O Club Peña Trevinca contratou un bus para asistir á III Andaina en defensa da Serra do Galinheiro, que sairá da praza dos Cabalos de Vigo o domingo 13, ás dez da mañá. O prezo por persoa será de 5 euros para os adultos e 3 para os pequenos, se alguén coñece xente que ten problemas para achegarse a Vincios o domingo e se anima só ten que chamar ao club, ao número 986 420 551 e anotarse pra ir defender a nosa serra. O prezo poderá abonarse no momento de subir ao bus, máis é requisito imprescindibel, para poder levar un control, chamar primeiro ao club pra anotarse, o bus retornará cara á mesma praza dos Cabalos ás seis da tarde desde Vincios.
Domingo 13 de Maio: III Andaina pola proteción da Serra do Galinheiro
Saída: Aparcamento do campo de futbol de A Pasaxe, Vincios ás 10:30 h.
Chegada: Parque Forestal do Galinheiro, Vincios ás 14:30 h.
Lonxitude aproximada: 10 Km., faise en tres horas e media ou catro.
Nivel: medio-baixo, sendeiros doados e con poucos tramos de desnivel.
Despois: lectura do manifesto e xantar popular com a comida que leve cada quen. Haberá música e animación.
Mapa crítico de Galiza 2012
Dende a Rede de Dereitos Sociais sacamos á luz o mapa crítico de Galiza 2012, un traballo colaborativo de denuncia e oposición á destrucción do País.
Este Mapa crítico Galiza 2012 pretende ser unha sintética plasmación gráfica das agresións e conflitos que, relacionados co medio, son sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do pais que se opoñen cotidianamente a destrución que o modo de explotación capitalista impón sobre o noso territorio.
Baixo tres eixos necesariamente subxectivos (medio, sociedade, economía) tratamos de recoller nesta cartografía crítica, algúns dos elementos centrais na loita pola defensa do que é de toda a cidadanía, do Procomún: ‘esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común’.
Unha ferramenta para sinalar xeograficamente os puntos críticos onde estase a dirimir o futuro dos nosos ecosistemas sociais que, poren, precisa para ser efectiva da materialización física e tanxíbel de esas loitas con as que pretendemos, colectivamente, transformar e conquistar o futuro.
* Este Mapa crítico está adicado a todas aquelas persoas anónimas que, combativas e rebeldes, poñen o corazón e a cabeza na defensa de este pais. A todas, pero en especial a unha: Xosé Reigosa, un galego bó e xeneroso, un imprescindíbel. Vai por tí Xosé!
Mapa crítico Galiza 2012 descárrega aqui:
http://rede.blogaliza.org/2012/04/30/mapa-critico-de-galiza-2012/
O Goberno proíbe a manifestación en Melide mais… iremos á festa!
Aínda que non é habitual que se denegue o permiso para exercer o dereito a manifestarse, nesta ocasión a Delegación do Goberno, seguramente preocupada pola incidencia dun acto molesto para os plans da Xunta e das empresas responsables das fumigacións, decidiu aplicar o prazo mínimo de solicitude, entendendo que non hai motivos que xustifiquen a urxencia da convocatoria.
Se cadra se fosen fumigar con carácter inmediato a casa do delegado do Goberno, aplicaría un criterio diferente, pero isto é o que temos.
Xa que logo, a Plataforma decidiu renunciar a realizar unha manifestación pero mantemos a cita prevista con todos na Foliada de Melide, para realizar información cara a cara e participar como outros cidadáns máis na festa melidense. Informemos en animada e festiva conversa aos nosos paisanos en Melide! Festa con conciencia! Festa activa!
Domingo, 29 de abril ás 11:00 en Melide: Acción contra as fumigacións, cun isecticida tóxico, nos montes de eucalipto
O 29 de abril, às 11:00 na feira en Melide, a Plataforma contra as fumigacións. Por un futuro sen pesticidas desenvolverá unha acción de protesta, en contra das fumigacións masivas que pretenden facer nos montes de eucaliptos contra a plaga do goníptero cun insecticida que causa entre outras cousas a morte das abellas, fundamentais para realizar a polinización e polo tanto relacionadas directamente coa colleita de alimentos. Os responsables principais desto son a Asociación de fabricantes de pasta de papel, que pagan a fumigación, e a Xunta e Concellos que promoven a recollida de sinaturas para que os propietarios autoricen as fumigacións.
Pasearemos pola feira de Melide con máquinas sulfatadoras, máscariñas, outros con traxe de abelleiros, para chamar a atención. Repartirase o manifesto da plataforma e haberá unha intervención pública explicando o que pretenden facer e porqué nos opoñemos.
Se queres obter máis información sobre o tema podes visitar o sitio
http://fumigacionsnon.org/
Para que non nos tiren veneno por riba maniféstate en Melide o 29!
Comunicado no Día Mundial Da Bicicleta

NON A PENALIZACIÓN DO USO DA BICICLETA NA CIDADE DE VIGO
O pasado 15 de Marzo, ás 20:30, D. F. I. circulaba en bicicleta polo carril-bus da rúa Lopez Mora, en direción cara o centro da cidade, cando os axentes municipais nº 440 e 429, da patrulla C-4, o pararon, o obligaron a identificarse e tras telo retido durante uns 25 minutos, tramitáronlle unha multa de 200 €, considerando como infracción grave “circular en bici por un carril reservado a Bus/Taxi”.
Os colectivos Bouzas-móvete, Luita Verde, Salvemos Monteferro, Verdegaia, C.S. A Revolta e C.E. Maúxo consideramos esta sanción como un abuso e un ataque ao uso da bicicleta na cidade, xa que neste concello non se promociona nen se facilita o uso da bicicleta senon que se penaliza, aínda que esta sanción sexa debida a un exceso irracional de celo por parte dos axentes que a tramitaron ou a un desproporcionado afán recadatorio por parte do concello de Vigo. Seguir lendo



