NOTA DE PRENSA SOBRE O PLANO DE USOS E AS OBRAS DE RECHEO NO AREAL

Recheo absurdo do ArealNOTA DE PRENSA DE “A RÍA NON SE VENDE”

SOBRE O PLANO DE USOS E AS OBRAS DO AREAL

Desde a rede de colectivos “A Ría Non Se Vende” consideramos unha aberración que se levante a paralización cautelar da obra do Areal por parte da Audiencia Provincial, sobre todo cando se coñece, polas declaracións da ministra Espinosa, que a Autoridade Portuaria, aínda a día de hoxe, non enviou o informe de Plano de Usos ao Ministerio de Medio Ambiente para a súa tramitación ambiental.

Aínda que a Audiencia condiciona as obras do Areal a un Plano de control ambiental, estas non se poden executar legalmente sen a existencia dun Plano de Usos debidamente aprobado. Ademais, falar de plano de control ambiental parece un xeito de sacarlle importancia ao que debería ser un estudo serio de impacto, intentando deste xeito enganar a opinión pública, dando a imaxe de que se están facendo as cousas ben, para saír do paso. Ademais o organismo designado pola Audiencia como competente para realizar o hipotético control ambiental, pertence ao propio Ministerio de Fomento, sendo polo tanto xuíz e parte.


Consideramos que con este fallo a Audiencia cede á presión da campaña mediática feita desde o Porto de Vigo e o grupo de empresas cómplices na destrucción da Ría, para proseguir con esta obra catastrófica para o medio ambiente.

Desde a Audiencia din que non existe ningún informe pericial que concrete o posible prexuízo grave para o equilibrio dos sistemas naturais, que puidera derivarse da súa execución.

Sorprendente: como non existe informe pericial decídese que non existe dano ambiental. Nós pensamos que o correcto sería que, antes de chegar a esa falsa conclusión, a Audiencia houbera solicitado dalgún organismo competente esa peritaxe.  E, de non ser así, bastaríalles con ler o informe de 2001 do Instituto de Investigacións Mariñas, do Oceanográfico e da Universidade sobre ditas obras, no que se asegura que, de levarse a cabo, serían moi prexudiciais para os ecosistemas da Ría de Vigo.

Aínda máis: en todo caso procedería a aplicación do principio de cautela –que a Audiencia ignora– que esixe que non se leve a cabo ningunha acción cando non se teña a absoluta seguridade de que non vai provocar danos ambientais graves e irreversíbeis, principio que é un dos fundamentos da política ambiental europea.

Por outra banda, cómpre insistir en que as Avaliacións Ambientais, tanto Estratéxicas como de Impacto, son ferramentas para a redacción dos planos e dos proxectos, non instrumentos de control ambiental a posteriori. Resulta incongruente redactar un plano sen criterios ambientais e sometelo posteriormente a avaliación.

Coas declaracións de onte, a ministra Espinosa ven darnos a razón ao que levamos demandando desde ARNSV en dous aspectos fundamentais:

 

  • Que o Plano de Usos entra dentro dos supostos previstos na Lei 9/2006, polo que é necesario sometelo á Avaliación Ambiental Estratéxica.


  • Que as obras do Areal precisan de Estudo de Impacto Ambiental. Polo que criticou que desde o seu propio Ministerio se fixeran declaracións favorábeis a esta obra sen que haxa un informe deste tipo.


De ser certo que o Porto de Vigo non cursou a solicitude para iniciar a tramitación ambiental do Plano de Usos, a Autoridade Portuaria estaría mentindo descaradamente desde Agosto de 2009, cando nos respostou por escrito (documento adxunto a esta nota), que o Plano de Usos se atopaba xa na fase de tramitación medioambiental.

Unha vez máis temos que manifestar a nosa indignación ante a irracionalidade e irresponsabilidade das institucións que nos mal gobernan, poñendo o territorio e o medio mariño ao servizo do poder económico e furtándollos as xeracións actuais e, sobre todo, as vindeiras.

A RÍA NON SE VENDE
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s