As obras da macrodepuradora do Lagares destrúen o amial da Carrasqueira

 AS OBRAS DA MACRODEPURADORA DO LAGARES
DESTRÚEN O AMIAL DA CARRASQUEIRA

Un Hábitat de Interese Comunitario considerado Prioritario

 Ata onte, a Xunqueira do Lagares aínda conservaba o último reducto dos seus bosques de ribeira pantanosos: o amial do lugar da Carrasqueira. Este bosque aluvial de amieiros Alnus glutinosa estaba catalogado como Hábitat de Interese Prioritario pola Directiva 43/92/CEE (cód. 91 E0), e foi o derradeiro bosque de ribeira costeiro do Concello de Vigo despois do brutal desenvovemento urbanístico vigués e das obras de construción da actual E.D.A.R. de Vigo a partires de 1995.

2

 O propio anteproxecto da nova EDAR do Lagares citaba a súa importancia: “Os bosques pantanosos teñen maior relevancia pola súa rareza e a súa consideración de Hábitat de Interese Prioritario, e eríxense nas formacións vexetais de maior interese na área de estudio”… “Son hábitats escasos no contexto xeográfico rexional, por estar vinculados a ambientes de extensión reducida como son os marismáns, lagunares e pantanosos”.

 Pois ben: As obras de construción da nova EDAR do Lagares están talando na súa totalidade este valioso espazo natural.

 O medio natural da contorna da ría de Vigo perde así un espazo representativo do que eran os antigos bosques aluviais galegos, hoxe en día practicamente desaparecidos pola destructiva actividade humana nesta bisbarra tan poboada, e tan irreflexiva e innecesariamente degradada nas últimas décadas.

 A afección biolóxica e paisaxística será enorme, e co amial desaparecerán moitas especies de flora e fauna autóctona a el asociadas, tal e como xa denunciaron no seu momento diversos colectivos veciñais e ecoloxistas nas alegacións presentadas perante Augas de Galicia, no período de información pública do anteproxecto para a ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares.

 E todo isto… para que?. Hai anos que vimos denunciando tres feitos:

  •  A Xunqueira do Lagares é (aínda agora) un humedal digno de formar parte da Rede Natura polos seus valores naturais, e polos valores culturais e antropolóxicos asociados ao ámbito rururbano (o auténticamente herdado do ámbito rural precedente), do seu contorno. Polo tanto, non é un lugar adecuado para unha depuradora, nin macro, nin media, nin micro.
  •  Unha Macrodepuradora non é a solución racional para o saneamento de Vigo ni para a preservación da calidade das augas da Ría, e non pode susbstitur a fiabilidade e capacidade de absorción de avarías e incidencias que ten unha rede de depuradoras de pequeno e medio tamaño interconectadas.
  •  A Macrodepuradora en construcción está abocada a sufrir os mesmos problemas que a depuradora actual (avarías e interrupcións recorrentes no proceso de depuración; alivio periódico de enormes cantidades de augas sin depurar no seo da ría) debido á ausenza de separación de augas residuais e pluviais, e dada a ausenza de depuración das augas residuais industriais en orixe.

 En consecuencia, a destrución da Xunqueira do Lagares non só é inaceptable (polo seu valor natural e antropolóxico) e innecesaria (porque hai alternativas), senón que é inútil (porque non vai a resolver o problema). Polo tanto, a destrución da Xunqueria do Lagares é irresponsable.

 Dende A Ría Non Se Vende lamentamos a pouca sensibilidade dos poderes públicos, que amosan día tras día a súa incompetencia na correcta solución dos problemas públicos e a súa insensibilidade á hora de preservar o noso medio natural.