COMUNICADO DE SOLIDARIEDADE DA REDE DE COLECTIVOS “A RÍA NON SE VENDE” ANTE O ATAQUE CON MATERIAL INCEDIARIO SUFRIDO POLO CENTRO SOCIAL A REVOLTA

Desde a rede de colectivos “A Ría Non Se Vende” queremos expresar todo o noso apoio e a nosa total e plena solidariedade co Centro Social A Revolta, ubicado no Casco Vello da cidade de Vigo, que na madrugada do sábado 9 de Xuño foi atacado con material incediario causando cuantiosos desperfeitos materiais.

As compañeiras e compañeiros do Centro Social A Revolta, integrado na nosa rede, levan anos desenvolvendo un proxecto colectivo e alternativo, que luita pola defensa dos valores culturais e identitarios da nosa terra, á vez que exerce unha importante laboura social que da vida ao corazón do casco vello. Traballo que é sistematicamente silenciado polos medios de comunicación oficiais e deliberadamente ignorado por todas as administracións públicas, independentemente de quen este no goberno.

Este Centro Social, aberto á cidadanía, ten organizado concertos, mesas redondas, debates, proxecións de cine na rúa e no interior, obras de teatro, recitais de poesia, xantares populares e de solidariedade, recuperación da figura do Merdeiro no entroido, cursos, exposicións e campañas en defensa da terra, da nosa lingua, da nosa cultura, en contra da especulación urbanística…

Alén diso o Local Social A Revolta é un espeazo vivo, liberado e de creación, que sempre serviu como lugar de reunión e de encontro para muitos colectivos, entre os que se topa esta rede. Sendo tamén o xermolo de muitas plataformas e redes.

Este ataque miserabel e cobarde non é un feito isolado, xa que este Centro Social, como outros do pais, leva sufrido varias accións deste tipo. Seguir lendo

Alegacións ao recheo para almacenamento de inertes da empresa EXCONGAL enriba do rego da Maceira

ALEGACIÓNS:
1. O Concello de Moaña fai constar no seu escrito de 26 de abril de 2012:
“Necesitamos precisar de xeito indubidable a posición das distintas actuacións solicitadas a
fin de que sean adecuadamente valoradas pola Xunta de Goberno Local, polo que débese
superpoñer aos distintos planos topográficos as coordenadas UTM nos vérticas e posicións
máis salientables”.
En base a isto, Augas de Galicia remite este informe a EXCONGAL o 7 de maio, mais non consta na presente información pública de solicitude de autorización ningún dos datos solicitados
anteriormente polo concello.
2. As áreas naturais de Outeiro da Carballosa e San Lourenzo están integradas dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, clasificado como solo rústico de protección forestal polas NN CC e SS de Planeamento da Provincia de Pontevedra, onde non están permitidos os recheos nin almacenamentos de inertes dentro dos seus usos. Seguir lendo

A Foz do Miñor: Un paraíso… da contaminación

Ante os alarmantes niveis de contaminación microbiolóxica reflectidos nas analíticas realizadas polo INTECMAR na Foz do Miñor nos últimos anos, Salvemos Monteferro ven de interpoñer unha denuncia no comité de peticións do parlamento europeo que foi admitida a trámite, polo que a devandita comisión decidiu solicitar á Unión Europea que se abra unha investigación para dilucidar os distintos aspectos do problema.

Toda a información en http://www.salvemosmonteferro.org

Prema na imaxe para dar un paseo escatolóxico-virtual pola Foz do Miñor

FALLO DO TRIBUNAL SUPREMO: REGANOSA ILEGAL!!

Nota de Prensa do C.C.E
FALLO DO SUPREMO: ¡REGANOSA ILEGAL!

1.- A más alta instancia Xudicial do Estado acaba de declarar nula a modificación puntual do Plan Xeral de Mugardos que serviu de base á construcción da planta de gas de Reganosa, por carecer da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Este fallo ven a ratificar a sentenza 00311/2008 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 22 de abril e que foi recorrida por Reganosa e o Concello de Mugardos.

2.- Esta sentenza dalle a razón ao Comité Cidadán de Emerxencia tras once anos de loita contra a recolocación da Planta de Gas no interior da Ría. En nome de todos os colectivos que conformamos este Comité queremos amosar a nosa satisfacción por este fallo inapelable do Tribunal Supremo.

3.- Esta sentenza confirma, tal como víñamos defendendo, que a planta de gas de Reganosa é unha instalación que ven funcionando ilegalmente desde hai mais de catro anos. A súa ilegalidade é insubsanable, estamos a falar non dunha instalación calquera, senón dun almacén que contén mais de 150.000 tons. de gas natural licuado (equivalente a 12 millóns de bombonas de butano de uso doméstico). Unha ameaza permanente para a vida de miles de cidadáns e que supón un importante dano ao ecosistema da Ría.

4.- A planta de gas de Reganosa e unha instalación deficitaria que nos custou a todos os usuarios no ano 2011 preto de 58 millóns de euros. A súa produción non acadou o 40 % da capacidade e durante este mes de Xuño debe paralizar a súa actividade entre 8 e 12 horas diarias por falta de contratos de subministro.

5.- A planta de Reganosa é innecesaria. A demanda interna de Galicia pode quedar cuberta permitindo a entrada do gas por gasoducto, tal como viña acontecendo antes do 2007. Mais tendo en conta que o consumo do gas disminuíu desde entón en un 20 %.

6.- Este Comité Cidadán de Emerxencia esixirá a execución da sentenza e por tanto a paralización inmediata da actividade da planta de Reganosa.

Ferrol, 6 de xuño de 2012

www.comitecidadan.org

Domingo 10 de Juño: Manifestación en Compostela contra as fumigacións de eucaliptos cun pesticida tóxico

A Plataforma contra as Fumigacións convoca unha manifestación o domingo día 10 de xuño en Compostela, con saída ás 12:00 dende a Alameda.

O flufenoxurón é o principio activo do Cascade, nome comercial do insecticida que se está a utilizar, co beneplácito da Xunta de Galicia, nas fumigacións de plantacións de eucalipto para luitar contra a plaga do gurgullo que sofren estas árbores foráneas e pirófitas. Este produto mata as larvas de abellas e outros insectos, contamina acuíferos, afectacta a anfibios e aves, é absorbido polos cogumelos e pode chegar a entrar na cadea trófica dos humanos. É perigoso para o medio ambiente e para a saúde das persoas, xa que ten efecto acumulativo.

Na Unión Europea prohibiron a súa comercialización a partires do 1 de Agosto de 2012 por consideralo moi tóxico.

Alen diso este pesticida leva unha substancia que actúa como axente fixador para que a chuvia non o lave. Esta sustancia é parafina ou un derivado, polo que incrementa o risco de incendio. A propia folla de seguridade do produto indica que moi combustibel. Vai o cartaz para que quen poida os imprima e pegue nos locais ou lugares máis axeitados. Agradécese a súa difusión a outros colectivos ou redes.

http://fumigacionsnon.org/

http://www.galizanonsevende.org