven anunciando na prensa pretende ser unha versión suave dunha obra que vai destrozar o entorno, e ven sendo a coartada para xustificar cambios de opinión. Non entendemos como unha entidade de caracter pretendidamente “social” como Caixanova se pode adicar a actividades especulativas, a pelotazos que representan graves atentados ao medio ambiente.

Todo isto estase facendo co silencio cómplice da Autoridade Portuaria de Vigo e de parte dos partidos gobernantes nese concello, BNG e PSOE, que manteñen agora unha atitude ambígua, cando non favorábel, a un proxecto rexeitado polos veciños e veciñas de Cangas, incumprindo deste xeito o pacto asinado entre as tres forzas políticas que gobernan neste concello.

Dende A RÍA NON SE VENDE queremos manifestar o noso rexeitamento á construción de máis portos deportivos, que deterioran e privatizan a costa, non crean os postos de traballo que nos pretenden vender e van ligados á especulación urbanística que tanto mal está facendo.

Temos que lembrar que o proxecto de Massó é un máis dos que están previstos no Morrazo xunto con Pescadoira en Bueu ou a ampliación do Porto de Aguete. E como xa se veu neste último ou en Beluso están provocando desastres ecolóxicos, alteración de correntes e desprazamento de area nas praias.

Hai alternativas á destrución da costa que pasan polo seu coidado e por impedir a especulación urbanística, tal e como están facendo noutras zonas do estado que se caracterízan polo respecto ao entorno. Para iso as administracións teñen que deixar de ser as principais impulsoras da destrución do litoral, xa que consinten e promoven obras que só benefician a uns determinados intereses económicos.

Por todo isto, foille remitido á Autoridade Portuaria de Vigo o escrito que máis abaixo adxuntamos.

Os grupos asinantes rexeitamos o anunciado reinicio de obras no Salgueirón e expresamos a nosa intención de opoñermos dun xeito pacífico pero firme ao pretendido reinicio das obras, advertindo das responsabilidades en que poden incurrir os funcionarios ou representantes políticos que conculquen o seu deber de cumprir e facer cumprir a lexislación vixente.

Lembramos (e lembrámoslles a eles) que este proxecto inclúe actuacións ilegais sobre dominio público marítimo terrestre, ilegalidades que poden ser castigadas con penas de inhabilitación e cadea e que ademais non prescriben.

Estas ilegalidades e os seus responsables serán denunciadas/os ante a fiscalía no mesmo momento en que as máquinas comecen a executalas.

AO PRESIDENTE DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

En nome e representación da rede “A Ría Non Se Vende” veño a manifestar:

A traveso dos medios de comunicación tivemos coñecemento de que é intención da entidade “Marina Atlántica S.A.” iniciar as obras dun porto deportivo en “O Salgueirón”, Cangas, para o que di contar con todos os permisos e autorizacións pertinentes.

A citada entidade manifesta que modificou substancialmente o proxecto inicial para así, (sic), “satisfacer la demanda social detectada”.

No referente ás modificacións e demais aspectos do “novo proxecto” non cabe outra solución que remitirlle ao publicado.

Acompáñanse copias do publicado respecto diso nos últimos días.

Por razóns obvias, e a tenor do disposto nas vixentes Leis 27/1992, de 24 de noviembre, de Puertos del Estado y de la Marina Mercante (en diante LPEMM), e 48/2003, de 26 de noviembre, de régimen económico y de prestación de servicios de los puertos de interes general (en diante LREPSPIG), a Autoridade Portuaria de Vigo, administración xestora dos terreos de dominio público portuario que aquí nos ocupan, debería ter coñecemento da situación en cuestión, e autorizar os cambios do proxecto citado.

Cabe recordarlle que, aínda ao seu pesar, mantemos, e así o denunciamos ante quen corresponde, que a concesión outorgada no seu día pola APV conculcou o disposto nas vixentes LPEMM e LREPSPIG por canto no momento de resolver o atrabiliario concurso público que deu pé á adxudicación da concesión do porto deportivo que aquí nos ocupa, non dispuña dos terreos -en terra- e da zona marítima adxacente tendo en conta que ambas contaban con concesión e autorización de explotación, respectivamente, vixentes, o cal inhabilitaba e invalidaba calquera actuación respecto diso.

Dito o anterior, pomos no seu coñecemento, e no dos demais membros do Consello de Administración da APV, que é intención da entidade citada dispor do resto dos terreos (non outorgados na suposta concesión) baixo xurisdición da APV a fin de completar o seu proxecto.

Non é constatable, por non terse producido nunca, que se executaran os preceptivos e imprescindibles trámites, que permitan á entidade “Marina Atlántica S.A.” dispor da totalidade dos terreos de dominio público portuario onde pretende levar a cabo as súas actuacións.

Remítolle ao publicado así como ás copias das denuncias que se achegan no Cd que se acompaña.

Polo exposto,

SOLICITO:

Que a tenor do disposto na lexislación vixente, cúmpraa e fágaa cumprir por mor do cargo que ostenta e ocupa.

Que adopte cantas medidas cautelares estime necesarias e oportunas en evitación de situacións “alegais”, ilegais e irreversibles.

Que inicie cantos trámites sexan necesarios a fin de restablecer a legalidade.

En Cangas, a 11 de xaneiro de 2008

PD : Copia deste escrito, así como dos anexos que o acompañan, serán remitidos a cantas institucións, administracións e entidades estimemos necesario, aos efectos oportunos.

De non actuar Vd. de acordo ás obrigacións inherentes ao cargo que ocupa será denunciado ante os pertinentes tribunais conforme establécese na vixente Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal. Lle lembramos que este proxecto inclúe actuacións ilegais sobre DPMT, ilegalidades que poden ser castigadas con penas de inhabilitación e cadea, non prescribindo os delitos. Estas ilegalidades e os seus responsables serán denunciadas/os ante a fiscalía no mesmo momento en que as máquinas comecen a executalas.

REDE A RÍA NON SE VENDE

Salvemos Monteferro

Centro Social A Revolta

Plataforma pola defensa da enseada San Simón

Voces polo Litoral de Teis

Luita Verde

Bouzas Móvete

Asociación Cultural Caleidoskopio

Verdegaia

Foro Social de Cangas

Colectivo Nacionalista de Marín

G.A.S.

Plataforma para a Conservación do Litoral de Bueu Anduxía

Advertisements

4 thoughts on “CANGAS: Non pasarán

  1. Parabens. Netes tempos nos que os nosos gobernantes, (locais, naciónal, estado), sexan do signo que sexan, non ven senón polos ollos do neoliberalismo, só as alianzas entre as diferentes organizacións que cremos que outro mundo é posíbel, vai salvar o país das gadoupas do imperialismo e dar calidade de vida á cidadanía.

  2. Ou eu me confundo, ou o da paralización das obras do Salgueirón é todo un record, polo menos a nivel da Península Ibérica. Coñecedes algún caso no que se conseguise frea-la especulación durante dous anos?. Por non falar de botar a uns incompetentes e desbota-lo PXOM. É incrible, dende logo, é todo un exemplo de que si se quere se pode e de que non todo está acabado. Dende logo a min, éncheme de optimismo. E unha victoria moral e real para todos, pero sobre todo para esas persoas.
    Non podo falar máis que dun fito e de admiración. É incrible, pero posible!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s