A REDE DE COLECTIVOS GALIZA NON SE VENDE APOIA A MARCHA CONTRA CELULOSAS

Galiza Non Se Vende apoia a marcha que organiza a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra contra do complexo industrial ENCE-ELNOSA o vindeiro sábado 2 de xuño con saída ás 19:30 das alamedas de Pontevedra e Marín.

Despois de décadas de vertidos contaminantes, de actividades molestas, nocivas e insalubres para a saúde humana, e de invasión do dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, contravindo a propia Lei de Costas, opoñémonos a que este complexo industrial siga permanecendo na súa actual ubicación en Lourizán.

Denunciamos as dilacións e o compadreo político que, igual ou peor que gobernos anteriores, están ter os actuais gobernos do PP na Xunta e no Estado co lobbie empresarial, traballando a favor dunha nova Avaliación Ambiental Integrada, agora mesmo de moi difícil aprobación grazas a recente sentenza do Tribunal Supremo que anula a supramunicipalidade da industria decretada pola Xunta no ano 2003 e que obrigará a un informe urbanístico favorable do Concello de Pontevedra, e dunha posible permanencia máis aló do 2018 que estaría baseada nunha modificación á medida da Lei de Costas que Miguel Arias Cañete, ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente pretende realizar.

Porén, mais alá desta grave problemática tamén queremos denunciar que detrás desta actividade industrial está a invasión de eucalipto nos nosos montes e os lumes forestais de alto compoñente intencional que se suceden dende que a citada empresa se instalou na actual situación hai cinco décadas. Lumes que ano tras ano van desertizando os nosos montes, perdéndose o solo fértil, ficando a rocha nai descuberta e estragando para sempre os recursos naturais e a rica biodiversidade destes espazos.

Por engadido, despois de anos da aparición e espallamento do gurgullo parasito do eucalipto, Gonipterus scutellatus, a patronal pasteira ASPAPEL, onde está integrada ENCE, está promover actualmente unha fumigación aérea masiva cun produto químico, o flufenoxurón, que xa foi catalogado como nocivo para a saúde humana e o medio ambiente pola UE, estando xa prohibida a súa fabricación, a súa comercialización a partir do vindeiro 1 de agosto e a súa utilización a partir do 31 de decembro de 2012.

Estas fumigacións afectarían moi negativamente á vida das abellas, outros insectos, fauna insectívora, medio acuático e a propia saúde humana por inhalación ou a traveso da alimentación e mesmo da auga potable. Curiosamente, arruinaría tamén a loita biolóxica emprendida fai anos coa introdución da avespa australiana Anaphes nitens que parasita ó gurgullo e que tamén é  sensible ao flufenoxurón.Están proxectadas en gran parte do litoral galego con eucaliptal afectado, sen distinción de ser espazo protexido ou non, de afectar a cursos de auga ou a núcleos de poboación e pódense cualificar de crime contra o medio ambiente a biodiversidade e a saúde humana. Se finalmente chéganse a levar a cabo, dende Galiza Non Se Vende promoveremos a depuración penal dos responsábeis da súa autorización e execución.

A rede de colectivos Galiza Non Se Vende demanda o desmantelamento inmediato de ENCE-ELNOSA da súa actual ubicación no dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, a recuperación da ribeira do mar e da vida e produción mariña e litoral, a substitución do eucalipto por especies forestais e frondosas autóctonas, e unha reorganización da xestión forestal baseada na prevención, multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte, no seu uso social, colectivo e cultural, que solucione ó actual abandono e contribúa á xeración de postos de traballo.

Rede de colectivos Galiza Non Se Vende

Luita Verde denuncia verquidos de entullos e lixo no petrogrifo Abelaires

O Colectivo Ecoloxista presentou este 15 de maio no Concello de Cangas
e na Delegación Territorial en Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria senllas denuncias contra dun verquido incontrolado de entullos e lixo e afeccións por abrasión nos gravados na área de proteción do xacemento catalogado da Idade do Bronce das Abelaires asi mesmo Ben de Interese Cultural de Galicia.

Con varios gravados xeométricos de circos concéntricos con cazoletas e liñas con apéndices, está ubicado á beira do sendeiro ecolóxico de Grande Percorrido do Morrazo (GR-59) na parroquia canguesa de Aldán perto do límite co concello de Bueu e na base do Monte Liboreiro, onde existe outro xacemento castrexo-romano e medieval.

Xa é a terceira vez en 10 anos que Luita Verde denuncia afeccións á área de proteción deste petróglifo e resulta totalmente paradóxico que os verquidos se sigan producindo malia proximidade do punto limpo de recollida de resíduos voluminosos da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Responsabiliza á administración pública do abandono do ben cultural, onde a mesma Mancomunidade de Concellos do Morrazo incumpríu a posta en valor para este xacemento arqueolóxico, que a Dirección Xeral de Patrimonio dictou o 16 de maio de 2001 no seu informe favorable ao Estudio de Efectos Ambientais do Complexo Medioambiental de RSU do Morrazo, na actualidade construído tamén nas proximidades do petróglifo.

Luita Verde solicitou a retirada dos verquidos e a posta en valor do petróglifo.

Bus dende Vigo para asistir a III Andaina en defensa do Galinheiro, este domingo 13 de Maio

O Club Peña Trevinca contratou un bus para asistir á III Andaina en defensa da Serra do Galinheiro, que sairá da praza dos Cabalos de Vigo o domingo 13, ás dez da mañá. O prezo por persoa será de 5 euros para os adultos e 3 para os pequenos, se alguén coñece xente que ten problemas para achegarse a Vincios o domingo e se anima só ten que chamar ao club, ao número 986 420 551 e anotarse pra ir defender a nosa serra. O prezo poderá abonarse no momento de subir ao bus, máis é requisito imprescindibel, para poder levar un control, chamar primeiro ao club pra anotarse, o bus retornará cara á mesma praza dos Cabalos ás seis da tarde desde Vincios.

Domingo 13 de Maio: III Andaina pola proteción da Serra do Galinheiro

Saída: Aparcamento do campo de futbol de A Pasaxe, Vincios ás 10:30 h.

Chegada: Parque Forestal do Galinheiro, Vincios ás 14:30 h.

Lonxitude aproximada: 10 Km., faise en tres horas e media ou catro.

Nivel: medio-baixo, sendeiros doados e con poucos tramos de desnivel.

Despois: lectura do manifesto e xantar popular com a comida que leve cada quen. Haberá música e animación.

www.serradogalinheiro.org

Mapa crítico de Galiza 2012

Dende a Rede de Dereitos Sociais sacamos á luz o mapa crítico de Galiza 2012, un traballo colaborativo de denuncia e oposición á destrucción do País.

Este Mapa crítico Galiza 2012 pretende ser unha sintética plasmación gráfica das agresións e conflitos que, relacionados co medio, son sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do pais que se opoñen cotidianamente a destrución que o modo de explotación capitalista impón sobre o noso territorio.
Baixo tres eixos necesariamente subxectivos (medio, sociedade, economía) tratamos de recoller nesta cartografía crítica, algúns dos elementos centrais na loita pola defensa do que é de toda a cidadanía, do Procomún: ‘esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común’.
Unha ferramenta para sinalar xeograficamente os puntos críticos onde estase a dirimir o futuro dos nosos ecosistemas sociais que, poren, precisa para ser efectiva da materialización física e tanxíbel de esas loitas con as que pretendemos, colectivamente, transformar e conquistar o futuro.

* Este Mapa crítico está adicado a todas aquelas persoas anónimas que, combativas e rebeldes, poñen o corazón e a cabeza na defensa de este pais. A todas, pero en especial a unha: Xosé Reigosa, un galego bó e xeneroso, un imprescindíbel. Vai por tí Xosé!

Mapa crítico Galiza 2012 descárrega aqui:

http://rede.blogaliza.org/2012/04/30/mapa-critico-de-galiza-2012/