ILLAS CÍES: PATRIMONIO DO OPORTUNISMO

Diante da proposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da súa formación política, PSOE, de presentar candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade para as Illas Cíes, dende A Ría Non Se Vende temos que lembrar que as Illas Cíes xa teñen a máxima figura de protección ambiental existente, a de Parque Nacional, neste caso o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG). Ademais ten tamén as figuras de protección ambiental de Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA), Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Porén, despois de máis de once anos da declaración do PNMTIAG, en xullo de 2002, este aínda non ten aprobado o correspondente Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), e o LIC, dende hai case 10 anos da súa aprobación, en decembro de 2004, non foi debidamente ordeado e regulado para pasar a ser Zona de Especial Conservación (ZEC).

fv20131118

Ademais, durante estes anos realizáronse obras promovidas polas administracións públicas que forman parte do Parque que foron contra da propia protección ambiental (unha pasarela por enriba do complexo dunar de Punta Muxieiro paralizada pola presión do movemento ecoloxista, a pavimentación no faro que case implica a desaparición da especie Erodium maritimum, a ampliación do molle de atraque,…).

Por outra parte O Lago está desaparecendo a pasos axigantados como ecosistema lacustre porque a administración publica non actúa coa mesma celeridade nas correspodentes accións de correción de impacto con respeto ao dique de paso entre a illa de Monte Agudo e a do Faro que provocou a súa alteración.

A masa arbórea existente, a máis de coníferas, sigue sendo basicamente eucaliptal e acacias, polo que en vez dunhas illas do atlántico parece que estean ubicadas en Oceanía; asemade, hai un risco engadido de lume forestal por ser as citadas especies pirófitas. Como consecuencia disto, realízanse amplas franxas de desbroce de prevención de incendios que van contra a vexetación orixinaria, a matogueira atlántica e a súa fauna asociada, en vez de ir talando e eliminando sistematicamente esa vexetación arbórea alóctona, invasora e pirófita.

Realizouse unha intensa campaña publicitaria e mediática que provocou a entrada dun turismo masivo, que fixo que máis que un Parque Nacional pareza un parque urbano de atraccións, cos conseguintes impactos negativos para o medio, a fauna e a flora. Deste xeito, os únicos beneficios son os económicos para unhas poucas empresas privadas do sector terciario e hoteleiro. Mención especial merecen as navieiras, que chegaron até o límite de incumprir moitas veces os topes de viaxeiros autorizados e a pesar de que eses límites xa están por enriba da capacidade sustentable de acollida das illas.

Ademais, prodúcese masificación de fondeo con embarcacións deportivas e en cambio, estanse destinando escasos ou mínimos investimentos en accións de conservación da natureza, aplicando recortes en educación ambiental, e escasa vixianza, sobre todo no medio mariño. Cómpre salientar a situación de declive na que se atopa a poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) que está catalogado como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e para o que non se toman as medidas agardables dun Parque Nacional.

Deste xeito, a protección e conservación deste espazo natural, malia que está recollida no papel, na realidade non se executou baixo a responsabilidade dos distintos gobernos estatais e autonómicos do PP e o bipartito PSOE-BNG até os gobernos actuais. Declarar as illas como Patrimonio da Humanidade, non terá valor ningún se antes non se cumpren escrupulosamente as lexislacións medioambientais que implican as declaracións de PNMTIAG, ZEPA, LIC, ZEPVN, LIC e a xa necesaria ZEC, porque os valores patrimoniais das illas son basicamente os ambientais.

A Abel Caballero temos que lembarlle que é o cargo político menos indicado para falar en nome do patrimonio e menos do que teña relación co natural xa que estando como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo foi o promotor dun Plan de Utilización dos Espazos Portuarios e de megaproxectos como a ampliación do porto de transatlánticos que ían contra da ecoloxía e os recursos da ría de Vigo, da que tampouco podemos esquecer que tamén forman parte as illas como unha unidade ecolóxica. Felizmente rexeitados estes proxectos grazas á mobilización e a contesta social, sen embargo na actualidade e baixo a súa tenencia da alcaldía temos que lamentar a imposición das obras de ampliación da EDAR dentro do dominio público marítimo-terrestre do ecosistema da Xunqueira do Lagares, outra megaobra que representa unha nova ameaza pois non vai solucionar os graves problemas de falla de depuración e de diseño e funcionamento que sempre tivo a depuradora municipal nesa ubicación e na ría.

E á súa formación política, PSOE, habería que lle lembrar así mesmo que no seu momento, na década pasada e previo a súa entrada no goberno bipartito da Xunta, tamén propuxeron a declaración de Reserva da Biosfera para as Rías Baixas, ou mesmo a creación de áreas mariñas protexidas despois da catástrofe do Prestige. Estas son máis necesarias por contido e finalidade que a de Patrimonio da Humanidade que afectaría ademais a un espazo de territorio moito máis reducido. Porén estas propostas, despois de chegado o PSOE ao poder gobernamental, tanto na comunidade autónoma como no Estado, brilaron pola súa ausencia.

A Ría non se vende.

Advertisements