TALASO ATLÁNTICO: Empresarios e Alcaldes á marxe da lei

O Alcalde de Oia, Alexandre Rodríguez; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Xosé Manoel Fernández Alvariño; os alcaldes de Baiona e A Guarda; a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia; a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra; as Asociacións de Empresarios de Oia e A Guarda, e a Federación de Empresarios de O Baixo Miño apoian ao responsable do Talaso Atlántico, Xesús Pérez Xil, e opóñense a execución da sentenza firme do TSXG que anula as licenzas do complexo, o que implica o seu derrubamento.

O Talaso Atlántico é unha edificación ilegal, construida en solo rústico protexido baixo licenzas emitidas irregularmente, e cuxa actividade ten graves efectos ambientais en terra e no mar. O Talaso, que recibiu subvencións improcedentes de varios organismos públicos, conculca a lexislación urbanistica, a lei de Odenación do Territorio, a lexislación ambiental, a Lei de Augas e a Lei de Costas. O documento anexo contén un relatorio destes feitos.

Talaso

Feitos que foron oportuna e repetidamente denunciados ante os xulgados, e divulgados nos medios de comunicación locais, galegos e estatais. Como resultado dos procedementos xuidiciais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dictou en 2009 sentenza firme de anulación das licenzas de construcción, o que leva implícito o derrubamento do complexo. O Xulgado nº 3 do Contencioso Administrativo de Pontevedra instou dúas veces (2009 e 2012) a execución forzosa da sentenza.

Polo tanto, os alcaldes e empresarios citados apoian públicamente a unha empresa subvencionada irregularmente, que degradou ilegal e irreversiblemente uha extensión de solo rústico protexido no litoral de Oia, que contamina o mar de xeito continuo, e que está destinado á demolición.

Todos eles instan á Xunta de Galicia a que salve o establecemento, pese a ser a propia Xunta quen perseguiu a súa demolición nos tribunais. En palabras do responsable do Talaso, Xesús Pérez Xil: “Esto es un un tema que se resuelve con una decisión política. Los políticos tienen mucho poder para resolver el problema” (Faro de Vigo, 2013.06.07). “Estoy convencido de que el presidente de la Xunta está tomando cartas en el asunto para evitar el derribo”(Faro de Vigo, 2013.06.16).

É intolerable que o apoio dos alcaldes e dos empresarios traspase os límites da legalidade e se materialice na oposición pública ao cumprimento dunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, neste caso, defende o ben común, procurando a restitución da legalidade urbanística.

Tan intolerable como que se utilicen os postos de traballo perdidos como excusa para legalizar unha ilegalidade. Con todo o respecto para os traballadores: podemos xustificar unha actividade ilegal e contraria ao ben público polos postos de traballo que crea?

Consideramos que a connivencia entre as administracións públicas e as organizacións empresariais, apoiando a unha empresa privada en contra da legalidade, opoñéndose a sentenzas xudiciais firmes e ignorando o ben común, revela a progresiva transformación da democracia nunha oligarquía económica na que o poder político non xestiona o ben común, senón os intereses do poder económico do que é axente.

E o proceder duns e doutros está acadando un nivel de impudicia que os cidadáns non podemos tolerar calados. Eis a razón desta nosa denuncia pública.

 

ANEXO: Historial resumido do Talaso Atlántico

Domingo 16 de Xunho: Andaina reivindicativa pola Cruz da Maceira e Pastoriza, no Morrazo

CARTAZ-ROTEIROEN DEFENSA DO PATRIMONIO NATURAL, FORESTAL E CULTURAL

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere convidarte ao roteiro que organiza este vindeiro domingo 16 de xuño pola Cruz da Maceira e Pastoriza, lugares afectados por un proxecto de parque empresarial de carácter supramunicipal. A saída do roteiro, de dificultade media, será ás 10 da mañán desde a área recreativa de O Beque (A Fraga-Moaña) e chegada ao mesmo lugar ás 13h.

Percorrido: Pozo da Maceira, Cruz da Maceira, Pastoriza, Pedra da Pousa, río das Gorgadas, mámoa de Forno das Arcas, A Telleira, monte capela de San Lourenzo, monte Furcos, Cruz da MAPA-ROTEIROMaceira, Regadantes, O Beque.

Puntos de interese: áreas de ribeira de dous nacementos do río da Fraga, carballeiras e bosque mixto de Pozo da Maceira, núcleo rural de Pastoriza, área de ribeira do nacemento do río das Gorgadas con carballeiras, bidueiral e hábitat natural prioritario de matogueira, mámoa megalítica de Forno das Arcas, ruínas da capela de San Lourenzo do século XVII, áreas forestais de monte Furcos e Pedra da Pousa, carballeiras, soutos e bosque mixto de Regadantes.

Durante o roteiro percorreranse camiños e corredoiras, na súa maior parte, que forman parte do sendeiro municipal do Río da Fraga, do de curto percorrido de Chans e do GR-59 de longo percorrido do Morrazo xunto con vías forestais e rurais.

Como chegar

Para chegar até as instalacións de O Beque hai que utilizar a PO-313 Marín-Moaña, desviarse pola EP-1102 á altura do miradoiro de A Paradela en dirección ó núcleo rural de A Fraga e coller finalmente o desvío en subida á esquerda pouco antes da Taberna A´de Lino.

Proxectos de polígonos

As zonas a visitar, malia estar integradas en chan rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas, patrimonial e de infraestruturas e en monte de propiedade comunal, están ameazadas por un proxecto de parque empresarial supramunicipal, entre os concellos de Moaña e Marín, que podería chegar a recualificar até 1.500.000m2 (1.152.021m2 en Pastoriza e 435.528 m2 na Cruz da Maceira) con fortes desniveis arredor dos 400 metros de altura sobre o nivel do mar. O impacto ambiental e paisaxístico na conca que conforman os nacementos do río da Fraga (entre os altos do Cruceiro, Valadiño, Outeiro da Carballosa , Monte Formigoso e Monte Faro) e do río Gorgadas (afluente do Loira) sería irreversíbel. Seguir lendo