5 de xuño: Manifestación “Eólica así non”

O vindeiro sábado 5 de xuño, ás 12:00h. na Alameda de Santiago de Compostela:

EÓLICA, ASÍ NON!

MANIFESTO POR UN NOVO MODELO DE DESENVOLVEMENTO EÓLICO PARA GALIZA

Atopámonos nunha situación de espolio enerxético, na que Galiza volve ser territorio de sacrificio diante dun modelo oportunista e fraudulento de proxectos eólicos fragmentados para esquivar a normativa legal e que invaden o noso espazo de vida. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio.

O desenvolvemento masivo, sobredimensionado e sen planificar das instalacións eólicas a grande escala, e en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, supón múltiples impactos, impactos que son irreversíbeis. Non hai excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, e mesmo literalmente colocados enriba de petróglifos, de patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura.

O actual sistema para a implantación da enerxía eólica en Galiza segue rexéndose por unha planificación sectorial caduca (finais dos anos 90) e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético fronte aos dereitos das comunidades locais afectadas e o interese colectivo. Unha normativa agravada pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e pola Lei de simplificación administrativa deste mesmo ano 2021. Son as “Leis de Depredación”, que permiten axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio, e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras.

Neste momento xa superamos os 100 concellos con parques eólicos, temos máis de 4000 aeroxeradores instalados nos nosos montes… 4000 dise moi rápido!, pero cada unidade de muíño, só para a súa superficie de uso vertical, precisa dunha superficie maior á que ocupa a Praza do Obradoiro compostelá. Galiza conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado español, malia que representa menos do 6% da súa superficie. Ten o maior nº de aeroxeradores por habitante do Estado español. Aquí, en 2020, a potencia instalada atinxiu os 130 kW/km2, fronte os 54 kW/km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña.

Cunha produción renovable (eólica e hidroeléctrica) que supera o consumo actual, o 28% da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía,

empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado. Tamén en 2020, a potencia eólica instalada superou a potencia hidroeléctrica, polo que Galiza se atopa diante dun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética. Galiza necesita ter soberanía sobre dos seus recursos e capacidade para decidir o modelo de desenvolvemento a implantar para que este reverta na maioría social do país.

As plataformas e colectivos que asinamos este manifesto estamos a favor das enerxías renovábeis, pero sempre que sexan sustentábeis, non á costa da destrución do medio ambiente e comprometendo a calidade de vida das galegas e galegos. Demandamos un novo marco normativo que contemple e cumpra sen excepcións as seguintes dez premisas de cara a un novo modelo de desenvolvemento eólico na Galiza:

  1. Moratoria das  instalacións  en  tramitación,  sexan  competencia  da Xunta  ou do Estado español, e redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica.
  2. Protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade, chaves para amortecer os efectos da mudanza climática e para aumentar a resiliencia dos ecosistemas dos que depende a vida.
  3. Ampliación da superficie protexida de Galiza. Só o 11,5% da supeficie galega está ambientalmente protexida. Reclamamos unha vez máis á Administración galega que cumpran co mandado da UE e que amplíe dun xeito urxente os espazos naturais protexidos en Galiza como Rede Natura 2000, únicos espazos nos que a día de hoxe se prohíbe por lei a instalación de novos proxectos eólcos.
  4. Unha transición ecolóxica ordenada, xusta e ao servizo do país. Rexeitamos que á costa do territorio galego, as grandes industrias contaminantes aproveiten a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado. O pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos seus recursos e o seu modelo económico, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental, que evite a destrución de emprego e a emigración, e que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo.
  5. Fomento do aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética, o fomento do autoconsumo, a produción á pequena escala e a xestión pública galega. A transición enerxética debe partir dun plan orientado á redución das necesidades da sociedade e medidas de xestión da demanda. Fronte á produción ilimitada, os recursos enerxéticos de Galiza deben basearse en criterios de aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética. Cómpre apostar por proxectos de produción e autoconsumo a pequena escala, reducindo distancias entre xeración e consumo, evitando o transporte innecesario da enerxía coas perdas que este ocasiona.
  6. Data de caducidade para as concesións eólicas existentes . Esiximos que o dereito á explotación do vento en Galiza, como recurso natural de caracter público, sexa outorgado a través de concesións con data de caducidade.
  7. Capacidade local de decisión. Os parques eólicos son considerados por defecto de “utilidade pública”, malia ser de iniciativa privada, prevalecendo por riba de calquera outro dereito e implantándose sen diálogo social. Apoiamos que propietarios/as das terras afectadas teñan capacidade de negociación coas promotoras dos parques eólicos e que se elimine o dereito da expropiación directa.
  8. Esiximos unha  normativa xusta  para a sociedade, non a favor do lobby eólico. Deben derrogarase as “leis de depredación” que fan imposible que a consulta pública dos proxectos sexa participativa, real e efectiva. Esiximos tamén a prohibición da fragmentación dos proxectos eólicos e do seu uso como vía para esquivar as avaliacións de impacto ambiental. Así mesmo, é imperativo adaptar a normativa eólica para facela compatible coa normativa ambiental, de patrimonio e da paisaxe.
  9. Cumprimento da normativa para a protección do medio ambiente. Esiximos do Goberno Galego a aprobación urxente dos plans de conservación de especies en perigo e vulnerábeis, e a actualización e catalogación das especies no listado de Réxime de protección especial. O goberno debe esixir Estudos de Impacto Ambiental de calidade, independentes e non fraudulentos.
  10. Paralización e prohibición dos muíños eólicos próximos a núcleos de poboación. O actual modelo eólico prevé que aeroxeradores -que hoxe superan os 150 metros de altura- se coloquen a 500 metros das vivendas, unha distancia claramente insuficiente que ten efectos na calidade de vida das persoas, fomentando o empobrecemento da sociedade rural, depreciando os seus bens materiais, culturais e ambientais, constituíndo unha motivación máis para abandonar un rural que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación. Este muíños constitúen unha intensa contaminación acústica, risco de incendio, e impactos das infraestruturas auxiliares. Reclamamos ademais a retirada daqueles que aeroxeradores que xa se atopen nesta situación.

EÓLICA, ASÍ NON!

Santiago de Compostela, xuño 2021.

Deixar un comentario