Festa Revolta no Courel

SOS Courel. Paremos a desfeita. O vindeiro 11 de Agosto en Froxán vaise celebrar unha xornada de loita festiva en solidariedade cos colectivos do Courel que están a defender a serra contra a ameaza de espolio e destrución patrimonial, e que seguen reivindicando a creación do Parque Natural do Courel. Queremos apoiar a toda esa xente, veciños, veciñas, amigos e amigas que traballan na elaboración de estratexias para acadar un desenvolvemento sostible que evite o despoboamento e perda dos valores naturais e culturais dunha zona de montaña que é por riba de todo un ben común que debemos preservar para as xeracións futuras.

Por iso facemos un chamamento en solidariedade coa asociación SOS Courel para participar na súa campaña de defensa da serra cando máis o precisa. Queremos convidar a todos e todas as cidadás a unha xornada festiva de loita que terá lugar o vindeiro 11 de agosto en Froxán, con diversas actividades artísticas e ecolóxicas, na que diversos e diversas artistas do país pasarán revista en clave cómica retranqueira á situación na que se atopa a Serra perante a cobiza e a comenencia duns poucos e a complicidade doutros tantos. Pois xa que o poder político, baixo calquera das súas aparencias, non parece aprestarse a servir ao ben común e cumprir coas súas obrigas como garante do noso patrimonio natural e cultural, só aos cidadáns e cidadás nos compre erguer defensas e loitar pola súa preservación coas armas que nos son dadas: o humor e a intelixencia. Programa provisional: Seguir lendo

A PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO REXEITA O PLAN DE MELLORA VIARIA DO MORRAZO

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita o Plan de Mellora Viaria do Morrazo ideado pola Consellería de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas para a comarca pois redunda no mesmo modelo de desenvolvemento insustentable do transporte de mobilidade que tivemos ata agora, favorecedor do caro e contaminante vehículo privado e da especulación urbanística, en detrimento unha vez máis do necesario e alternativo desenvolvemento de proximidades e o transporte colectivo.

Desde a plataforma queremos denunciar que o Plan só busca a construción de novas e maiores estradas (25,5 kilómetros en total sumando os 14´8 do proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade cos 4,2 da variante de Moaña, os 2,2 da variante de Cangas e os 4,3 da recentemente inaugurada variante de Marín) para poder incrementar o parque automobilístico e motorizado fóra dos núcleos urbanos, enlazándoo co resto das actuacións propostas (“acondicionamentos” das PO-313, PO-315 e PO-551) e intentar absorver inutilmente ese incremento de tráfico viario cara as praias e á especulación urbanística residencial e industrial, dende o litoral ata os montes. Seguir lendo

Presentación de Alegacións á Proposta de DEUP (Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios) do Porto de Vigo

A rede de colectivos de defensa ambiental, cultural e social A Ría Non Se Vende presentou o pasado luns, 9 de xullo de 2012 alegacións á proposta de DEUP da Autoridade Portuaria de Vigo, facendo constar o seguinte:

 Sobre os valores e a fraxilidade da Ría de Vigo

 As Rías Baixas galegas e, en particular, a Ría de Vigo, atópanse entre os ecosistemas mariños de meirande produtividade biolóxica do mundo. De aí o seu enorme valor como ben natural en si mesmo, e o seu valor económico como fonte de recursos naturais.

 Porén, as Rías son extremadamente fráxiles ante as agresións ambientais, tales como os dragados e os aterramentos, que eliminan ou desprazan bancos pesqueiros, sepultan ou degradan bancos marisqueiros e lugares de cría e alevinaxe, alteran as correntes mariñas; menoscaban a achega de nutrintes da plataforma continental e alteran a súa distribución, contaminan os fondos mariños, reducen a renovación das augas da Ría e degradan todos os seus ecosistemas.

 Sobre as limitacións do Porto de Vigo debido a súa localización

 O Porto de Vigo, debido á súa situación no interior da Ría, non pode medrar como outros portos situados no litoral exterior, cara ao mar aberto. Calquera ampliación do porto en termos de extensión superficial ou de aumento de calado supón unha degradación grave e irreversible da Ría. Seguir lendo