CONTRA O MACROCENTRO COMERCIAL NOS MONTES DE CABRAL

03

A RÍA NON SE VENDE CONTRA O MACROCENTRO COMERCIAL NOS MONTES DE CABRAL

Como consecuencia do aberrante proceso de redacción do PXOM de Vigo, rexeitado, alegado e recorrido na súa contra por moita da veciñanza, estes terreos agora no punto de mira da especulación, que en orixe estaban clasificados como chan rústico de especial protección forestal e dos que uns 300.000 m2 son monte comunal, pasaron estar clasificados como urbanizables, dando paso a esta operación de auténtico pelotazo urbanístico que conta coa complicidade do Concello de Vigo e a presunta colaboración da directiva da Comunidade de Montes de Cabral.

Ante a asemblea da Comunidade que se vai celebrar este domingo, a rede de colectivos A Ría No Se Vende solicítalle aos comuneiros e comuneiras que participen que fagan un exercicio de responsabilidade votando en contra do macrocentro comercial e de ocio que proxecta a multinacional inglesa Eurofund Investiments.

Este proxecto, aínda que o promocionen dicindo que xeraría miles de postos de emprego, na realidade incidiría máis na destrución de empregos no pequeno e mediano comercio local e da pequena industria máis achegada a nós, dentro dun modelo centralizador e espoliador representativo das malas prácticas ultracapitalistas que nos trouxeron ata a situación de crise actual.

Eliminaría masa forestal necesaria como pulmón para a atmosfera dunha cidade xa bastante polucionada, afectaría ao patrimonio arqueolóxico, social e cultural, ós recursos económicos asociados ó monte, á paisaxe e á propia memoria vital dos veciños e veciñas da zona.

Os montes comunais, teñen unha función ecolóxica e socio-económica derivada dos seus recursos e non pertencen soamente a unha xeración, chegaron a nós grazas ós esforzos de nosos devanceiros e é o noso deber coidalos e transmitilos no mellor estado posible ás xeracións que virán.

Apelamos á conciencia e á responsabilidade dos comuneiros e comuneiras como xestores do monte como ben común. Pedímolles que non se deixen manipular e defendan o que é seu e de todos/as nós.

De seguir este mesmo modelo económico de especulación e espolio imos de xeito irreversible a un precipicio ambiental, económico e social. Esiximos  construír o noso futuro tendo en conta o medio ambiente, os recursos que nos proporciona e a básica dimensión de proximidade e sustentabilidade que debe prevalecer nas nosas relacións económicas.

Domingo 21 de Abril: IV ANDAINA POLA DEFENSA DA SERRA DO GALIÑEIRO

Imaxe

CARTAZ

Domingo 21 de Abril: A vosa presenza sumará forzas neste momento no que é preciso facer fronte a febre mineira que nos ameaza
IV ANDAINA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO.

SAIDA:
Parque forestal de Zamáns ás 10:30 h.

CHEGADA:
Parque forestal de Zamáns as 15:00 h.
Zona de aparcamento: Parque forestal de Zamáns.
O percorrido pasa polos sitios onde se ubicarán alomenos 6 xeradores eólicos e pola área onde se prevé realizar as catas de prospeccións mineiras de terras raras.
A RUTA:
Cun percorrido de 10 km. (3 e media / 4 horas) disfrutaremos das terras de Zamáns e Herville.
Ao remate, lectura do manifesto, poesía e música:
Rexina Vega, Paco Barreiro, Manolo Pipas, Leo i arremecághona e Os Carunchos.
E para os pequenos:
O Mago Marco.
E tamén:
Faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.
Tamén haberá bocatas, empanadas e viandas variadas para quen queira comprar alí.
Esperamosvos !!! 

MINAS! PARA QUÉ(N)?
Como se despois da explotación do estaño polos fenicios, do ouro polos romanos e do wolframio polos alemáns se cinguira sobre nós a cuarta ondada mineira… Neste caso “sen complexos”, a ceo aberto!

Unha multinacional canadiana pretende extraer ouro en Corcoesto coa técnica do cianuro ameazando o val do río Anllóns e a ría de Laxe e Corme nos concellos Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco na Costa da Morte, outra norueguesa tenta tirarlle a terra ás facendas gandeiras das parroquias dos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito na Terra Chá para quedarse co seixo, outra multinacional procura feldespato nas terras agrícolas da Limia, outra busca andalucita nas portas do parque natural das Fragas do Eume. En Castrelo de Miño investigan a posibilidade de facerse co wolfram e estaño ademáis do litio, tantalio e posiblemente Terras Raras, en Viana do Bolo o que os atrae é o coltán. Todo isto sen diminuir a presión das louseiras e graniteiras por todo o país.

No Galiñeiro, Umbono Capital fará investigacións sobre Terras Raras nunha extensión de 10 ha, e a Xunta de Galicia ofertou outras 32 ha para a extración dos mesmos elementos, os minerais que máis reciben o nome de estratéxicos, e por iso máis especulativos.

Que beneficio imos tirar nós de toda esta desfeita?
Un puñado de postos de traballo a cambio da destrución do escaso tecido socioeconómico de cada unha destas bisbarras, da irreparable perda dos bens culturais… da desolación ambiental, da contaminación da agua, o ben máis estratéxico de todos.

Recursos minerais estratéxicos para que?! Estratéxicos para quen?!

Plataforma Pola protección da serra do GALIÑEIRO

 

Sábado 20 de Abril: Ricardo Mella, libertario, daquí, da ría

cartaz_web-1Ricardo Mella Cea foi un topógrafo e librepensador vigués recoñecido a nivel internacional, mais que na súa cidade natal é, para a maioría da cidadanía, un nome baleiro…para uns, unha escola; para outras, unha avenida. Por iso, este próximo sábado 20 de abril celebraremos unha velada artístico-literaria para recordarmos o seu discurso. Un discurso lúcido, subversivo e exemplar que, ante todo, avoga pola soberanía persoal e polo dereito a satisfacer por igual as necesidades fisiolóxicas, intelectuais e morais de toda a humanidade. Di Mella: Eles non ven, non queren ver no home un animal que come, sente e pensa, prefíreno coma cidadán que vota, obedece e traballa. Por iso, a súa lóxica é a da propiedade individual, do privilexio político e da suxestión relixiosa.

Se queredes saber máis tendes unha cita, o 20 de abril. Primeiro, ás 18:00 horas no Bou Eva estrearemos a mostra plástica de Emilio Cabezas Lumpenproletariat e teremos un coloquio con Xosé Manuel Pereiro e Antón Fernández. Así, por unha banda recordaremos o extenso traballo xornalístico de Mella e, por outra, o seu pensamento humanista. Despois deste coloquio, como ben sabemos que, en realidade, todo está roto sairemos a berrar e a bailar cara ao Bar Berlín e o Torreiro da Festa onde a partir das 22:00h. poderemos gozar de música, poesía e circo. Comezaremos cun acústico do Leo de Matamá que se estrea no Berlín e continuaremos no Torreiro da Festa coa poesía de Silvia Penas, o circo de AsSircópatas, o Shaishakarraskaise de Igmig e pecharemos cun sistema de son con García MC ao micro e Cristal Arts aos pratos.

Así é como se loita, non deixando ningún carreiro nin ningunha matogueira ao adversario, cercándoo por todas partes. Se sodes guerrilla, xa seredes exército. Voso será o triunfo. Ricardo Mella en Acción Libertaria, núm. 18. Xixón, 14 abril 1911

http://ricardomella.org/

http://acboueva.blogaliza.org/