Sábado 1 de xuño: Xeira pola minaría romana do ouro na Groba.

O vindeiro sábado, 1 de xuño,  teremos unha xeira pola serra da Groba para ver a minaría romana na zona de Pinzás, así como o rico patrimonio inmaterial, arqueolóxico  e natural que atesoura a Groba nesta parte da cara leste da serra.

Coa ameaza da minaría destrutiva á vista, teremos ás 10 h. unha pequena charla introdutiva antes de pornos a camiñar. Despois, iremos vendo o rico patrimonio e a paisaxe que temos en terreos de Pinzas e Vilachán, en Tomiño, e achegaremonos ao punto onde se xuntan os concellos de Baiona, Gondomar, Oia e Tomiño, no Corno Ladredo, onde poderemos ver unha posible forma de explotar os recursos mineiros que non era tan destruitva coma a que agora nos ameaza. Veremos uns muíños naviculares de termo fixo, que probablemente estaban ligados ao aproveitamento de  algún tipo de mineral que aínda non temos constatado, pero que por analoxía podemos comparar con outros que si están comprobados, ligados a  explotación do ouro polos romanos en Pino del Oro, en Zamora. Si veremos, tamén, os Buratos dos Mouros, unha especie de Médulas que temos en Pinzás e Vilachán, con grandes movementos de terra e mineral para explotar ouro. Mámoas, regueiras e fontes, e a toponimia que nos informa do que é e/ou o que foi o territorio e nos fai ver de outro xeito todo o que nos rodea cando sabemos como se chama cada lugar, cada recuncho, cada outeiro, cada fonte. Información, as veces codificada, que aportaa moitos datos para a investigación científica en moitos campos, non só na arqueoloxía, bioloxía, xeoloxía e lingua.

Agardamos que o tempo acompañe e poidamos gozar durante todo o día dunha xornada de lecer, instrutiva e reivindicativa.

Animádemos e acudide con calzado e roupa axeitados, ganas de andar, xantar e bebida para o camiño.

Pinzás
Preme para ver o mapa para chegar a Casa do Pobo de Pinzás

Preme para baixar o díptico da xeira

MARCHA CONTRA CELULOSAS o día 1 de xuño

MARCHA CONTRA CELULOSAS o día 1 de xuño
SAÍDA AS 19:30H DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA

O día 1 de xuño farase nunha nova “MARCHA CONTRA CELULOSAS” para apoiar a esixencia do peche do complexo e contra a ampliación da concesión que recolle a nova lei de costas.

A súa vez informamos tamén que nace unha plataforma en Pontevedra baixo o nome “Plataforma 2018 contra a prórroga a ENCE”. Esta plataforma nace coa ideia de denunciar e traballar en prol de evitar que ENCE, coa modificación da lei de costas, poida estar na ría de Pontevedra máis aló do 2018.

Entre as primeiras actividades a desenvolver por esta plataforma está unha charla-coloquio, baixo o lema de “POR UN MODELO SUSTENTÁBEL PARA A COMARCA, CONTRA A PRÓRROGA A ENCE” , na Casa das Campás o día 29 de maio, ás 20:30h

ManiENCE2013

Domingo 19 de maio, 11:00 horas. Andaina polos montes de Cabral

Como non resultan suficientes os centros comerciais que hai na nosa cidade e arredores, o Concello de Vigo apoiado por capital estranxeiro planea levar a cabo un macro centro lúdico comercial e residencial nos montes de Cabral. Este levaría por diante toda unha grande área de importante valor ecolóxico e cultural, tanto polos seus vestixios arqueolóxicos coma pola súa vitalidade acuífera. Xa que logo, queren arrasar co monte alegando postos de traballo e maior riqueza e beneficio para á veciñanza en particular e a cidade en xeral.
 
Pois non! Non é certo! Imposible de crer!
 
A riqueza é termos un ecosistema vivo que sirva para alimentármonos. O beneficio debe vir do pequeno comercio, da empresa familiar que permita que todas as persoas teñan aceso a un prato de comida. E, finalmente, a parte lúdica non pode estar nun centro comercial. Cómpre que cativos e cativas aprendan a construír os seus propios xogos e xoguetes, as súas inquedanzas. Se non logramos que lean, soñen e constrúan de por si estaremos condeando á inopia ás vindeiras xeracións. Xa que estes, hoxe, só son pequenos autómatas que xamais darán en facer un carro de bólas!
 
As comunidades de montes, son unha herdanza que temos a obriga de manter para os nosos fillos e as fillas dos nosos fillos, como as herdamos dos nosas nais e dos pais das nosas nais. Podemos administrar os intereses, pero nunca desprendernos do capital. Eso sería unha traizón aos nosos ancestros que levan centos de anos defendendo o monte, e un roubo as nosas fillas e fillos, verdadeiros propietarios do monte.
 
Por iso, este domingo 19 de maio botámonos ao monte para revalorizalo e coñecelo!
Vén, acode e difunde!
 
 UNHA TERRA VIVA É UNHA VIDA DIGNA!
Roteiro-cabral

Representantes do goberno galego e da Universidade de Vigo inauguran un congreso no Talaso Atlántico

Representantes do goberno galego e da Universidade de Vigo inauguraron o Congreso Internacional sobre Marine and Freshwater Toxins Analysis  celebrado no Talaso Atlántico, un complexo ilegal e con sentenza de derribo polas súas irregularidades urbanisticas e polo seu impacto ambiental

 A Rede de asociacións ecoloxistas, de acción social e defensa cultural A RÍA NON SE VENDE ven de enviar unha carta á Conselleira de Medio Rural e do Mar e ao Presidente da Xunta de Galicia para amosar a súa indignación ante o feito de que responsables do goberno galego, inaugurasen o Congreso Internacional sobre Marine and Freshwater Toxins Analysis celebrado no complexo Talaso Atlántico. 

Talaso

Este complexo é unha edificación ilegal, construida en solo rústico protexido baixo licenzas emitidas irregularmente, e cuxa actividade ten graves efectos ambientais en terra e no mar. O Talaso, que recibiu subvencións improcedentes de varios organismos públicos, conculca a lexislación urbanistica, a lei de Odenación do Territorio, a lexislación ambiental, a lei de Augas e a Lei de Costas. O documento anexo contén un relatorio destes feitos.  Seguir lendo