Manifestación en Vigo contra a macrodepuradora

2.jpg

POR UNHA RÍA LIMPA E VIVA

A ría de Vigo presenta uns índices de contaminación alarmantes. Parte de esta contaminación é debida aos metais pesados, moi nocivos para a saude, que proveñen das industrias.

Na cidade mais industrializada do país, as aguas industriais da maioria das empresas non se tratan e van, xunto coas aguas residuais urbanas e as pluviais, cara unha depuradora que está preparada para tratar exclusivamente a materia orgánica das aguas domésticas, polo que a contaminación vai, cada dia, en aumento e pode chegar o momento en que o peixe e o marisco da ria nom se podan comercializar por ser nocivos para a saúde.

Seguir lendo

OURENSE, CORRUBEDO E COMPOSTELA, 5º, 6º E ÚLTIMO CONCERTOS DA CARAVANA DE GALIZA NON SE VENDE

cartaz-de-ourense.jpg

cartaz-de-corrubedo.jpg

cartaz-de-compostela.jpg

Últimas paradas da Caravana de concertos de Galiza Non Se Vende:

Xoves, 12 de febreiro en Ourense un concerto especial de entroido no dia de compadres do entroido ourensan: con actividades desde as 18:00 con obradoiro de compadres na rua do paseo, ás 19:45 Desafio: Capitalismo-Terra na rua do Paseo con rolda de prensa incluida, ás 20:00 pasaruas con percusión e malavares até o Grándola, na Praza San Marcial, ás 20:15 Repichoca de compadres-GNSV no Grándola con Algaravia e Gomes Mouro, ás 21:15 Pasaruas con percusión e malavares até o Auriense na Praza do Correxidor, ás 21:30 concerto no Auriense cos grupos: Guezos e Airas e ás 24:00 Persecución de compadres desde o Faíscas na rua Lúa.

Sábado, 14 de febreiro en Corrubedo, ás 22:00 na Sala Sursumcorda, onde actuarán os gruposs: Os Jalochos, Charanga punki, os Chiquiliquatres, e Inllorfeis.

Domingo 15 de febreiro en Compostela, último concerto de esta caravana, coincidindo coa manifestación nacional de Galiza Non Se Vende, ás 17:30 na Sala Nasa. Onde tocarán os grupos: Os da Ría, The Homens, Quempallou e Dakidarría.

15 de febreiro: Manifestación Galiza Non se Vende

mani-de-gnsv2.jpgCOMUNICADO DE CONVOCATORIA

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa máis enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto, inxusto e insustentabel modelo económico e social.

Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega sairá á rúa xunta (e revolta), o dia 15 de febreiro nunha grande manifestación nacional en Compostela, que partirá ás 12 da mañá da Alameda, baixo o lema:

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada.

Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: Esquecemento interesado das persoas máis necesitadas economicamente, marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, caos eólico, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, depredador e insostíbel; urbanismo salvaxe, deterioro dos núcleos históricos das vilas, especulación xeralizada, macroáreas metropolitanas engulidoras e centralizadoras do territorio, extinción programada da agricultura e da pesca artesanal, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio cultural, especialmente do arqueolóxico…

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos as nosas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos e conscientes, ante a incapacidade e covardía duns gobernantes que renuncian a deter esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra sen necesidade de esmagar ao resto do mundo e ás xeracións futuras.

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos baleiran de contido as palabras, mentres agochan detrás actuacións cheas de parcialidade.

Por todo isto é necesaria a presenza de todas e todos o domingo 15 en Compostela, na Alameda ás 12:00 do mediodía.

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

Terra viva e vida digna para tod@s!

FERROL 4º CONCERTO DA CARAVANA DE GALIZA NON SE VENDE


cartaz-caravana-ferrol.jpg

O próximo sábado dia 7 de febreiro, a Caravana de Galiza Non Se Vende fai unha parada no Ferrol, cun pasaruas, polas ruas de Ferrol, desde as 19:00 e un grande concerto na Sala Run Run, ás 22:00. Actuarán os grupos: Vai (músicas do mundo) e Deskartes band (Ska desde Ponteareas)

Por un cambio de rumo nas políticas ambientais e sociais de este pais, o domingo 15 de febreiro, coincidindo co derradeiro concerto da Caravana, os 57 colectivos que formamos a rede de Galiza Non Se Vende convocamos unha manifestación nacional en Compostela, que sairá ás 12:00 da alameda. E terá o lema:
GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE
O 15 de febreiro tod@s a Compostela