Veciñ@s e Colectivos de Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior entregan alegacións contra a Canteira

Unha delegación de colectivos (entre eles OAR) e veciñ@s de  Moreira, Ventosela e Amoedo fixo entrega onte 17 de setembro, na delegación provincial da consellería de Innovación e Industria, das alegacións recollidas contra a “admisión a trámite definitiva do permiso de investigación denominado Amoedo I”, que afecta a distintas parroquias dos concellos de Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.

 Os colectivos afectados e contrarios á canteira contan co apoio da Rede A Ría Non se Vende.

 Máis información: www.vigometropolitano.com/news/170/ARTICLE/10368/2008-09-18.html

O Porto de Vigo renuncia a verter lodos contaminados xunto á illa de Sálvora

Poucos días despois de que o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo admitira a trámite a denuncia de A Ría Non se Vende contra o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Paz, entre outros, por un delicto continuado contra o medio ambiente, o Porto de Vigo anunciou onte que non vai seguir adiante co proxecto de verter nese lugar 150.000 toneladas de lodos altamente contaminados procedentes do dragado das dársenas do Berbés.

A denuncia de ARNSV centrábase nos vertidos anteriores, 1,8 millóns de toneladas de lodos procedentes do porto de Vilagarcía, e baseábase nos datos aportados pola propia Autoridade Portuaria.
Precisamente ese era o “argumento” utilizado polos responsables do porto para xustificar a elección do lugar: “Esta mesma zona utilizouse en anteriores ocasións para a realización de verteduras de materiais procedentes de dragados, polo que a afección á sedimentación e fauna mariña será moderada”. (?) Trátase ademais, dicían, dunha zona da ría “bastante externa”, polo que descartan a afección a zonas de baño e bancos marisqueiros.
Xesús Paz manifestou onte que, “A pesar de que a caracterización dos lodos recomenda que sexan depositados no propio mar, o volume é tan pequeno que nestes momentos fainos reconsiderar a nosa postura e envialos a un vertedoiro controlado en terra
Con todo, segue en pé o proxecto de dragar no Berbés, unha operación que Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas, pertencente ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), considera moi perxudicial, porque “espallará a contaminación pola ría”.

Plan Vigo Íntegra? Non, grazas

vi1.bmp25 colectivos de sete concellos aúnan esforzos en defensa do territorio e do patrimonio histórico e natural

NOTA DE PRENSA DE

A RÍA NON SE VENDE

Representantes dos colectivos abaixo asinantes, entregamos hoxe nas oficinas da Xunta en Vigo as últimas das miles de alegacións presentadas ante o chamado Plan Viario Integral, Vigo Íntegra.

Queriamos destacar con esta acción a unanimidade de tan diversas asociacións de toda a contorna da Ría de Vigo, ante un Plan que constitúe unha ameaza de destrución para a maioría das nosas parroquias e concellos.

Promove a construción de 243,8 quilómetros de autovías e 82.4 quilómetros de estradas de circunvalación, variantes e carreteiras de conexión con vías de alta capacidade.

Baseado nun modelo obsoleto de mobilidade, este plan esquece totalmente o transporte público, estimulando aínda máis a utilización do vehículo privado e o movemento de mercadorías por estrada, xerando máis contaminación (acústica e atmosférica, favorecendo o cambio climático) e aumentando aínda máis a nosa xa grande dependencia do petróleo.

A Xunta, que cuantifica en 2.000 millóns de euros o seu custe total (333.000 millóns de pesetas), segue vivindo de costas á irreversible crise enerxética global e está hipotecando ademais o futuro de Galicia.

Canto máis se atrase o cambio do modelo de mobilidade, máis diñeiro teremos malgastado nun sistema de transporte inadecuado, dilapidando gran parte da capacidade financeira indispensable para realizar as transformacións necesarias. Hoxe máis que nunca, os desproporcionados investimentos en autovías e autoestradas son un desperdicio imperdoábel.

Seguir lendo

Powerboat P1: Un circo paleto, caro e destrutivo

pp.bmpA Ría Non Se Vende rexeita a celebración do campionato do mundo de barcos monocasco (Powerboat P1) en augas da ría de Vigo, por representar unha nova afronta e agresión á súa bioloxía e ecoloxía en xeral, unha temeridade, un atranco ó tráfico marítimo e un malgasto de diñeiro público.

Denunciamos que os arredor de 30 barcos monocasco, con 2000 Cabalos de potencia e velocidades de máis de 150 kms. por hora van provocar unha enorme contaminación acústica, tanto supra como submariña, e un elevado consumo de combustible, provocando así mesmo contaminación atmosférica con gases de efecto invernadoiro de clara incidencia no cambio climático.

A contaminación acústica submariña ten graves efectos sobre a fauna e particularmente sobre os mamíferos mariños, como os arroaces.

Así mesmo, ao celebrarse nas proximidades da estación marítima, tamén vai supor un atranco ó transporte da ría.

Por outra parte os máis de 300.000 euros que vai custar o evento nos parece un malgasto inxustificable en tempos de crise económica e o peor é que van ser sufragados con fondos públicos pagados polo Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria.

Responsabilizamos ao goberno municipal de Vigo PSOE-BNG e á dirección do Porto desta nova afronta, que non muda acontecementos similares anteriores de gobernos pasados, e denunciamos que sen embargo non é de recibo que despois se nos diga que non hai diñeiro para comprar unha relíquia histórica coma o Hidria II.

Os mesmos organismos que non son quen de resolver os graves problemas crónicos que afectan á saúde desta ría, non dubidan en dilapidar grandes sumas de diñeiro promocionando actividades paletas e insalubres, circos aéreos e acuáticos que constitúen a antítese da educación medioambiental necesaria. E para iso desvían fondos que serían de gran utilidade para afrontar os enormes problemas que temos prantexados en gran parte pola súa incompetencia permanente.

A RÍA NON SE VENDE

O VERTIDO NO LAGARES: Nota de prensa de A RÍA NON SE VENDE

lagares.bmpA recente crise provocada polo incendio dunha nave no Gorxal e o vertido consecuencia del, que afectou ao Lagares provocando unha auténtica catástrofe ecolóxica, son, a xuízo dos colectivos pertencentes á rede A Ría Non Se Vende, unha mostra máis da nefasta política territorial, industrial e de medio ambiente que están a desenvolver o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia.

A caótica ubicación da industria en Vigo, en polígonos que non son tales, sen manter o necesario distanciamento a vivendas ou cauces fluviais e sen respectar as ordenanzas, regulamentacións e obrigas legais, non mellora coa aprobación dun novo PXOM, que proxecta, por exemplo, a ampliación da zona industrial da Carrasqueira en Coruxo, no medio de zonas urbanas consolidadas e a carón de colexios, ou a aberrante ubicación dunha macrodepuradora na xunqueira do Lagares.
A falla do adecuado control das instalacións industriais e das adecuadas instalacións de prevención de sinistros fan que en este incendio transcorreran dúas horas entre o seu inicio e o inicio dos traballos de extinción e que entre a auga de extinción, a rotura dunha tubería e o vertido dos produtos almacenados, estes chegaran ao río producindo a morte da práctica totalidade da vida fluvial.
Engádese a inconsciencia e falla de coñecemento de quen ordenou o bombeo das augas do Lagares cara a depuradora provocando a morte das bacterias que a fan (aínda que defectuosamente) funcionar.
É outro exemplo máis de que a solución máis axeitada para a depuración sería a creación de múltiples pequenas depuradoras interconectadas entre si e non unha sola que ao deixar de funcionar envía todo o volume de augas sen depurar cara a nosa castigada ría. E unha correcta separación de pluviais, que non é pouco pedir.
Os colectivos de ARNSV solicitan a depuración de responsabilidades e unha planificación territorial, industrial e de saneamento que teña en conta de verdade o medio ambiente, os recursos da ría e a seguridade e salubridade das persoas, e denuncian aos responsables de medio ambiente de ser simples comparsas simulando unha legalidade ambiental que non existe.
A RÍA NON SE VENDE

Agrupaçom de Montanha Augas Limpas
Asociación Cultural Berra Val Miñor
Asociación Cultural Caleidoskopio
Bouzas Móvete
C. S. A Faísca
C. S. A Revolta
Foro Social de Cangas
G.A.S. – Vigo
Luita Verde
OAR – Redondela
Salvemos Monteferro
SOS Serra da Groba
Verdegaia
Voces polo Litoral de Teis

Sábado 13/09/08: ROTEIRO ÁS COVAS DO FOLÓN e RECONQUISTA DE TORALLA 2008

ii-reconquista-de-toralla.jpgPara este sábado día 13 hai dúas actividades programadas con horarios compatibles:

o ROTEIRO ÁS COVAS DO FOLÓN e a

RECONQUISTA DE TORALLA 2008 (II Abordaxe contra a especulación)

Aí vai o programa:

ROTEIRO ÁS COVAS DO FOLÓN

LUGAR: Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo

Estrada Camposancos 226, Vigo Ver mapa

HORA 10:00 da mañá

O Clube Espeleolóxico Maúxo, despois de diferentes campañas para conseguir que as Covas d´O Folón (Coruxo, Vigo) sexan declaradas Monumento Natural, co fin de protexer toda a paraxe do río da Rega, que fai posible a súa existencia, propoñemos, ás diferentes organizacións sociais e ecoloxistas de Vigo e comarca, unha xornada informativa – reivindicativa, para que coñezades todo o potencial deste lugar, o próximo sábado 13 de setembro.

Ao remate da xornada compraceríanos que o maior número posible de entidades asinárades o “Manifesto pro-Folón” que estamos a preparar e proximamente colgaremos na nosa web: http://www.mauxo.com Máis información en pdf adxunto.

PROGRAMA

10:00 Apertura e benvida (Rosa Suárez e Tereixa Otero)

10:10 ¿Qué é o pseduocarst? (Marcos Vaqueiro)

Presentación: Granite Pseudokarst – Vercors 2008. Cave Protection Workgroup.Federation Speleologique de l’Union Europeenne

10:30 ¿Qué é o Folón? (Rei Costas e José Miguel López)

Vídeo programa Natureza – TVG

Presentación: Visita virtual ao Folón. ICGC-2007. Clube Espeleolóxico Maúxo.

11:00 Alicerces pra declaración de O Folón como Monumento Natural

Valores xeolóxicos, xeomorfolóxicos e mineralóxicos (Juan R. Vidal Romaní)

Valores arqueolóxicos (Eduardo Méndez e José B. Costas)

Valores naturais (Miguel García)

Valores antropolóxicos – patrimonio inmaterial (Tereixa Otero)

12:30 Impresións públicas. Charla – coloquio. (Modera: Xavier Groba)

13:00 Excursión ata o Folón, subida polo camiño do Gato. Roteiro silencioso.

14:00 Xantar na dolina

15:00 Visita: Zona da absorción; Canles exocársticas-Dolina Central; Cova Grande; O curso medio da cova; A resurxencia e a súa fraga

Sinatura do manifesto de apoio ao expediente de declaración de O Folón como Monumento Natural.

MATERIAIS NECESARIOS: Para camiñar: Calzado cómodo deportivo, e roupa lixeira (para manchar). Mochila pequena para auga e o xantar. Lanterna e preferiblemente protección para testa.

___________________________________

RECONQUISTA DE TORALLA 2008

II Abordaxe contra a especulación

Piratas! Este ano volvemos á carga.

O sábado 13 ás 18:00 horas precisamos unir forzas de novo para reivindicar unha illa de Toralla aberta para todas e todos, e na que cesen por fin as aberracións arquitectónicas que destrúen por completo o seu patrimonio, tanto natural como cultural. De novo, a nosa protesta consistirá nunha marcha pirata a través da ponte e máis da auga (traede a vosa embarcación!), que rematará nunha manifestación pacífica diante da barreira.

A abordaxe comeza de novo.

Colectivo Xogo Descuberto

NOTA. Os horarios previstos modificáronse para facer compatible a asistencia ás dúas actividades.

Plataforma Cidadá de Redondela, Pleno Municipal do 27/08/08

autovia-non-grazas-plenom-27-02-08.JPG

 O pasado mércores día 27, no marco do pleno municipal mensual, produciuse unha situación sen precedentes na vila de Redondela. Coa escusa de buscar un transcurso supostamente ordenado de ese pleno, o goberno municipal tentou limitar e intimidar a presencia veciñal no salón de plenos. Por unha parte, colocáronse varias filas de sillas con intención de limitar o aforo; por outra, a policía local esixiulle identificación a todas as personas que intentaron cubrir ese aforo. Ademáis, un fortísimo despliegue policial no exterior pretendeu ser unha exhibición de forza por parte do alcalde; unha ducia de axentes antidisturbios, varios policías nacionais e media ducia de policías locais foron a dotación mobilizada, que en momentos resultou máis numerosa que os veciños concetrados en fronte do concello. Cabe aquí comentar que este dispositivo é notablemente superior ó desplegado en eventos como o Entroido de Verán e as feiras, circunstancias moito máis delicadas dende o punto de vista da seguridade cidadá.

Seguir lendo

MONTEFERRO SERÁ DECLARADO PAISAXE PROTEXIDA

portada2.bmp

FARO DE VIGO
05/09/08

MONTEFERRO SERÁ DECLARADO PAISAXE PROTEXIDA

.

Mensaxe de Salvemos Monteferro
a@s nos@s soci@s e amig@s

.

Monteferro, 3 de setembro de 2008

Queridas compañeiras e compañeiros:

Nun acto celebrado hoxe no Casa do Concello de Nigrán, ao que fomos convidados, o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, anunciou o inicio dos trámites necesarios para dotar a Monteferro dunha figura de protección, concretamente a de “paisaxe protexida”.

Se ben unha nova publicada no pasado mes de xuño fíxonos concibir a esperanza de que Monteferro sería incorporado ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, consideramos moi positiva esta cualificación hoxe anunciada.

Aínda que se trata dunha figura de rango sensiblemente inferior, supón unha mellora moi notable na situación xurídica do espazo que desde hai case tres anos defendemos. Lembremos que ate agora só as Normas Subsidiarias do propio concello limitaban os usos e actuacións no monte, protección esa moi feble, como demostrou o intento de urbanización do ano 2005.

Por iso pensamos que a noticia debe ser motivo de ledicia para todas e todos os que, coma ti, temos traballado por salvar Monteferro da especulación… E haberá que celebralo como corresponde.

Pero nada remata aquí. Seguiremos atentos e vixiantes na defensa dese lugar marabilloso e tamén de tantos outros en perigo, tanto no noso Val Miñor como en toda a ría.

Unha forte aperta para tod@s.

LEI 9/2001, DO 21 DE AGOSTO, DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA.

Artigo 15.- Paisaxe protexida.

1. As paisaxes protexidas son espacios que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial.

2. O réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.