
COMUNICADO DE “A RÍA NON SE VENDE”
Ante a noticia de que a Xunta de Galicia estuda a posibilidade de declarar como reserva da biosfera ás Rías Baixas manifestamos:
A proposta baséase nun documento subscrito por persoal facultativo da Universidade de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía e do CSIC.
Foi elaborado pouco antes das datas electorais autonómicas do 2005 e asumido polo PSdG no programa electoral co que se presentou ás mesmas, que se fixo público o 10 de agosto de 2004 na Illa de Arousa.
Pasados máis de tres anos (nos que o documento orixinal sufriu diversas modificacións, engadidos, recortes, interpretacións, etc.) a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, pretende agora presentalo no escaparate como “colofón” á súa hipotética política de “sustentabilidade” de “unha zona sobreexplotada e saturada urbanisticamente” como é a Ría de Vigo.
Sorprende que por parte dos responsables da Xunta se fale de “política de sustentabilidade” cando non resolveron cuestións fundamentais, a nivel ambiental:
As depuradoras funcionan mal ou non funcionan pero se permíte que aos dous lados da ría se pretenda incrementar a construción de urbanizacións carentes de sentido e de necesidade; increméntase tamén a ocupación das ribeiras coa instalación de portos deportivos e non se pon freo á costrución de recheos, privatizando e artificializando a costa; nada se fai por rescatar concesións de ducias de industrias e talleres que ocupan de xeito totalmente inxustificado a franxa litoral, pero si se constrúen e proxectan paseos marítimos que incumpren a lexislación de costas.
Os espazos teoricamente protexidos pola Rede Natura 2000 permanecen en total abandono. A Foz do Miñor, na Ramallosa, está pechada ao marisqueo desde hai case dous anos polos seus elevados niveis de contaminación por augas fecais. A Enseada de San Simón é un rosario desas industrias mal situadas, de depuradoras deficientes e, o que é peor, de proxectos delirantes. Tanto como o dragado e recheo de 7.000 m2 que está a realizar alí unha empresa transnacional (Pescanova), ou o de 10.000 m2 proxectado en Rande, cun pantalán de 6.000 m2 de superficie, 225 m de lonxitude e 100 m. de avance sobre o mar para atraque de buques de transporte. Ou a ampliación ate 34.000 m2 da piscifactoría de Punta dos Castros en Nerga, presente no Plan Galego de Acuicultura, a menos de 750 m do LIC Costa da Vela e situado en terreo de protección de espazos naturais segundo as normas subsidiarias provinciais.
E isto por cinguirnos só á Ría de Vigo onde ademais, coa nova Rede Galega de Espazos Protexidos, centos de Hectáreas perden toda a súa anterior protección ambiental.
É evidente que, como eles mesmos recoñecen, se pretende aproveitar a celebración do Congreso Mundial de Reservas da Biosfera que se celebrará en Madrid o próximo febreiro de 2008, para dar a coñecer o seu plan, e así, rendibilizalo politicamente.
Asumimos, e facemos nosa, a declaración de que as Rías están sobrexplotadas e saturadas urbanisticamente, e por iso solicitamos:
Que se desenvolvan “de verdade” plans de saneamento das Rías.
Que se constrúan cantas depuradoras sexan necesarias -non macrodepuradoras- nas vertentes naturais, coa imprescindible separación de pluviais, fecais e industriais.
Que os plans urbanísticos cumpran con seriedade coas estipulacións da Lei 9/2006 , de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, o que leva, no caso de Vigo, á redacción dun novo PXOM acorde coa devandita Lei.
Que o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios da Zona de Servizo do Porto de Vigo, a redactar e tramitar, cumpra coas estipulacións da citada Lei 9/2006.
Que a Xunta cumpra, e faga cumprir, a lexislación vixente e que os informes que emitan os seus responsables sexan respectados e tidos en conta. Algo que non ocorre no caso do pretendido porto deportivo en “O Salgueirón”, Cangas, que conta cun informe, preceptivo e vinculante, negativo, do que a administración central fai caso omiso.
A RÍA NON SE VENDE loitará, con paixón e perseveranza, para que as rías galegas sexan declaradas Reserva da Biosfera de xeito conxunto con todos aquell@s que, honestamente, o propoñan.