Homenaxe a un loitador: Enrique Romasanta. Sábado 5 de novembro ás 17:00 h. no palco da Alameda de Bouzas.

HOMENAXE A ENRIQUE ROMASANTA RODRÍGUEZ O DÍA 5 DE NOVEMBRO

O sábado 5 de novembro @s compañeir@s, amig@s e familia farán unha homenaxe a ENRIQUE ROMASANTA RODRÍGUEZ, falecido o pasado 27 de agosto, como recoñecemento da súa loita na defensa medioambiental da nosa Ría e o noso litoral. O acto de homenaxe comezará ás 17 horas no palco da alameda da antiga Vila-Mariñeira de Bouzas, dende onde nos dirixiremos ata a praia de Salgueiros e de aí ao Mesón O Buraquiño (Rúa de Eduardo Cabello 7A ou Covadonga 9).

Loitador libre e ao mesmo tempo comprometido cos seus compañeir@s nunha loita común, Enrique Romasanta, “Roma”, dedicou toda a súa vida a esta tarefa sen descanso, guiado pola idea “Think Global, Act Local” (“Pensa globalmente, actúa localmente”).

Nesta longa viaxe vital atopouse co desprezo e a marxinación por parte de moit@s, mais tamén coa admiración e o agradecemento doutras xentes que compartían a súa sensibilidade e o seu respecto ao entorno natural; co tempo esta paixón común froitificou na integración dos esforzos locais de moitos colectivos nunha rede de estrutura horizontal, A RÍA NON SE VENDE.

Na súa dilatada experiencia, Roma descubriu que, paradoxalmente, a maioría das veces eran as propias institucións encargadas de aplicar a lexislación ambiental as que, facendo total abandono desta función, permitían e favorecían intereses particulares que supoñían unha grave deterioración do litoral galego. Este paradoxo Roma expresábao dicindo que “hoxe o revolucionario é facer cumprir a lei“. De maneira que, achegando o seu vasto coñecemento sobre lexislación portuaria e ambiental ademais da súa coraxe, traballou con plena dedicación levando ás instancias xudiciais numerosos casos de actuacións ilegais de deterioración do medio ambiente no ámbito da Ría de Vigo e o seu litoral. Un dos froitos máis destacables deste labor foi a sentenza da Audiencia Nacional, ratificada polo Tribunal Supremo, que a finais desta década pasada anulou a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do Porto de Vigo por ser aprobado previamente sen ningún tipo de avaliación ambiental.

Xunto a esta faceta de loitador no terreo xudicial non debemos esquecer a do incansable e valente activista que se plantaba diante de camións e escavadoras para impedir a execución material daquelas mesmas actuacións, mostrando así o consecuente das suas accións cuxa ilegalidade denunciaba nos xulgados.

Unha opinión sobre “Homenaxe a un loitador: Enrique Romasanta. Sábado 5 de novembro ás 17:00 h. no palco da Alameda de Bouzas.

  1. Muchas gracias por la invitación, acudiré al homenaje por supuesto. Creo que habría que rendirle homenaje perpetuo. Quizá se pueda hacer al menos un acto de recuerdo cada año, para que su ingente labor nunca caiga en el olvido y llegue a las generaciones jóvenes, que son las que pueden llevar más lejos su legado, continuándolo
    Creo que el mejor homenaje que le podemos hacer a Roma es continuar con su importantísima labor, defendiendo nuestra ría y nuestra costa de la especulación voraz de Puertos del Estado y otros organismos, culpables de desgracias ecológicas y medioambientales, como el MACRORELLENO DE BOUZAS, que es LO PEOR QUE SE LE HA HECHO A LA RÍA DE VIGO. Nuestra ría es o era de una riqueza medioambiental tan grande que debería ser declarada patrimonio natural y ecosocial de la UNESCO.
    HAY QUE SEGUIR LUCHANDO

Deixar un comentario