Presentación galega do libro Del Amor, Ricardo Mella

Acción Libertaria II presenta Del Amor, Ricardo Mella

           O 10 de novembro de 1889 celebrabase en Barcelona o “Segundo Certamen Socialista”. O 15 de novembro de 1899 nacía en Pontevedra, Urania Mella Serrano. De aí que entre o 12 e o 15 de novembro deste 2014 demos en presentar en terras galegas Del Amor, libro que compendia os ensaios “Breves apuntes sobre las pasiones humanas” e “Del Amor: modo de acción y finalidad social”, textos do topógrafo e pensador libertario Ricardo Mella imprentados en Madrid este mesmo ano e que chegan agora a nosa terra da man dos seus editores, La Rosa Negra: http://proyecto.larosanegraediciones.com/

https://www.facebook.com/libreria.larosanegra

DElAMorcartazweb

          Catro xornadas, catro puntos xeográficos distintos  para coñecermos as razóns que motivaron á editorial madrileña a dar ao prelo estes textos do pensador vigués, ao tempo que afondamos na actualidade e utilidade do ideario do “Século de Ouro” do anarquismo español. Así, a través da pluma áxil e sinxela de Ricardo Mella recordaremos un claro, honesto e harmónico xeito de encarar a vida e a realidade social.

    Desta sorte, a primeira parada destes parrafeos será o mércores 12 en Betanzos na Libraría Biblos http://www.labiblos.com/; continuamos a viaxe e o xoves 13 xunto con Unión Libertaria http://unionlibertaria.org/ul/ apeámonos en Ferrol para visitar o lendario Ateneo Ferrolán http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/. O venres 14 a parada terá lugar en Vigo na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios http://bibliotecadaemao.blogspot.com.es/, onde entre moitas outras mulleres e homes estudaron as irmáns Alianza, Esperanza, Urania e Luz. Finalmente, o peche deste traxecto será na emblemática Taberna Marrucho en Baiona https://www.facebook.com/marruchobaiona para podermos celebrar o 15 de novembro o aniversario de Urania a carón da súa familia e coas actuacións da banda folk A Bagunda http://abagunda.wordpress.com/ e do home máquina do ragga galego, Xenderal https://soundcloud.com/gendebeat/ .

Organiza: A Ría Non Se Vende, http://www.arianonsevende.org

 

EFEMÉRIDES

  • 10 de Novembro de 1889, Palacio de Bellas Artes, Barcelona, “Segundo Certamen Socialista” o topógrafo vigués Ricardo Mella participa neste certame literario -canda Anselmo Lorenzo ou Tarrida del Mármol entre outros autores- con seis traballos, todos eles premiados: “La anarquía: su pasado, su presente, y su porvenir”, “Breves apuntes sobre las pasiones humanas”, “La Nueva Utopía”, “El Colectivismo: sus fundamentos científicos”, “Organización, agitación, revolución” e “El Crimen de Chicago”.
 
  • 15 de novembro de 1899, nace en Pontevedra: Urania Mella Serrano, sexta descendente da parella formada por Esperanza Serrano e Ricardo Mella. En 1936, Urania será represaliada e o seu marido, Humberto Solleiro, asasinado. Mais, a rabia é maior ca dor e os berros da súa estirpe seguen na rúa loitando por unha terra viva e unha vida digna en redes como A Ría Non Se Vende ou a banda Dakidarría.

 

Defendámonos, logo, caladamente, con furia, ou con humor tibetano, pero non transixamos cunha soia agresión máis, porque os ataques están sendo máis sutís, máis cheos de argumentos, de falsa erudición, en nome do Progreso ou dunha incerta Irmandade Universal que só avanza cara á uniformidade tecnolóxica. Está en xogo a nosa supervivencia, e non só como Pobo, senón como seres humanos.

Lois Pereiro, Modesta Proposición

 

Gallaecia, novembro 2014