O PORTO DE VIGO TENTA SIMULAR LEGALIDADE AMBIENTAL

foto336-menu.jpg

A autoridade portuaria de Vigo (APV) ven de sacar a concurso o estudo de impacto ambiental de catro actuacións portuarias nas zonas de Bouzas e o Berbés que implican recheos de 95.000 m2, superficie equivalente a máis de 10 campos de fútbol.

Este anuncio corrobora a intención do ente público de continuar expandindo o porto a costa da ría sen someterse á legalidade. Dende o ano 1992 a APV ten a obriga de elaborar e aprobar un Plan de Utilización dos Espazos Portuarios (PUEP, máis coñecido como Plan de Usos) acorde coa Lei de Portos. E dende o 2003 ten a obriga de aprobar un Plan Director de Infraestruturas.

Pois ben: ao longo de 18 anos a APV non conseguiu, máis ben non perseguiu cunha determinación real, a elaboración e aprobación dun Plan de Usos. A causa deste “retraso” é a multitude de actividades alleas ao porto que están implantadas en terreos de dominio público portuario, e que non poderían ser incorporadas nun PUEP acorde coa legalidade.

Por outra parte, dende o ano 2006 a elaboración de plans e programas debe realizarse incorporando a Avaliación Ambiental Estratéxica no seu deseño. Polo tanto, os deseños do PUEP ou do Plan Director deben facerse tendo en conta os efectos ambientais que poidan provocar todas as infraestruturas, instalacións e actividades portuarias localizadas en tódolos ámbitos da Ría baixo competencia da APV, e as súas consecuencias sobre a totalidade da Ría, incluso alén. Ademais, o seu proceso de elaboración e aprobación debe ser, por lei, transparente e aberto á consulta e participación da cidadanía.

Sen embargo, a APV tenta evitar estes “amolantes” procesos fuxindo cara adiante, aprobando proxectos sen un PUEP ou Plan Director que os xustifique técnica e legalmente, e eludindo a Avaliación Ambiental Estratéxica mediante Avaliacións de Impacto Ambiental fragmentadas e redactadas á medida.

Tal é o caso do Areal, cuxo proxecto foi realizado, como os demais, en ausencia de PUEP, e cuxa avaliación ambiental se pretende agora substituír pola que se fixo hai 10 anos para un proxecto distinto, redactado baixo unha lexislación diferente menos proteccionista que a actual. Corina Porro e Luis Lara, presidenta e director, respectivamente, da Autoridade Portuaria de Vigo, están imputados penalmente por este recheo, a pesar das fortes presións en contra.

A APV tenta proseguir unha expansión portuaria irracional e ilegal a costa da Ría, movida polo interese lucrativo das empresas e entidades que ampara. Actualmente están previstos 228.000 m2 de recheos, incluídos os 80.000 m2 do Areal, varios deles en zonas tan sensibles como a Rede Natura, na Enseada de San Simón.

O porto de Vigo non é un porto calquera. É un porto situado nunha ría que ten unha riqueza biolóxica única no planeta, dos seus recursos biolóxicos dependen case 10.000 empregos directos.

É necesario o respecto ás leis e o respecto a unha ría en grave perigo. Administracións, xuíces, medios de comunicación, empresas que explotan bens públicos e cidadanía deben ser conscientes disto. As regras de xogo están nas leis, non permitamos máis que o xogo sucio de algúns teña graves consecuencias para todos e todas.